O pracer dun baño quente

Sistemas de calefacción nas áreas termais das villas  romanas na Gallaecia

“Balnea, vina, Venus corrumpunt corpora nostra sed vitam faciunt”

[“Baño, viño e Venus desgastan o corpo, pero dan a vida”]

Proverbio clásico


O recurso da auga para usos  hixiénicos facía sentir ós romanos superiores a calquera outra xente, se se quere, máis urbanos. O romano só se sente el mesmo rodeado de comodidades materiais (commoda) que faciliten o desenvolvemento do ideal liberal da amistade no que ten de liberdade e igualdade. A vida feliz  para un home esencialmente práctico era a combinación harmoniosa entre os tempos de otium e de negotium

Non había mansión rica onde un baño non ocupase varias salas especialmente dispostas cunha instalación  de auga quente. O baño de vapor e a climatización por debaixo do chan son dúas decisivas aportacións do mundo romano ó espazo dos praceres. Non sei o que pode haber de verdade na noticia que nos dá Plinio o Vello de que todo se debe a un empresario espabilado que se inspira no sistema empregado para quentar os bancos de ostras. Ignoro se é casualidade ou puro artificio literario pero non pasa desapercibido o feito de que as ostras aparezan ligadas ó pracer.

O baño, ademais dun hábito de hixiene, era un pracer complexo que respondía ás necesidades que reclamaba un romano: un costume de sociabilización, ós romanos góstalles falar cos amigos. Os baños ofrecíanlles a posibilidade de ter a man  todo o que pode facer a vida fermosa e feliz.

Somos hoxe afortunados beneficiarios de dúas das grandes comodidades, as máis estimadas polo home moderno, legadas polo mundo romano: os baños quentes  e a calefacción:

O HIPOCAUSTO consiste nun espazo polo cal o aire quente circulaba baixo o chan procedente dunha fonte externa (PRAEFURNIUM) na que había unha caldeira  (ou tres) na que se quentaba tamén a auga. O chan da sala quente, que debía ser groso para evitar as queimaduras nos pés, ía sobre columnas (pilae),  piares de ladrillo ou pedra e tamén terracota. Igualmente conseguirón quentar os muros e as bóvedas  facilitando o desprazamento do aire quente xa con TUBULI , grandes pezasocas  cerámicas ou TEGULAE MAMMATAE (tellas planas colocadas de tal xeito que facilitasen a circulación do aire quente).

A orientación espacial dos baños   buscaba  o sol de tarde que se recrea no lento poñente  para crear un especie de “efecto invernadeiro” nas salas caldeadas onde os usuarios dos baños circulaban sabiamente entre o CALDARIUM, orientado cara ó sur, o FRIGIDARIUM, ó norte,  e o TEPIDARIUM, que se interpoñía entre ambos.

O  ritual do baño dividíase en tres fases: entrábase nos sudatoria, que rodeaban o caldarium, para reactivar a transpiración, o que se coñece como baño turco ou seco. De aquí pasábase ó caldarium , coa temperatura moi elevada, onde se rociaban con auga quente no labrum. Unha vez limpos e secos detíñanse no tepidarium para adaptarse ó cambio de temperatura, para finalmente botarse á piscina de auga fría. Tales son as recomendacións de Plinio o Vello e o movemento das personaxes do Satiricón de Petronio.

“Ó deselvolver colectivamente o pracer pola hixiene física, os deportes útiles e a cultura desinteresada, o pobo romano detivo a súa decadencia durante varias xeneracións, facénndose eco do vello ideal que no pasado inspirara a súa grandeza e que seguía recomendando Marcial: Mente san en corpo san.” (Jérôme Carcopino. Vida cotidiana en Roma).


PARA COMPARAR

http://elspaciodemaia.netne.net/temas/termasvalduno.htm

Anuncios

Vías e pontes: rede de poder, camiños de latinidade

VIAS E PONTES DE LATINIDADE

Da terra sómente habitamos a parte que se estende ata as columnas de Hércules, espallados arredor do mar como as formigas e as ras dun estanque.

Platón

Via Nova ou XVIII do Itinerario de Antonino

Para ver o VIDEO pica AQUÍ

Do xermolo, que madura nas  brétemas lendarias de Eneas , nace unha das máis amplas e coherentes construcións políticas e militares de todos os tempos. Ó principio foi unha conquista teimuda, unha agresión sistemática. Pero co tempo foise caendo na conta de que isto non era suficiente se non se armaba un sistema de apoio, unha rede –campamentos fixos, albergues nos camiños, depósitos, conexións-, toda unha rede que viña a dar á cidade e que foi cargándose de poder co paso do tempo. Esta rede tiña que ser sólida se se quería garantir o éxito das campañas militares, a súa coordinación e a súa continuidade. Así detrás dos exploradores do terreo organizados viñeron os construtores. Eles fixeron muros, pontes, estradas que facilitaron o paso das lexións.

Comezan a aparecer por todas partes réplicas de Roma como selo da dominación. A cidade significaba lei , pois os xuristas acompañaran no avance ós soldados, enxeñeiros e agrónomos. En calquera punto do territorio sometido podíanse ler epigrafiadas sobre bloques de mármore palabras como libertas, potestas, auctoritas, imperium. Res Publica.

Pero a unidade entre todas estas colonias foi resultado de moitas forzas:  o dereito e a rede de estradas que conducía ó centro só foron un instrumento máis que garantiu esa unidade, a verdadeira forza unificadora xerouse a partir da lingua na que se escribían as ordes militares, os decretos da xustiza, a liturxia do poder.

A latinidade nos seus comezos é como unha rede que se bota ó mar desde o Lacio e entre as mallas vai quedando atrapado todo un amplo territorio que se ordena arredor dun mar interior. O historiador grego Dionisio de Halicarnaso (60 a C.) , escribiu que a grandeza de Roma no é cousa só da boa fortuna, senón o resultado dun esforzo meritorio ó que non era allea a influencia grega. Un esforzo e ademais un sentido práctico do que dan fe o que para el son as tres principais achegas de Roma: as vías, os acuedutos e as cloacas.

MATERIAL COMPLEMENTARIO: TEXTOS PARA VIAS REDE DE PODER

LAS LÁGRIMAS DE EROS


Museo Thyssen Bornemisza, Madrid

Heracles, heroe excesivamente humano

HERACLES, HEROE EXCESIVAMENTE HUMANO

A educación non é posible sen que se lle ofreza ó espírito unha imaxe do home tal como debe ser. Nesa imaxe a utilidade é indiferente ou, polo menos, non esencial. O fundamental nela é καλόν, é dicir, a beleza, no sentido normativo da imaxe, imaxe anhelada, de ideal.

Werner Jaeger. PAIDEIA: Os ideais da cultura grega


Heracles é o paradigma do héroe grego: excepcional ou excesivo, máis alá do puramente humano, pero non por iso queda á marxe da condición humana nos seus atrancos, nas probas polas que ten que pasar, nas súas limitacións, na maneira de sufrir, e mesmo no momento decisivo da morte, engulido polas lapas da pira no monte  Eta. O que define ó héroe no seu destino de home son as accións que leva a cabo con ousadía e das que sae exitoso, e nestas está Heracles, fillo de Zeus, pero home sufrinte e solitario nas súas accións victoriosas.

A súa humanidade aparece definida aínda máis porque tamén se move nese tempo incomensurable no que actúan os deuses, relacionándose ben ou mal con eles. Ocupa un lugar entre home e deus, e nese espazo principia un combate a brazo partido coa morte, no que ha rebordar sempre os límites tanto espaciais, por terra e mar, como os da súa condición de humano.

Heracles reforza a súa humanidade cando lles fai fronte ós monstros. A condición de heroe tiña como peaxe acabar coa descendencia monstruosa de Forcis e Ceto: Perseo degola a Gorgona Medusa, Belerofonnte imponse á Quimera e Edipo supera os enigmas da Esfinxe. Pero non obstante a resta de monstros cos que ten que lidar Heracles , o maís valeroso de todos os héroes, son a súa coroa de gloria: Xerión o das tres cabezas e o seu can, o león de Nemea e a Hidra de Lerna, o Can Cervero e o dragón das Hespérides que gardaba as mazás douradas. Destas fazañas tres levan ó héroe polo mundo dos mortos, Xerión resulta un doble de Hades, o mesmo que o seu can, irmán de Cervero, a quen tamén acaba sacando inútilmente do mundo das sombras despois dun sanguento esforzo. Por outra banda para poder facerse coas mazás das Hespérides ha de cruzar o lindeiro do Oceano ata chegar ó xardín espléndido das fillas da Noite, divindades seductoras pero temibles xa que gobernan o mundo do Máis Alá.

Así é como Heracles vence a morte, que no ideal heroico significa situar todos os valores na resprandescente xuventude para vencer a vellez. Heracles imponse gloriosamente casando coa eterna Xuventude na procura da inmortalidade. A carreira do héroe desenvólvese neste espazo entre o mortal e o divino.

PARA MAIOR INFORMACIÓN VISITAR ESTA PÁXINA

MÁIS SOBRE HÉRCULES (INGLÉS)

HÉRCULES 1958  Pietro Francisci


Heracles, heroe excesivamente humano por José M. Otero está baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 España License

Creative Commons License