ESPLENDOROSO MAIO

As xentes do campo receaban de tres momentos, sobre todo, para unha boa colleita e por iso estableceron os ritos e as festas dos Robigalia, dos Floralia e dos Vinalia .

Varrón en Plinio N. H. 18,284

rosamarela

ESTALO DE VIDA

A festa en honor da deusa Flora formaba parte, polo menos na Roma primitiva, dun conxunto de prácticas destinadas a convocar a primavera e o favor dos deuses protectores do campo nas recolleitas que ían vir. Xa no tempo dos Reis estas festas deberon ser a continuación dos Robigalia Vinalia Priora, nas que a xente do campo cada 23 de abril ofrecía sacrificios a Robigo para que librase o trigo e os aparellos da labranza do fungo da ferruxe e a Liber-Xúpiter para que dese forza ós novos gromos das vides (Ovidio, Fastos 4, 907-942).

A este tempo primitivo debemos referirnos se queremos entender o sentido de certos ritos que se perpetuaron no tempo: alumear coa luz de numerosos fachos os xogos da deusa, que se prolongaban na noite, ou aquela outra pola que as mulleres se poñían vestidos cheos de vivo colorido; ou a de botar entre a multitude grans secos de ervellas, fabas, pementos, chícharos bravos, para conseguir da terra os dons que ela regala. Ou tamén a de soltar e perseguir á carreira lebres e cabras, animais de temperamento erótico.

Estas prácticas son simbólicas, expresan mesmo o carácter de Flora que representa a explosión e a variedade da vexetación grazas a puxanza do sol.

As Floralia comezaban o 28 de abril, aínda que no século IV a. C.,  o seu tempo ía desde o 30 de abril ó tres de maio. Os xogos escénicos sinalaban o comezo e os xogos de circo e o sacrificio á deusa Flora o seu remate. Foron sempre unhas celebracións de moita algueirada, frívolas e licenciosas en extremo para un poder político estricto no ámbito da moral: no último século da República unhas prostitutas atendían solícitas a petición da xente para se mostraren voluptuosamente espidas. Incluso existe unha tradición que fai de Flora unha prostituta benefactora que doa toda a súa fortuna ó pobo para que celebren todos os anos a súa festa.


Este texto de Ovidio, en Fastos V, 331-379, pode axudarnos a entender unha parte bastante significativa de todo o que vimos de decir:

FLORA non  é unha deusa severa, e así os regalos que trae se prestan á frivolidade, por iso nestas festas das Floralia hai  libertinaxe e bromas divertidas.

As tempas dos que beberon cínguense de grilandas tramadas e as mesas relocen cubertas de rosas espalladas; o comensal baila borracho co pelo recollido por unha coroa de tileiro e abusa imprudentemente da graza do viño; canta o borracho diante da porta da súa fermosa amiga, brandas grilandas sosteñen os cabelos perfumados. Nada serio se  fai coa fronte coroada, e os que se cinguen con flores non beben auga pura. Baco é afeccionado ás flores. A Flora vaille ben unha escena sinxela; non é vaidosa.

A deusa non é das que practica actividades lúgubres nin importantes; desexa que os seus ritos estean abertos a todo o mundo e aconsella aproveitarse do esplendor da vida mentres está en flor, pois tiramos as espiñas cando xa murcharon as rosas. Esta é a razón pola que asisten a elas unha multitude de prostitutas.

Nas festas de Ceres  regalábanse vestidos brancos, porque os campos se poñen brancos cando maduran as espigas. Flora vístese de mil cores  como un prado de florido.

Fogueiras e fachos alumean noite e día. Pois se os campos se visten con flores de púrpura, parece apropiado que o lume enchese de luz os días que se me dedicaban, explica Flora, ou tamén porque as flores como as chamas non teñen cores apagadas e ambos brillos atraen as miradas; ou  ben porque ós nosos praceres venlle ben a libertinaxe nocturna. Esta parece ser a verdadeira razón.

Ó preguntarlle a Flora por que encerraba nas redes pacíficas cabuxas e solícitas lebres, respondeume que a ela correspondíanlle os xardíns e os campos onde non entran feras agresivas, e non as selvas. E foise na brisa sutil.”

Ler tamén: O espírito da árbore

 

 

Anuncios

DE CLORIS A FLORA

 

DE CLORIS A FLORA

primavera

Eu era Cloris, aínda que agora me chame Flora. Unha letra grega do  meu nome corrompeuse no termo latino. Era Cloris, ninfa das chairas vizosas, onde sabes que antes a xente afortunada tiña o seu medio de vida; humilde como son paréceme vaidade presumir da beleza que me adornaba, pero esa beleza deulle á miña nai un xenro divino.

Era primavera e ía eu de paseo; Céfiro descubriume,  pero puiden librarme del. Cando notei que me perseguía, botei a correr, pero el foi máis rápido. O seu irmán Bóreas, que ousara, soplando do norte, levarse como prea  da casa de Erecteo a súa filla Oritiia, guiárao polas malas artes da bandidaxe. Non obstante Céfiro emendou o seu acto violento casando comigo, e non me queixo do meu matrimonio. Gozo dunha primavera eterna: o ano sorrí sempre, as árbores teñen sempre follas, a terra loce sempre verde. Teño nos campos da miña herdanza un xardín exuberante, abrigado do vento, que rega unha fonte de auga cristalina. O meu marido sementou este xardín de flores xenerosas e díxome: 

– Ti, deusa, ostenta a soberanía das flores.

Moitas veces quixen contar a rica gama de cores e non puiden; a variedade excedía calquera contabilidade. Así que  se esvaeceron das flores a rosada e o orballo e as follas  recibiron os raios do sol, acudiron entón as Horas, lucindo roupas de cores vivas, e recolleron os meus regalos en lixeiros canastros. Nese mesmo momento achegáronse as Cárites e teceron coroas e grilandas trenzadas para cinguir as tempas dos deuses.  Fun a primeira en esparexer  as novas sementes  polos campos do mundo. Antes a terra tiña unha soa cor: fun a primeira en facer do sangue de Xacinto unha flor, e nas súas follas pode lerse o seu laído. Tamén ti, Narciso, tes o teu nome nos  xardíns ben coidados; pobre, o seu dobre era irreal. Que vou contar de Croco, a flor do azafrán, ou de Atis, o das violetas, ou de Adonis, o das anemones, de quen, grazas a min, quedou a gloria da súa ferida!

Tamén Marte, quizais non o saibas, naceu grazas as miñas artes. Que non lle chegue ós oídos a Xúpiter, como non chegou ata agora. Á sagrada Xuno non lle sentou nada ben que Xúpiter non contara con ela cando Minerva nace sen nai. Ía ela darlle as queixas a Océano polo desprezo do seu marido e detívose diante da miña porta, vencida pola fatiga. Ó vela díxenlle:

-¿Que te trae por aquí, filla de Saturno?

Explicoume a onde ía e o motivo. Eu tentei consolala con palabras amigables. E ela respóndeme:

-Non é con palabras co que podo aliviar as miñas coitas. Se Xúpiter foi pai sen contar comigo e só el  ten a un tempo o nome de pai e nai, por que vou perder a esperanza eu de ser nai sen esposo e sen  entregarme a un varón, se teño o empeño de ser fiel? Vou probar, onde sexa, todo tipo de remedios, escudriñarei no fondo do mar ou no máis escuro recuncho do Tártaro.

Xuno segue fala que te falarás, pero a miña cara debeulle de transmitir mostras de indecisión e díxome:

-Dáme algo, ninfa, ti que es dona dalgún máxico poder.

Quíxenlle prometer por tres veces axuda, pero o medo a Xúpiter paralizábame. Ela non deixa de insistir:

– Axúdame, que morra, se vou descubrir quen me axoudou!

Non puiden quedar calada:

– O que desexas proporcionaracho a flor (azahar?) que che mandarei dos xardíns olenios, é unha flor única, quen ma regalou díxome:

– Pásalla polo lombo a unha xovenca estéril e preñará. Paseilla, e non tardou en en parir.

De seguido cortei cos dedos a flor rebelde, paseilla polo ventre a Xuno e quedou preñada. E así, preñada, entrou en Tracia e no litoral esquerdo da Propóntida; cumpríronse os seus desexos e naceu Marte.

Pero a miña soberanía non se limita as tenras coroas, tamén teño poder sobre as terras de labranza. Se nos cereais callan ben as flores, a eira será rica; se calla ben a flor da vide, haberá viño; se callan ben as flores da oliveira, o ano será moi fértil, e haberá froito en abundancia. Cando se perde a flor, morren con ela os chícharos e as fabas, morren tamén as túas lentellas, Nilo, que flúes desde terras ignotas.

Tamén maduran comigo os viños, traballosamente mimados en grandes bocois. O mel é regalo meu; son eu quen convoca as abellas, que producirán o mel, as violetas, os codesos ou os brancos tomiños.

                                                          (Adaptación de Ovidio, FASTOS, V, 195 e ss.)

 

DANZAS Á LUZ DA LÚA

DANZAS Á LUZ DA LÚA

luarnascies2

O crudo inverno esmorece coa grata chegada da primavera e a brisa do oeste. Xa Venus de Cerigo rexe o concerto de danzas á luz da lúa e as Gracias bailan cadenciosas canda as Ninfas.

É a hora  de coroar a cabeza de mirto e flores. A pálida morte  pisa co mesmo pé as chozas dos pobres e as luxosas mansións dos ricos. A teima da vida breve néganos toda esperanza.

                                                                    Adaptación de Horacio, Odas, 1,4 

Pracer de homes e deuses, propicia Venus: debaixo da bóveda do ceo

multiplicas os peixes do mar e fecundas as terras frutíferas; grazas a ti

todo animal é concibido.  Cando ti chegas, foxen os nubrados, dáche

suaves flores a terra, as chairas do mar contigo rin, e brilla con luz

intensa o claro ceo.

Na hora que a galante primavera descobre o seu rostro e o Favonio

desatado robustece o seu fecundo alento, as lixeiras aves cantan

a túa benvida, deusa, porque co amor traspasaches os seus peitos:

polos alegres prados retozan os gandos ardentes, prendidos do feitizo

das túas grazas morren todos os seres por seguirte

 a onde queres guialos, deusa.

Nos mares e nas serras, nos bosques frondosos das aves,

no medio dos ríos desbordados e dos campos que verdecen,

enchendo os seus peitos de brando amor,

fas que as especies se propaguen.  Soberana da natureza,

non hai sen ti contento nin beleza.

LUCRECIO, Da natureza das cousas. 1, 1 e ss.

Trad. José M. Otero

ROMA NACEU COA PRIMAVERA Á BEIRA DUN RÍO

ROMA NACEU COA PRIMAVERA Á BEIRA DUN RÍO.

A 4134

Ven aquí, Marte guerreiro, deixa a un lado a lanza e o escudo e libera a túa cabeleira do casco brillante. Minerva promove guerras, pero tamén se ocupa de artes nobres.

Paseabas sen casco á sombra amena dos salgueiros, coas túas guedellas roxas ó aire, presentindo a primavera sagrada; esculcabas os gromos das árbores e as plantas, despreocupado aínda da lanza e o escudo, cando a sacerdotisa de Vesta te namorou para que lle deses a este pobo, que agora chamamos Roma, a semente da que naceu a gran cidade.

Por que non empezar a falar de quen pola súa beleza cativou a un deus? A vestal Silvia, despois de coidar do lume no templo de Vesta, como era a súa obriga, baixou unha mañá a buscar auga coa que purificar os obxectos de culto. Por un carreiro de suave pendente camiña ata o río. Sobre a súa cabeza, axustada sobre un pano moído, levaba unha ánfora de barro que, ó chegar, pousa na herba; incomodada polo peso e o calor, repousa mentres pon en orde o seu cabelo desamañado. Exhausta, senta no chan, afrouxa o vestido e, co peito ó aire, abandónase á brisa que lle regalaban a frescura das árbores e a auga do río. Sentada como estaba, a sombra dos salgueiros, os chíos dos paxaros, e o murmurio monótono das augas invitárona ó sono. Silenciosa como un ladrón, a branda quietude esvarou polos seus ollos vencidos, e a man na que apoiaba a cabeza quedou sen forza, débil como un xunco, e o seu queixo, desprotexido, no aire cun aceno de mol inseguridade.

Marte, que paseaba por aquel remanso de paz, pensando que chegaba o tempo de guiar a xente nova a outras terras, viuna. Era unha aparición? Sentiu uns desexos incontrolables de tela baixo as súas coxas poderosas, e tal como a desexara, posuíuna. Non houbo máis. A sedución, os bicos e as caricias, a morosidade pracenteira non cadraban ben a un deus rudo e bastante túzaro. E así como chegara, foise, como se nada, disimulando. Podería parecer, por parte dun deus, unha actitude pouco nobre e covarde. O combate amoroso non deixa cicatrices nin outros sinais en quen gobernaría con man de ferro a guerra cruenta. Os deuses gozan de certos privilexios, e teñen na man converter a deshonra en gloria.

Esvaeceuse o sono e Silvia quedou preñada; cousa de deuses. (Que saibades que desde este momento estaba nas súas entrañas o fundador da cidade de Roma). Tenta incorporarse e séntese amaiada, sen saber moi ben por que, quizais fose por un soño inquietante; cústalle traballo erguerse de todo, necesita apoiar a man na árbore que lle dera sombra e acubillara o seu cansazo. Está intranquila polo que acababa se soñar, e non para de darlle voltas:

– Rezo porque sexa feliz o que vin en soños. Ou sería algo máis que un soño? Troia ardía, e eu contemplaba as lapas que a devoraban. Nese momento a fita virxinal de la que me recollía o pelo sóltaseme e vai caer diante da fogueira sagrada. Despois agroman dúas palmeiras ó mesmo tempo. Daba gusto velas; unha delas era máis alta, e coas súas palmas pesadas resgardaba o mundo enteiro desde as estrelas. Nestas estaba, cando o meu tío paterno Amulio, (Dáme arrepío pronunciar o seu nome), se dispón a tallalas coa espada. Non podía crer o que vía, entroume moito medo e o meu corazón empezou a latexar asustado. Un pico carpinteiro, o paxaro de Marte, e unha loba pelexaron por aqueles mastros xemelgos. Grazas a eles, as dúas palmeiras seguiron vivas e en pé, agradecendo ó ceo a complicidade dos deuses.

Mentres removía na súa cabeza estes pensamentos, Silvia ía enchendo a ánfora con auga fresca e pura do río; cando a ánfora estivo chea, cos brazos aínda frouxos, consegue poñela sobre o pano moído na súa cabeza. Pasan as lúas, crecía Rómulo e crecía Remo, a barriga de Silvia tamén crecía, grazas ó froito do agreste e pouco amoroso deus Marte.

Chegaron os primeiros días de novembro e Silvia foi nai. Contan que as estatuas de Vesta taparon os ollos coas súas mans virxinais para non ver o que lles parecía a deshonra da clase vestal. O altar da deusa tremeu no momento do parto, e a chama de lume viva, agochou baixo as cinzas. Todo un mal presaxio para os xemelgos. Amulio, que non tiña moita estima pola xustiza, pois xa privara ó seu irmán do poder que lexitimamente lle pertencía, ó decatarse do que acababa de acontecer, cruel como era, dá a orde de que as criaturas deben ser abandonadas no río.

Pero a auga do río non quixo ser cómplice daquel malvado, e os meniños, arrastrados pola corrente e o destino, foron varar nun remanso calmo sen perigo. Despois, todos o sabedes, os nenos, afortunados, foron criados con leite de loba, e o pico carpinteiro leváballes cada día, como se fosen os seus poliños, algo de comer para que non pasasen máis fatigas das necesarias e puidesen crecer e servir a aquela xente que chegaría a ser o xerme da gran cidade de Roma. E así foron crecendo ata cumprir dezaseis anos, cando unha barba roxa, herdanza paterna, empezaba a poboar as súas meixelas.

Os dous irmáns, fillos de Silvia, brindaban as leis que lles solicitaban os labregos e máis os caporais que coidaban vacas. Moitas veces retornaban á casa, cando chegaba a noite, eufóricos e satisfeitos de ter dado morte a ladróns de gando e devolverlles despois o botín roubado ós seus lexítimos donos.

Conforme vai pasando o tempo, (Hai cousas que nin o paso dos anos pode disimular), chega ós seus oídos, pois andaba en boca de todo o mundo, que non eran fillos dun pai calquera, senón herdeiros lexítimos do mesmísimo Marte. Tal descubrimento non só os enche de alegría senón que os anima aínda máis a pelexar pola súa xente. Era unha vergoña que quen descende dun deus só goberne unas cantas chozas. Ós poucos, van tendo coñecemento da súa historia pasada, de moitas inxustizas das que fora vítima o seu avó, do que sufrirá a súa nai ó verse privada do que máis quería, da súa alianza coa boa fortuna e o destino, da crueldade do seu tío Amulio.

Chegou o tempo de poñer cada cousa no seu sitio e Rómulo, encomendándose ó seu divino pai, brandiu a espada e, con ela ben afiada, atravesou, sen compaixón, o rei Amulio; deste xeito o avó Numítor, moi anciá xa e avellentado polas penas e o exilio, recuperou o reino e a dignidade arrebatada inxustamente.

Adaptación de Ovidio, Fastos III, vv.1 e ss.

ENTRE LUPERCOS E PELIQUEIROS

ENTRE LUPERCOS E PELIQUEIROS

peliqueiros2

Durante moitos séculos, en todo o ámbito de Europa cristiá, desde o Nadal a Coresma, celebráronse as mesmas festas, fixas e móbiles. Durante séculos o período do Entroido comezaba , máis ou menos tacitamente, a partir do mesmo Nadal”. (Julio Caro Baroja. El carnaval)

As diferentes manifestacións do Entroido/Carnaval actual, certamente desvirtuadas e afastadas do seu sentido orixinal, deixan, non obstante, entrever na súa estructura rituais e celebracións que nos remiten a formas e moldes moi antigos. Uns están condicionados por preocupacións sociais (Saturnais, 17-23 de decembro: liberdade de escravos, regalos, banquetes), e outros polo que sería a base da economía pastoril: purificación, fecundidade, e preservacion do gando doméstico do hostigamento das alimarias (Lupercalia).

Na terceira aurora que seguía ós Idus (13) de febreiro (Se temos en conta a contabilidade inclusiva, o 15 de febreiro) na cova Lupercal, no outeiro do Palatino, comezaba a festa co sacrificio dunhas cabras (Pese a ser un festival ben documentado ignoramos o número) e un can, ó mesmo tempo ofrecíanse tamén papas trigas (mola salsa, fariña salada, de onde deriva ‘inmolar’) feitos polas Vestais con trigo da última colleita.

Un ritual lustral, de purificación (februa), en febreiro (februarius), que relata Plutarco, Rómulo 21, seguía esta cerimonia do sacrificio:

Dous mozos patricios son conducidos ó lugar do sacrificio. Uns mánchanlle a fronte co sangue do coitelo do sacrificio, mentres outros llo limpan con febras de la (Februa) molladas en leite; xa limpos e purificados, inmediatamente os mozos rompen a rir. Cumprida esta cerimonia, despois de facer tiras coa pel das cabras sagradas, os lupercos corren espidos, cubrindo minimamente a cintura e azoutando a todo aquel que atopan no seu paso. As mozas non deben escapar ós seus azoutes xa que era crenza que son eles os que propiciarán a concepción e axudarán na hora do parto.”

O termo ‘Lupercalia’ remítenos inevitablemente ó lobo (‘lupus’). Os primitivos habitantes do Lacio eran pastores, e o lobo para eles era un animal sagrado. Vendo as cousas como son, por que sorprendernos de que as Lupercalia puidesen ser festas de preservación contra o lobo, de purificación das malas enerxías do ano que remata e de fecundidade dos rabaños (desexo de futuro no ano novo que se vaia abrir). Non está de máis lembrar que no antigo calendario romano, febreiro era o último mes do ano.

Estes aspectos quedan recollidos en moitos textos, Cicerón fai referencia ó carácter primitivo e pastoril destas festas, e como tamén nelas se producen desordes igual ca nas bacanais (“nudus, unctus, ebrius, concinnatus est”).

Así ía un luperco: espido, borracho, disfrazado, correndo e azoutando polas rúas, o que nos achega a moitos enmascarados tan nosos, como peliqueiros, cigarróns, felos, borralleiros, murrieiros, charrúas, irrios, troteiros…

Ovidio (Fastos, II, 267 ss.) atende especialmente á idea de ritual de fecundación:

” – Pregúntasme por que corren, e por que se quitan a roupa e levan o corpo espido, ó mesmo deus Fauno-Pan gústalle correr polas altas montañas e, sen razón algunha, coma un tolo, foxe excitado. O propio deus corre sen vestidos e ordena que os seus ministros o fagan da mesma maneira, pois a roupa non era cómoda para a carreira.”

A loba [que deu de mamar a Rómulo e Remo] deu nome á cova Lupercal [do ritual lupercal] e ós lupercos…

– A que esperas, muller casada? Non serás nai polo poder das herbas, nin polas pregarias, nin por encantamentos máxicos. Recibe pacientemente os lategazos da destra fecundadora e o teu sogro terá o ansiado nome de avó. Pois houbo un tempo no que as esposas parían moi de tarde en tarde”.

– De que me serviu, gritaba Rómulo co cetro na man, raptar sabinas, se o único que me reportou foi unha guerra? Ó pé do monte Esquilino había un bosque co nome da gran Xuno (Lucina), que ninguén tallara durante moitos anos. Cando chegaron alí maridos e esposas fincaron suplicantes os xeonllos no chan, de repente axítanse as copas das árbores estremecidas e a deusa deixou oír palabras sobrecolledoras polo bosque adiante:

– Que un cabrón sagrado penetre as nais itálicas!

A multitude congregada quedou pasmada, asustada con aquela ambigua mensaxe. Un augur etrusco, do que se perdeu o nome, sacrificou un cabrón, e as mulleres, como se lles mandara, ofrecían o seu lombo para que se lles azoutase coas tiras de pel do macho sacrificado. Pasadas nove lúas, os maridos foron país e as esposas nais. Grazas a ti, Lucina. O bosque (‘lucus’) deuche o nome , ou quizais tamén porque ti es dona do principio da luz.”

Estes rituais celebráronse en Roma ata que no ano 496 foron prohibidos polo Papa Xelasio por consideralos unha práctica obscena e supersticiosa, adoptando, pola forza do Cristianismo, xa consolidado, outras denominacións como  Candeloria (festa das candeas e a luz), Santa Águeda (Patroa das mulleres lactantes, que nos lembra a Xuno Lucina ), San Brais (Bendición do pan, que se podería relacionar cos pasteis das Vestais), San Valentín (Patrón das parellas casadeiras, relacionado con calquera ritual de fecundida), se ben mantendo a intención de preservación do gando e fins de fecundación (flaxelación con fins fecundantes por homes con máscaras), celebracións que teñen unha similitude moi chamativa en todo o espazo da romanización coincidente coa Europa cristiá.

 

FEBREIRO LUSTRAL

FEBREIRO, MAXIA LUSTRAL

Februarius mensis dictus, quod tum, i.e. extremo mense anni, populus februaretur, i.e. lustraretur ac purgaretur.  [Este mes chámase febreiro porque, ó ser o último mes do ano, a xente purificábase ou, o que é o mesmo, limpábase e purgábase]

                                                                                                                      P.F. 75,23

Februus é un antigo adxectivo da lingua relixiosa, de orixe sabina, que ten o significado de ‘purificador’. Personificado, Februus ven dar no nome dunha divindade infernal, Plutón: Februus autem est Ditis pater cui eo mense sacrificabatur. [Februo é Plutón, o deus a quen neste mes se lle facían sacrificios] Servio, G. 1,43

Lustrari…eo mense civitatem necesse erat, quo statuit [Numa] ut iusta Dis Manibus solverentur [Neste mes,  no que Numa decretou que se tributasen honores ós deuses Manes, era necesario que se purificase a cidade].  Macr. Sat. 1,13,3.

A forma neutra do adxectivo, februum, emprégase tamén co sentido de “purgamentum”, ‘ofrenda purificatoria’, e, en particular, o sal quente: Lupercalibus salem calidum ferunt, quod februum apellant. [Din que nas Lupercais chaman “februum” ó sal quente]

O sal sempre se considerou unha pedra sagrada, por ser a única pedra comestible, pola súa capacidade conservante, pola súa cor branca. Era empregada nas cerimonias de maxia e relixiosas para expulsar do corpo os demos e os malos espíritos.

Polo demais, Februalis/Februlis é un epíteto de Xuno, derivado do nome da esposa de Februus. Ovidio, Fastos II 362-453. Nas festas Lupercais estaba implicada Xuno como Xuno Lucina, celebrada o último día do mes como protectora de matronas e matrimonios. 

As festas Lupercais celebrábanse en Roma o 15 de febreiro. No ritual o sacerdote tocaba a fronte dos mozos cun coitelo manchado do sangue das vítimas sacrificadas, de seguido limpábaos cunha la empapada en leite, botando estes a rir con gran estrondo. O que se entende como un rito de purificación e fertilidade.

Parece, tal como lemos en Ovidio, Fastos II, 19 e ss., que varias cerimonias de orixes diferentes se mesturan e confunden nestes rituais purificadores de febreiro: unha cerimonia de lustratio, sacrificios expiatorios ás divindades infernais (O mes de febreiro estaba dedicado ós manes ou ánimas), e un rito de fecundación (Lupercais).

“Os antepasados romanos chamaron februa ós instrumentos de purificación. Moitos indicios dan fe desta palabra. Os pontifices pídenlle ó rei  e ó  flamen unhas las que na lingua dos antigos recibían o nome de februa, e as tartas tostadas e o sal que recolle o lictor para purificar as casas despois de varrelas denomínasen da mesma maneira. O ramallo de árbore que cobre as castas tempas  dos sacerdotes chámase igual. Eu mesmo vin cos meus propios ollos como a muller dun flamen solicitaba os februa, e lle deron un ramallo de pino. En fin todo aquilo co que purificamos o noso corpo  recibía este nome entre os nosos barbudos avós. O mes recibe este nome dos februa, ben porque os Lupercos cortan unha pel e purifican todo o chan empregándoa como instrumento de purificación, ben porque o momento é puro xa que se fixeron ofrendas de paz ós sepulcros e xa pasaron os días dedicados ós mortos.”

José M. Otero

 

UNHA HISTORIA DE AMOR ESQUIVO

APOLO E DAFNE: UNHA HISTORIA DE AMOR ESQUIVO

pietro-bianchi-atribuido-apolo-persiguiendo-a-dafne-museos-y-pinturas-juan-carlos-boveri

O primeiro amor de Apolo1, que non llo regalou a cega fortuna senón a violenta cólera de Cupido2, foi Dafne3, filla de Peneo4. Apolo de Delos5, rufo por vencer un dragón, vírao dobrar os extremos dun arco para tensar a corda, e dixéralle:

-Qué fas, picariño, con armas de xente forzuda? Ese esforzo vaille ben ós meus brazos, pois podo abater con tino monstros e inimigos; non hai moito matei a frechazos a Pitón6, que aflixía co seu bafo mortal campos inmensos. Ti, conténtate con excitar co teu facho descoñecidos amores e non te empeñes en rivalizar coa miña gloria.

A el respóndelle o fillo de Venus:

-Fira o teu arco a todos7, o meu a ti; e en tanto que todos os seres vivos se renden a un deus, desmerece a túa gloria se se compara coa miña.

Acabou de falar e, cruzando o ceo a golpe de ás, pousou lixeiro no cume sombrío do Parnaso8, e desde a alxaba cargada lanzou dúas frechas de efecto diverso: unha espanta o amor, a outra atráeo; a que o atrae é de ouro e brilla na afiada punta, a que o espanta é roma e ten chumbo na cana; o deus cravou con esta a ninfa, filla de Peneo, pero coa outra feriu, atravesándolle os ósos, o máis íntimo de Apolo; de repente el ama, evita ela o nome de amante gozando da espesura da selva e dos despoxos das alimarias que cazaba, émula da virxinal Febe9; unha fita cingue os seus cabelos desguedellados. Moitos a pretenderon, ela, despectiva cos pretendentes, incapaz de aturar marido, anda por bosques mestos e non coida que significa Himen10, que Amor, que matrimonio. Moitas veces o seu pai lle dixo:

Filla, débesme un xenro.

Outras moitas:

Filla, débesme un neto.

Ela, que odiaba os fachos nupciais coma un desdouro, deixaba ver o fermoso rostro acorado de tímido rubor, e nos brandos brazos do seu pai, collida do seu colo, dixo:

-Concédeme gozar, queridísimo pai, dunha virxindade perpetua.

Isto concedeulle antes o seu pai a Diana. El si que lle fixo caso; pero o teu engado impídeche ser o que máis queres, a túa beleza oponse ó teu desexo. Febo está namorado e anhela unirse a Dafne non máis vela, e no que anhela confía, pero fallan os seus oráculos; cando chega o día, coma se inflama a palla lixeira, desprovista das espigas, como arden os caínzos polos fachos que un camiñante por azar achega en exceso ou descoida,  así arde o deus, así se consume todo o seu corazón e alimenta o seu amor estéril coa esperanza. Ve que a ela os cabelos lle caen desguedellados e di:

-Como sería, se os peitease?

Ve que os ollos brillan semellantes ás estrelas, ve a súa boquiña, que non se cansa de mirar, gáballe os dedos, as mans, os brazos coas mangas recollidas no antebrazo, e o que esconde pensa que aínda é mellor; ela corre máis veloz que a lixeira brisa e desoe o reclamo de quen a chama:

-Ninfa, filla de Peneo, por favor, agarda, non te acoso como inimigo; agarda, ninfa. Así escapa oo do lobo, así a cerva do león, así as pombas, batendo as ás, da aguia, inimigo cadaquén do outro. O amor é a razón de que eu te persiga. Coitado de min! Non vaias caer, que non sintan as túas pernas os espiños das silveiras e sexa eu para ti causa de dor. Escarpados son os sitios por onde corres: vai amodiño, por favor, non escapes; máis amodo irei tras túa. Pregúntate a quen lle gustas, non é un monteiro, non son un pastor, nin coido aquí, como un pailán, gando e rabaños. Non sabes, temeraria, non sabes a quen lle escapas, por iso corres. A min obedécenme a terra de Delfos11, Claros e Ténedos, e o palacio real de Pátara. Son fillo de Xúpiter. Grazas a min coñécese o futuro, o presente e o pasado; grazas a min harmonízanse canto e música. A miña frecha fai diana, pero hai unha máis certeira cá miña, a que feriu o meu corazón libre. A medicina é a miña arte, todo o mundo me chama menciñeiro, e o poder de cura das herbas depende de min. Coitado, porque o amor non sanda con ningunha herba, e non serven de nada ó artista as mañas que alivian a quen acode a el.

A filla de Peneo escapa correndo, chea de medo, de quen ía seguir falando, deixándoo, coa mesma, coa palabra nos labios. Agora tamén lle pareceu xeitosa; o vento descubríalle o corpo, as brisas, que lle daban de cara, ondeaban o vestido, lixeira flotaba no aire a súa cabeleira; co correr creceu a beleza. Pero o xovial deus xa non pode perder máis palabras amables, e, como o aconsellaba o mesmo Amor, apurando o paso, séguelle as pisadas. Como o galgo, cando ve unha lebre en campo aberto, busca veloz a presa, e esta a salvación (aquel, igual có que vai cazar, e xa quere ter a presa, osmando co fociño  segue as pegadas, mentres a outra está na incerteza de se xa é atrapada ou se libra dos dentes e da boca que a acosaba): así o deus e a doncela. El, movido pola esperanza, ela, polo medo. E sen embargo o que persegue é máis rápido, axudado polas ás do Amor, non se permite un respiro, e xa dá alcance á que escapa, e sopra a cabeleira que lle ondea ó vento. Esgotadas as forzas esvaeceu ela, extenuada polo esforzo da veloz carreira, e mirando as augas do Peneo12, di:

-Axúdame, pai, se os ríos tedes poder divino, transfórmame, mudando a figura coa que tanto gustei.

A penas rematada a súplica, un grave torpor invade os seus membros, unha tenue cortiza envolve o seu feble corpo, os cabelos crecen en fronde, os brazos en pólas; os pés, ata hai ben pouco veloces, fíxanse con firmes raíces, a cabeza ten copa: o único que mantén é a beleza. Aínda así a ama Febo13, e, acariciando a cortiza coa súa man, sente latexar o corazón debaixo da cortiza, e, abrazando as pólas, como se fosen brazos, bica o que xa é madeira: pero rexeita os beixos a madeira.

E o deus dille:

-Aínda que non podes ser a miña esposa, sen embargo serás a miña árbore. Sempre estarás na miña cabeza, na miña cítara, loureiro, na miña alxaba. Ti adornarás os caudillos vitoriosos cando o canto ledo celebre o triunfo e paseen polo Capitolio os grandes desfiles. Ti mesma, garda fidelísima, colgarás das portas do palacio de Augusto e acubillarás a aciñeira14 que ocupa o centro. Coma a miña cabeza de neno loce cos cabelos sen rapar15, ti tamén leva perenne o ornamento das túas follas.

Acabou de falar Peán16, o loureiro abanou as súas pólas e parecía que movera a copa coma se asentise coa cabeza.

                                                                                         Ovidio, Metamorfosis, I, 452-567

                                                                                          Trad. José M. Otero

___________________________

1Fillo de Zeus e Leto. Perseguida pola celosa Hera Leto erraba por toda a terra buscando un sitio para parir os seus fillos, pero ninguén lle daba acollida por temor á raíña dos deuses. Só unha illa flotante chamada Ortixia deu asilo á desventurada. Aquí nace Apolo que agradecido a converte no centro do mundo grego e lle dá o nome de Delos, “a brillante”.

2 Deus do amor, fillo de Venus e Marte. Neno alado, con arco e frechas ou un facho.

3 Dafne en grego significa “loureiro”.

4 Deus-río de Tesalia, fillo de Océano e Tetis, pai de Dafne.

5 Ver nota 1.

6 Cando Apolo decide fundar o santuario ó pé do Parnaso, preto de Delfos, atopou un dragón, chamado Pitón, que asolaba o país alodando mananciais e arroios e aniquilando animais e seres humanos, co que acabou a frechazos. Pitón pasaba por ser fillo da Terra como todos os monstros reptís.

7 Apolo é o deus que fire de lonxe. Para homes e animais as súas frechas son portadoras de enfermidade e morte.

8 Montaña de Grecia consagrada a Apolo e ás Musas.

9 “A brillante”. Deusa romana identificada con Artemisa, irmá xémea de Apolo, que permanece virxe e eternamente adolescente, muller arisca que se comprace só coa caza.

10 Deus que preside o desfile nupcial e se encarga de prender os fachos.

11 O santuario máis coñecido de Apolo na Grecia continental. Claros e Pátaro eran os santuarios en Asia e Ténedos no Exeo, preto de Troia.

12  Ver nota 4.

13 “O brillante”, epíteto de Apolo.

14 “Augusto gozaba do privilexio honorífico, outorgado polo Senado, de colgar un loureiro en cada unha das follas da porta do palacio e sobre ela unha coroa cívica de follas de aciñeira, “ob cives servatos” (por salvar cidadáns).

15 “Nunca, Señor, o teus cabelos serán cortados, nunca serán danados, esa é a lei”. (Apolonio de Rodas, Argonáuticas, II, 708-9). Cortar a cabeleira é un ritual que marca o paso á idade adulta en todo un conxunto de tradicións.

16 Epíteto ritual de Apolo.

O AMOR CONTRARIADO, TISBE E PÍRAMO

tisbe-y-píramo-2

O AMOR CONTRARIADO,  TISBE E PÍRAMO 

Tisbe1, a rapaza máis fermosa de todas as de Oriente, e Píramo, un bo mozo, vivían en casas veciñas, alí onde, según contan, Semíramis cinguiu con muros de adobe a prominente cidade de Babilonia. A veciñanza fixo que se coñecesen e intimasen, co tempo creceu o amor. A eles gustaríalles xuntarse como a lei manda, pero prohibíronllo os pais; o que non puideron os pais foi apagar o lume que ardía por igual nos dous corazóns cativos. Non teñen ningún confidente; falan por acenos e sinais, e ben se sabe que canto máis se tapa mellor arde o lume.

Había una fenda na parede medianeira das dúas casas, un defecto de construcción; este defecto, pese ós moitos anos, pasara desapercibido a todos, (Mais, que non descubre o amor!):

– Descubrístela vós primeiro, amantes, e fixéstela camiño da vosa palabra, e así, cada día, cruzaban seguros os vosos amorosos murmurios.

Moitas veces, cando, dunha e outra cara da parede, cada un percibía o alento dos labios do outro, dicían:

-Parede envexosa, por que te convertes nun atranco para os que aman? Que che custa permitirnos unir íntimamente os nosos corpos, ou, se iso é moito, ofrecer una abertura para os nosos beixos? Pero non son ingrato, confeso que che debo que foses camiño das miñas palabras ata os oídos tan amados.

Despois de falar así en van, cada un desde o seu lado, xa á noitiña, desexáronse saúde e tiraron beixos que non caíron no seu destino. A aurora seguinte fixera esvaecer xa as estrelas da noite e o sol secara cos seus raios a rosada das herbas.

Xuntáronse no sitio de sempre. Entón, despois de queixarse moitas veces polo baixiño, deciden enganar os gardas no silencio da noite e escapar e, xa fora da casa, deixar a cidade tamén. Para non se extraviar no seu andar pola chaira, acordan xuntarse a carón da tumba de Nino3, e agocharse á sombra dunha árbore. Había alí unha árbore cargada de froitos brancos coma a neve (unha moreira mesta), preto dun manacial de auga fresca.

Quedan de acordo. A luz do día, que lles parece que se apaga tarde, cae sobre as augas e das mesmas augas nace a noite. Astuta entre as tebras, sae primeiro Tisbe, despois de xirar o gonzo da porta, engana os seus e co rostro cuberto chega á tumba e senta debaixo da árbore que acordaran. O amor facíaa atrevida. Velaí que chega para acalmar a sede na auga da fonte veciña unha leoa co fociño espumante enzoufado de sangue, xa que viña de devorar uns bois. A babilonia Tisbe ve a leoa á luz da lúa e foxe con temeroso paso a una cova escura e, mentres foxe, cáelle ó chan o mantón dos ombreiros. Cando a feroz leoa aliviou a sede con auga abundante, de volta ó bosque desgarra coas súas fauces ensanguentadas o mantón que atopara sen dona.

Píramo, que sae máis tarde, ve as pegadas certas dunha fera sobre o camiño de terra e palidece en todo o seu rostro. Cando descobre o mantón empapado de sangue, láiase:

– Una noite soa acabará con dous namorados; dos dous, ela é merecedora dunha vida máis longa. Eu son o verdadeiro culpable. Eu, miña pobre, perdinte, eu que te mandei vir de noite a un lugar cheo de perigos e non me anticipei á que ti chegases. Desgarrade o meu corpo e devorade as miñas vísceras con feroz mordedela cantos leóns habitades debaixo desta rocha. Pero é de cobardes optar pola morte.

Colle Píramo do chan o mantón de Tisbe, lévao con el ata a sombra da árbore onde quedaran e, cando empapou de lágrimas e encheu de bicos a prenda que tan ben coñecía, di:

– Recibe tamén o sorbo do meu sangue.

E cravou no seu illar a espada que levaba no cinto; sen tardar, moribundo, arrincouna da ferida aínda quente e xaceu na terra mirando o ceo. O sangue mana con forza como cando un tubo de chumbo se fende por algún defecto e por un pequeño burato deixa escapar cun tenue asubio un chorro de auga e rompe o aire coa súa potencia. Os froitos da árbore tórnanse de cor escura pola salpicadura da ferida mortal e a raíz humedecida polo sangue tingue as amoras colgantes de cor purpúrea.

Velaí que co medo no corpo, para non faltar á palabra, volve ela da cova onde se agachara e busca cos ollos do corazón o seu amado; está impaciente por lle contar o perigo do que se librara. Así que recoñece o lugar e a moreira, a cor dos froitos énchea de incerteza, mesmo dubida. Mentres dubida, ve que un corpo late tremente no chan ensanguentado; dá un paso atrás, e co rostro máis pálido có buxo estremeceuse como o mar que xeme cando unha leve brisa roza a súa superficie.

Unha vez que recoñeceu o seu amado, maltrata con sonoros golpes os brazos que non o merecían, arrinca os seus cabelos e, abrazando o corpo de aquel a quen ama, anegou de lágrimas as feridas e mesturou o seu pranto co sangue e, cravando os ollos naquel frío rostro, gritou:

– Píramo, que desgraza te separa de min? Respóndeme, Píramo! A túa queridísima Tisbe está chamando por ti; escoita, mírame con eses ollos abatidos.

Ó escoitar o nome de Tisbe, Píramo abre os ollos que aventaban a morte e, despois de mirala, volveunos pechar. Ela recoñece o mantón, ve a vaíña de marfil sen a espada e di:

– A túa propia man deuche morte, e tamén o teu amor. Que desgraza! Para isto teño eu tamén una man forte e amor de abondo; este darame forza para ferirme. Irei tras túa, e da túa morte dirase que fun tráxica causa e compañeira. E ti, a quen só a morte podía arrincarme, ah!, nin a morte poderá arrincarte de min. Unha soa cousa sen embargo vos pedimos coas palabras dos dous, infelices país meus e seus, non nos miredes con malos ollos, que aqueles a quen uniu o amor inquebrantable, que aqueles que uniu a hora final sexan sepultados nunha tumba compartida. E ti, árbore que coas túas ramas cobres agora o corpo dun só e, a non moi tardar, vas cubrir os dos dous, conserva os sinais da nosa morte, memoria do sangue de dous namorados.

Falou así e, colocando a punta da espada ben debaixo do peito, deixouse caer sobre a espada aínda morna do sangue do amado. As súas súplicas conmoveron os deuses, conmoveron os país: pois a cor do froito, cando madura, é escura, e o que resta da súas piras descansa nunha furna común.

                                                                                                      OVIDIO, Metamorfosis, IV, vv.55-165

                                                                                                                    Adaptación de José M. Otero

1Relato descoñecido para as fontes anteriores a Ovidio. Ten unha considerable influenza na tradición clásica especialmente a partir do Renacemento Serve de base a precedentes de Romeo e Xulieta.

2 Nino, rei e fundador de Nínive con quen casara Semíramis.

ORFEO E EURÍDICE, O AMOR FRUSTRADO

ORFEO E EURÍDICE, O AMOR FRUSTRADO

orfeo-y-euridice-3

Polo ceo inmenso, despregando unha capa cor azafrán, voa Himeneo1, que se encamíña ó territorio dos Cicóns; en van o chama a voz de Orfeo. Pouco había presidira a cerimonia nupcial de Orfeo e Eurídice, pero non pronunciou palabras solemnes, nin a ledicia iluminou a súa cara, nin deixou bos presaxios; incluso o facho que brandía foi só faíscas de fume lacrimoso e non houbo xeito, nin por moito abanalo, de que a chama prendese. O desenlace foi máis tráxico do aventurado. Pois, mentres a noiva brincaba polo prado acompañada dun séquito de náiades3, unha serpe aguilloouna no nocello, e morreu.

Despois de chorala o poeta4 tracio no mundo dos vivos, para coñecer tamén el mesmo o das sombras, ousou descender pola porta do Ténaro5 ata a Estixia6, e polo medio dos ingrávidos espíritos e espectros xa sepultados chegou á presenza de Perséfone7 e do señor que domina o inhóspito imperio das sombras, alí, acompañado da música da lira, canta:

Óu, divindades do mundo escuro

a onde vimos caer todos os que nacemos mortais,

se é lícito, e vós me permitides que diga a verdade,

desprezando as falsas reviravoltas,

non baixei aquí para visitar o escuro Tártaro8,

nin para atar as viperinas cabezas do monstro Cérvero,

o motivo da viaxe é a miña esposa, a quen unha víbora,

ó ser pisada, envelenou e privou dunha vida futura.

Quixen aguantar, non vou dicir que non, pero gañou Amor.

É este un deus ben coñecido no mundo dos vivos,

non sei se o é aquí, pero presinto que aquí tamén o é.

Se non é falsa a lenda do antigo rapto, a vós tamén vos xuntou Amor.

Pídovolo por estes espazos anegados de temor,

por este Caos inmenso e o silencio deste reino interminable,

tecede de novo o destino precipitado de Eurídice.

Todo vos pertence cumprido o prazo e, tarde ou cedo,

ela tamén será vosa cando, adulta, teña cumprido os anos xustos:

pídovos, como recompensa, que ma deixedes levar,

e se os fados non consiten que me acompañe,

estou decidido a non retornar eu tampouco:

gozade así coa morte dos dous”.

Mentres cantaba versos tan sentidos acompañados da lira, as pálidas ánimas choraban, e Tántalo9non tentou beber a auga esquiva, e parou a roda de Ixión10, as aves non peteiraron o fígado11, as Bélides12 deixaron os cántaros, e ti, Sísifo13, sentaches na túa pedra. Cóntase que entón por primeira vez as meixelas das Euménides, emocionadas polo canto, se humedeceron de lágrimas, nin a rexia esposa, nin quen rexe os espazos inferiores defraudan ó músico suplicante, e chaman a Eurídice; estaba ela nas sombras recentes e avanzou coxa pola ferida. O tracio Orfeo recibiuna ó tempo que unha condición: que non mire atrás ata saír do val do Averno, ou que a recompensa ía ser en van.

Encamíñase no mudo silencio por unha senda empinada, ardua, escura, densa de opaca néboa. Non estaban lonxe xa da entrada do mundo dos vivos: aquí, temendo que desfalecese, como un amante tolo por vela, volveu a vista atrás, e, de repente, ela esvaece, tendendo os brazos para tentar que a agarrase e agarrar; non acada nada a desventurada a non ser brisas fuxidías. E, morrendo xa por segunda vez, non se queixou xa do seu esposo (De que se ía queixar se non de que a amou?), deu un último adeus, que a penas el puido oír, e retornou de novo alí de onde saíra.

Atordou Orfeo coa dobre morte da súa esposa, como aquel que, temeroso, ve as tres cabezas do can Cérvero, a do medio con cadeas; ou aquel14 a quen o pavor non abandonou antes que a natureza anterior, quedando de pedra; ou como Óleno15 que se culpou a si mesmo e quixo parecer responsable do dano, ou coma ti, segura da túa beleza, infeliz Letea16, noutro tempo namoradísimos, agora pedras que sostén o húmido Ida.

A quen suplicaba e quería cruzar de novo, o barqueiro negáballo, non obstante durante sete días Orfeo sentou escuálido, sen probar bocado: coitas, dor de espírito e lágrimas foron o seu alimento. Queixándose de que os deuses do Érebo17 eran moi crueis, retirouse ó alto Ródope e ó Hemo18 batidos polos aquilóns. Tres veces Titán19 rematara o ano que pechan os acuáticos peixes, e Orfeo renunciara xa a calquera amor feminino, ben pola desgraza que lle acontecera, ben por fidelidade; sen embargo a ansia de unirse ó poeta dominaba a moitas mulleres, moitas sufriron, rexeitadas. Foi el tamén quen animou os pobos de Tracia a entregar o amor ós tenros varóns e a gozar da breve primavera antes da xuventude, e das súas primeiras flores.

                                                                                          Ovidio, Metamorfosis X, 1-85

1 Divindade do matrimonio.

2 A tribu dos cicóns vivía en Tracia, entre o río Axio e o Hebro, río que lindaba co territorio dos tracios petos.

3 Ninfas das augas.

4 Orfeo.

5 Promontorio de Laconia onde era crenza que había unha entrada ós infernos.

6 Lago do mundo das sombras.

7 Perséfone, deusa do mundo dos mortos xunto co seu esposo Hades.

8 Parte do mundo dos mortos onde están os peores suplicios.

9 O suplicio de Tántalo consistía nunha fame e sede eternas. Metido na auga ata o colo non podía beber porque o líquido retrocedía cada vez que trataba de mollar a boca. Ademais unha póla cargada de froitos pendía sobre a súa cabeza, pero se elevaba o brazo, a póla erguíase bruscamente e ficaba fóra de alcance.

10 Ixión estaba encadeado a unha roda en castigo por tentar unirse á deusa Hera.

11 As aves peteiraban continuamente o fígado de Titio como castigo por tentar violar a Latona.

12 As Bélides sufrían o castigo de encher uns toneis furados por matar os seus primos e esposos.

13 Sísifo estaba condenado a empurrar ata o cume unha rocha que logo baixaba a rebolo e tiña que ser empurrada de novo. Fora testemuña de como Zeus raptaba a Exina e delatárao.

14 Polidectes, rei de Sérifos que se namora de Dánae, a nai de Perseo. Cando Perseo retorna do episodio da degolación de Medusa sorprende a Polidectes e os seus partidarios no palacio, móstralles a cabeza de Medusa e quedan todos de pedra.

15 Marido de Letea. Ver nota seguinte.

16 Esposa de Óleno. Prentendera rivalizar en beleza cunha deusa e o seu marido evitoulle o castigo reponsabilizándose da falta.

17 Érebo era parte do Hades, e mesmo sinónimo. Espazo onde os mortos han pasar despois de falecer esperando ser porteados por Caronte a través do Aqueronte para entrar no Tártaro, o inferno definitivo

18 Hemo e Ródope, reis de Tracia, tiveron o atrevemento de se facer render culto tomando os nomes de Zeus e Hera, como castigo foron transformados en montañas. Hemo era fillo de Boreas e casou con Ródope, tiveron un fillo, Hebro.

19 Helios, o Sol.

Tradución e notas: José M. Otero

 

 

AMAÑANDO O CAOS

“Unha rexeneración periódica do tempo presupón, de xeito máis ou menos explícito, unha creación nova, é dicir, una repetición do acto cosmogónico… unha restauración, aínda que efémera, do tempo mítico primordial, do tempo “puro”, o intre da creación…, repetición de momentos míticos do paso do Caos á Cosmogonía.”

                                                                    M. Eliade. El mito del eterno retorno, páx. 60

O caos, o rebumbio, o aceno comunal de poñer o mundo do revés, en dúas palabras, a desorde diabólica constitúe o fío común que zurce todas as festas que durante séculos armaban o tempo do solsticio de inverno ou o que podería ser o tempo ritualizado dun novo ciclo anual.

A liturxia da Igrexa, que tanta importancia ten na adecuación dos rituais paganos ós estrictos modelos da relixión dominante, emprega, para denominar este período litúrxico, a significativa expresión de “Tempo Ordinario”; unha denominación intranscendente que contrasta co sentido espiritual que suxire a de “Tempos Fortes”, para referirse a Nadal e Coaresma.

Na Festa do Asno (ó longo a Idade Media ata o século XV celebrábase o 14 de xaneiro), este animal, do que o simbolismo propiamente diabólico é ben coñecido en todas as tradicións, é conducido ata o presbiterio dunha igrexa onde, nun lugar de honra, recibe mostras de veneración. (K. Jung, entre outros, tenta desvelar a complexidade significativa do asno  relacionándoo coa forza interna do mal e co poder inconsciente da culpa. Por iso, desde unha perspectiva onírica, interpreta a aparición da figura do asno en determinados soños como portadora de destrución e morte, ou o que é o mesmo, a representación da totalidade do mal).

No empeño de entender o sentido do Entroido moderno é moi clarificadora a Festa dos Loucos (tamén chamada a Festa das Calendas por se celebrar o primeiro de ano fundamentalmente, desde a Idade Media ata o século XVI, momento no que foi prohibida): o clero menor entregábase ós peores improperios, parodiando a xerarquía eclesiástica e a liturxia mesma. Os tolos ían disfrazados cunha careta que reproducía esaxeradamente as orellas dun asno (Referencia satánica).

Resulta chamativo que nunha época tan estricta coa regulación canónica e o control dos seus fieis por parte da Igrexa estas parodias, con certo aroma a sacrilegio, fosen non so permitidas senón tamén oficialmente aprobadas. Cal pode ser a razón que obrigue á  autoridade aclesiástica habitualmente acoirazada e inflexible a tanta permisividade? 

Se botamos unha ollada máis atrás no tempo, as Saturnalia romanas, das que o Carnaval actual resulta ser unha tímida sombra, deixan entrever certos trazos diabólicos: os escravos daban ordes e servían ós amos. Recreaban deste xeito un mundo do revés onde todo sucedía de forma contraria ás relacións cotiás habituais.

Aínda que hai investigacións que ven neste ritual igualitario o retorno á mítica Idade de Ouro, quizais resulte maís preciso interpretalo como a representación primordial da indiferenciación das funcións sociais na mediada do posible en cada momento histórico, ou tamén unha inversión das relacións xerárquicas, o que constitúe unha das máis significativos trazos do maléfico.

Saturno ofrece a súa cara máis sinistra, a dun deus caído, que ven de perder o poder, non a do deus civilizador  da Idade de Ouro; una cara maléfica cíclica que non invalida nin nos fai esquecer o seu aspecto benéfico. A vivencia das Saturnais ofrecería unha fórmula que permitiría satisfacer as inclinacións máis baixas do ser humano caído, esas que o obrigan a sacar ó exterior os instintos máis elementais da súa natureza.

Non lle demos máis voltas, estamos diante dunha manifestación colectiva que permite dar canle a esas paixóns, de por si incontrolables, e facelas inocuas socialmente ó darlles a ocasión de que se leven a cabo nun período moi limitado de tempo, en determinadas circunstancias e baixo uns estrictos límites que xamais deberían ser traspasados. De non ser así, estas mesmas paixóns, ó non ser satisfeitas, estourarían irremediablemente poñendo en perigo a existencia individual e colectiva, dando lugar a un balbordo de consecuencias bastante máis serias e imprevisibles.

Son días regulados e reservados con este propósito canalizador. Son días que, ó estar considerados fóra do normal curso da vida (Tempo Ordinario), non van exercer ningunha mala influencia, nin tampouco hai nada que non estea previsto neles. Ata certo punto normalizan a desorde e integrana dentro dunha orde total.

Certos trazos que descubrimos nas máscaras confirman definitivamente todo o que ata aquí levamos exposto. As máscaras subliñan xeralmente o horripilante, mesmo a fealdade, cando evocan formas de animal ou de demo, de tal xeito que son como a expresión material da peor/diabólica natureza do ser humano. Ademais cada persoa, sen ser consciente, escollerá bastante naturalmente entre aquelas máscaras que mellor concorden coa súa forma de comportarse.

A máscara, que sería un modo de disfrazar o verdadeiro rostro individual, acaba por ser a evidencia reveladora, unha inversión, unha verdadeira falsificación satánica de todo aquilo que o seu portador/a está obrigado a disimular, os instintos máis básicos e vergoñentos.

Bibliografía:

René Guénon, Symbols of Sacred Science. (2004)

Mircea Eliade, Tratado de Historia de las Religiones. Morfología y dialéctica de lo sagrado. (2009)

Mircea Eliade, El mito del Eterno Retorno. (2011)

Caro Baroja, El Carnaval. (1989)

José M. Otero