Vigo romano: a villa romana de Toralla

A VILLA ROMANA DE TORALLA EN O VAO (VIGO)

As villae son espazos de explotación económica e unidades de producción pero tamén lugares de retiro e descanso, segundo explicaba Varrón, autor no ano 37 a.C. dun tratado de agronomía. Os romanos ven o mundo a través dunha mirada  esencialmente urbana, porque Roma é un estado territorial cunha dimensión civilizada do espazo. A villa é a cara oposta da axitada e caotica vida urbana, tan ben retratada nas sátiras de Marcial e Xuvenal, é o modo de vivir a natureza sen deixar de pertencer ó orbe civilizado. As villae cambian co tempo, primeiro predominan  os seus aspectos productivos, logo,  a súa utilidade residencial.

Reconstrucción virtual dunha villa romana
Reconstrucción virtual dunha villa romana

Se botamos a u ollada a restos de villae romanas que se espallan pola península, por exemplo a da Olmeda en Palencia,  Almenara-Puras (Valladolid), Alcalá de Henares, esta villa do litoral vigués que se asenta á beira do mar, ó abeiro do que sería o fondo dunha pequena rada formada por un areal que uniría a illa de Toralla con terra, non é rica en mosaicos pero dispón doutras dotacións de ocio ás que ningún cidadán romano renunciaría xamais dispoñendo de medios: as termas,  que ocupan case un cuarto do espazo  habitacional total.

Mosaico de la Villa romana de La Olmeda (Palencia)

Pese a esta carencia ornamental, que quizais se debese ós gustos do propitario ou porque a esperanza da duración do negocio era limitada no tempo, xa que o Imperio sentía o ventos da crise económica e a decadencia, sobresaen non obstante a solidez e racionalidade constructiva e,   fundamentalmente, unha  preocupación pola dotación de espazos que desen resposta ás necesidades do ocio cotiá.

A construcción dátase entre o ano 300 e 450 d.C., e suponse que o avance dunar foi a razón que obrigou ós seus donos a abandonar a propiedade. Non se poden desbotar outras causas, como a crise económica derivada dos últimos anos do Imperio ou a os atrancos para atopar liñas comerciais que desen saída o que se producía nos negocios do dominus, ou mesmo a caída en desgraza ou ruína deste. Non  é, en todo caso, un asentamento único. Todo litoral da ría viguesa, desde Teis ata Baiona, ofrece mostras evidentes dunha intensa ocupación na época romana, xa con villae, xa  con factorías de salazón. Ó ser un xacemento escavado na súa totalidade, a parte do aporte histórico ás orixes da cidade, resulta un paradigma clarificador da ocupación romana de Vicus.

O conxunto arqueolóxico consta de dous edificos de forma rectangular. O orientado de norte-sur quizais sería a villa rustica, ou espazo productivo, perpendicular a este, orientado de oeste a este, sería a villa urbana, ou residencial. Dectectáronse outras estructuras sen unha funcionalidade aclarada.

http://vimeo.com/moogaloop.swf?clip_id=6316501&server=vimeo.com&show_title=1&show_byline=1&show_portrait=0&color=&fullscreen=1

A VILLA ROMANA DE TORALLA (VIGO) from otero on Vimeo.

O edificio principal, de planta rectangular, organízase, a partir dun corredor, en nove estancias. O corredor exténdese  ó longo da metade da fachada norte. Paralelas a este corredor teñen entrada catros estancias que poderían ser cubicula (dormitorios), algunhas intercomunicadas. Ó mesmo tempo este corredor a través dun pequeno vestíbulo dá acceso a parte occidental, onde estarían o triclinium, e toda a zona termal, alimentada por a calefacción dun hipocausto soterrado. Desde o exterior pódese acceder ó resto de estancias da banda oeste:  forno (praefurnium) do hipocausto, cociña (culina) con dúas lareiras, e finalmente pegada a esta estaría a cella pennaria ou despensa.

Grazas a area os restos quedaron ocultos ata entrado o século XX, momento en que os propietarios do terreo se decatarón de que debaixo  da area podería haber restos de interese arqueolóxico cos que ilustrar a verdadeira orixe histórica de Vigo.

PERCORRIDO VIRTUAL POLA VILLA DE TORALLA

[http://webs.uvigo.es/proxecto-toralla/res1.WMV [vcr]

Ver mapa máis grande


ROMANIZACIÓN DA ÁREA DE VIGO”

Vigo romano: a villa romana de Toralla por José M. Otero está baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 España License

Creative Commons License

Anuncios

DÍAS DE CANÍCULA

CANICULA< CANIS (CAN)

Cando florece o cardo e a cantareira cigarra, pousada na rama dunha árbore, debulla teimuda, por debaixo das alas, o seu agudo chío na estación do agotador verán, entón son máis ricas as cabras e mellor viño, máis sensuais as mulleres e os homes máis frouxos, porque Sirio lles abrasa a cabeza e os xeonllos, e teñen a pel reseca das néboas.

É entón cando debe procurar a sombra dunha pedra, viño das uvas de Biblos, un boliño de pan de leite, leite de cabras, que xa comezan a estar secas, carne dun tenreiro apacentado no bosque e de cabuxiños primoxénitos.

Bebe despois o viño tinto, sentado á sombra, co corazón farto de comida e coa cara dando ó enérxico céfiro. Dunha fonte inagotable e destilada, que sexa limpa, enche tres partes de auga e mestura unha de viño.

HESÍODO. Os Traballos e os Días vv. 582-597


puestasolparaia-america
Fotografía: José M.Otero

Para os labregos que miran ó ceo máis que á terra e para o resto dos mortais, despreocupados dunha e doutro, a canícula é a época do ano na que hai unha sensación de calor máis intensa. Ocorre isto nos meses de xullo e agosto. Se acudimos á historia descubriremos que se chamaba canícula ó período no que a estrela “Sirio” (A Abrasadora) da constelación do “Can Maior” comezaba a alumear no horizonte. Os antigos romanos consideraban que os templos e as casas deberían estar orientados cara a “Sirio” na procura dun bo agoiro, por iso a súa construcción esperaba á chegada da canícula. Co paso dos séculos, fúmonos esquecendo de “Sirio” e da boa fortuna que transmitía para identificar canícula con calor, sen pensar para nada na constelación do Can.


sirio
Fotografía: Google

A estrela Sirio é a responsable da medición precisa dos días no calendario modificado por iniciativa de Xulio César a partir dos coñecementos adquiridos polos astrónomos exipcios. Os exipcios medían o ano solar non pola observación do sol, senón pola observación conxugada do Sol e Sirio, denominada polos exipcios Sotis. O orto helíaco (do sol) de Sirio marcaba o final e o principio do ciclo anual. Hai un día ó ano no que Sirius aparece polo horizonte no mesmo punto polo que sae o Sol. Entre cada orto helíaco transcorrían 365 días, 1460 días en catro anos. Os exipcios observaron que cada ano había un lixeiro desprazamento non fácilmente computable. Sen embargo entre un primeiro orto de Sirio e un cuarto trancorrían 1461 días, co que chegan á conclusión de que a duración dun ano era de 365 días e ¼.

Acolléndose a esta experiencia e por inspiración do astrónomo de Alexandría Sosíxenes, Xulio César adaptou o calendario romano tradicional, axustando a duración dos meses e creando os anos bisiestos (contando dúas veces (bis) o día sexto antes das calendas de marzo). Grazas a Sirio coñeceuse o ciclo do Sol e os exipcios mesmo puideron predecir con precisión as datas da crecida do Nilo e o tempo óptimo para os traballos da sementeira e o repouso dos campos.

SIRIO. UN OLLO NO CEO


Non creas que con dicir que o sentes, basta,

non tentes unha vez máis darlle volta á tortilla,

tiveches mil oportunidades antes,

non estou disposto a darche ningunha maís,

non fagas preguntas,

así son as cousas,

porque unha parte de min sabe o que estás pensando.


Non digas palabras que logo lamentes,

non deixes que o lume prenda na túa cabeza,

escoitei antes ese reproche,

non o vou a permitir máis,

creme,

o sol nos teus ollos

faime crer que algunas mentiras pagan a pena.


Mirándote podo ler o teu pensamento,

son eu o que poño as regras

tratando con bobos,

eu podo burlarte a cegas,

non necesito verte máis

para saber que

eu podo ler o teu pensamento, podo ler o teu pensamento.

Non perdas as falsas ilusións,

non chores porque non vou cambiar de opinión,

así que busca outro bobo como antes

porque non vou vivir crendo

máis mentiras mentres todos os sinais son un engano.


Días de canícula por José M. Otero está baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 España License

Creative Commons License

Perseidas: muxicas dos ollos de Perseo para Andrómeda

Perseidas: muxicas dos ollos de Perseo para Andrómeda


Pica AQUÍ : Música para acompañar o silencio (Necesitas Spotify para poder escoitar)

perseoeandromeda
Abbeville, musée Boucher de Perthes Persée délivrant Andromède.Lemoyne François (1688-1737). (C) RMN / Jean-Gilles Berizzi

As falcatruadas e amoríos de Zeus eran un díxome-díxome entre as divindades do Olimpo. A súa irritable esposa Hera, agoniada e molesta xa de que o corro celestial de murmuradores falasen polo baixiño, volvérase, a máis de revirada, unha consumada virtuosa da arte da vinganza.

O deus fulgurante andaba agora entolecido pola feitizo da bela Dánae, e non daba co atallo para seducila, como a tantas outras mortais, antes e despois da filla de Acrisio. Andou el dándolle voltas na súa cabeza coroada a unha idea nunca vista coa que sorprendela, e  cando apagou o sol,  deu co agasallo que de seguro impresionaría á aquela moza tan feitiña, a quen desexaba ter nos seus brazos, sen moito tardar aquela mesma noite de ceo cristalino: un estralo de estrelas que caería sobre a amada como unha intensa chuvia de ouro.

Dánae, abraiada pola aparencia imponente do amante e o seu porte divino, deixouse facer. Envoltos polo acougo daquel ceo calmo que os cubría e o silencio da noite, os dous amantes  sentíronse  engulidos por un vórtice de paixón e prendidos polo lume dun amor desfreado e celestial durante horas interminables, xa que o fogoso Zeus, entregado a amar, perdía con cada suspiro os papeis das leis que rexen o universo.

Noite de perseidas

Unha noite arrebatada e louca, na que beleza e poder acadan o cumio da harmonía, regala un berce mol para que naza e deite nel un heroe: Perseo, o froito predestinado  a fender o aire con alas que rincharán ó bater co vento, obrigado a dar fe de que, a parte de fillo de Zeus, era home valeroso, decidido, capaz da fazaña máis increible por amor: degolar a Gorgona e liberar a amada dunha morte inxusta.  (Ha continuar)

A lenda no remata aquí. ¿Casará o heroe con Andrómeda? Se mañá vos dades unha voltiña por esta páxina acabaréivolo de contar.

Perseidas:muxicas dos ollos de Perseo para Andrómeda por José M. Otero está baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 España License

Creative Commons License

PRIMAVERA FECUNDA EN LAZA (OURENSE)

http://vimeo.com/moogaloop.swf?clip_id=5959901&server=vimeo.com&show_title=1&show_byline=1&show_portrait=0&color=&fullscreen=1

TRAZOS DE TEATRALIDADE NA PROCESIÓN DO SANTO CRISTO DE LAZA

ico_version_pdf1

Anualmente o tres de maio, coincidindo co esplendor da natureza, celebran en Laza a festa do Santo Cristo.

Este antigo ritual, que mestura con coherencia elementos paganos e cristianos, é o acto relixioso que concentra toda a atención das xentes de Laza e que ven ser a adaptación desde a perspectiva cristiana dos antigos rituais de primavera, de exaltación da natureza e a vexetación, moi propios da concepción do mundo das culturas vitalistas.

0 ritual xira arredor do símbolo ARBORE DO MAIO, que se ergue no centro da praza da Picota (hoxe xa non), ó seu aveiro desenvolverase o que podemos considerar o núcleo dA trama do ritual.

A interpretación cristiana ve nos personaxes, que son obvia herdanza do Maio e a Maia a Adán e Eva, que se corresponden por inversión cos de Cristo e a Virxe.Comezo e fin do que na cultura cristiana se coñece como a Historia da Salvación.

SE CHE INTERESA LER  MÁIS, PICA AQUÍ : trazos-de-teatralidade-na-procesion-da-santa-cruz-en-laza

UN INTENTO DE LECTURA DA SIMBOLOXÍA DA FESTA DO SANTO CRISTO DE LAZA

ico_version_pdf1

O obxecto da nosa reflexión é, de primeiras, unha festa cristiana de maio elaborada a partir de elementos simbólicos presentes nos rituais da exaltación da natureza e a vexetación que configuran nun amplo espazo o ciclo de celebracións da primavera.

A través dun procedemento que na terminoloxía de Panofsky se denomina “principio de disxunción”, a interpretatio christiana aprópiase dos símbolos que d e s e ñ a n  a concepción do mundo das culturas vitalistas para os adaptar ós principios da filosofía cristiana: a morte establecida no mundo pola desobediencia do Paraíso transformase en vida polo sacrificio da Cruz.

Os elementos fundamentais, sol e auga, que son celebrados nas festas da vida da natureza, constitúen a base metafórica na que se apoia o concepto cristiano de vida espiritual.

SE CHE INETRESA LER MÁIS PICA AQUÍ: lazasimboloxiasantacruzdelaza

INFORMACIÓN SOBRE LAZA

Primavera fecunda en Laza (Ourense) por José M. Otero está baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 España License

Creative Commons License

Graecia capta ferum victorem cepit

ANTIGOS E MODERNOS: AS ABELLAS E AS ARAÑAS

Agora que se desdeñan as humanidades

“Para Jonathan Swift, como antes para Platón e para Virxilio, as abellas eran as Musas, fillas da Memoria, que facían baixar o alimento  propicio para os poetas e os heroes desde Ceo das Ideas divinas á terra dos homes …. Do mesmo xeito que as abellas, os poetas, os eruditos, os admiradores da Antigüidade, os artistas, non “inventaban” senón despois de ter libado, nos xardíns  da Memoria, os zumes que interveñen na composición de sustancias, mel e cera, dozura e luz, que, de xerazón en xerazón, alimentaban a alma e a alumeaban na súa viaxe cara á súa verdadeira patria.”

MARC FUMAROLI. As abellas e as arañas. A Querela dos Antigos e os Modernos. (La Querelle des Anciens et des Modernes, précédé d’un essai “Les Abeilles et les Araignées” (Gallimard))

PARA ESCOITARES MENTRES LES


Horacio en Atenas

Á Estancia de Leah  a hetera,

onde a elegancia alza  o seu mórbido leito,

chega un efebo, con xasmíns nas mans.

Os seus dedos están adornados de xoias,

viste túnica de branca seda

con bermellos bordados orientais.

Fala grego,

pero un deixe lixeiro

delata a súa orixe romana.

O efebo declara o seu amor

e a dama ateniense escóitao en silencio.

Palabras de Horacio, elocuente amor.

E abraiada ela contempla unha nova beleza

na paixón da gran Roma.

KONSTANTINO KAVAFIS

Graecia capta,  cepit victorem furorem por José M. Otero está baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 España License

Creative Commons License