Harmonía para o 2009

“Tenebres del Nadal, no sou tenebres.” Joan Maragall
(Verso suxerido por Ramón Torné)

castracion de urano 2
A castración de Urano a mans de Crono. Giorgio Vasari e Gherardi Christofano (Palazzo Vecchio, Florencia). Fot. José M. Otero

Do Caos saíron Érebo e a negra Noite.

Ó seu tempo da Noite, despois dun encontro con Érebo
propiciado por Eros, naceron Éter e o Día.
Cronos, saíndo do escondite, sen pensalo cencenoulle
os xenitais ó seu pai Urano.
Eris pariu a dolorosa Fatiga, o Esquecemento, a Fame,
as dores que causan pranto, os Combates, Guerras, Matanzas,
Masacre, Odios, Mentiras, Desorde, Destrución.
Da Noite naceron o Éter e o Día.

HESÍODO

OS MEUS DESEXOS DE HARMONÍA PARA TODOS OS QUE ME LEN.


MERRY CHRISTMAS, MR LAWRENCE, RYUICHI SAKAMOTO

Anuncios

Dies Natalis Solis Invicti

NADAL DO SOL TRIUNFANTE

IMG_1465
O Sol do occidente. Fot. Juliana Ribeiro Veronese

Ningún historiador das relixións parece dubidar hoxe das semellanzas da festa cristiana de Nadal cos rituais dos cultos de Mitra que tan boa acollida tiveron entre os romanos dos últimos anos dos Imperio. A relixión de Mitra, mesturando un ritual con aspiracións de pureza moral  e esperanza de inmortalidade, foi unha rival de coidado da igrexa cristina que lles propoñía ós seus fieis respostas idénticas a inquitudes parecidas. J.G. Frazer ofrece un dato luminoso que explica a longa loita nas nosas festas do Nadal: no calendario xuliano computouse o solsticio de inverno o 25 de decembro, considerándoo como a natividade do sol, xa que a partir deste momento crítico do ano a duración do tempo de luz ía incrementándose.

Sol Invictus. Fot.Google

“¡A virxe pariu! ¡A luz está renacendo”, gritaban de noite os celebrantes dos ritos do “Natalis” en Siria e Exipto, e sacaban, para que a adorasen, a figura do sol representada nun neno recén nacido. No solsticio de inverno a virxe que paría o 25 de decembro era a Gran Deusa Celestial do Oriente, Astarté nos paises semíticos, identificada polos seus adoradores co sol invencible, irreductible, triunfante, eterno, por iso a natividade do sol cae na mesma data  que a igrexa occidental adoptou  a comezos do século IV  para comemorar o nacemento do Salvador. Mitra tamén se identificou co sol.

Os primeiros cristianos  non celebraban o nacemento de Cristo, nada contaban os Evanxeos sobre a data, pero pasado un tempo, entre os fieis de oriente,  o seis de xaneiro consolidouse pouco a pouco como o día natividade;  occidente, que se mantiña á marxe do costume oriental, xa a finais do século III,   opta polo 25 de decembro.

Deus Mitra. Fot. Google

Un escritor sirio cristiano dános a clave desta decisión : a razón pola que as autoridades da igrexa  adoptan a  data do 25 reside no costume dos paganos de celebrar ese día 25 o nacemento do sol, facendo luminarias, símbolo da festividade  e os cristianos participaban tamén nela sentindo unha especial atracción que preocupou  tanto ós doutores  da igrexa que resolveron que o Nadal debía celebrarse aproveitando a intensidade coa que se vivía esa data por parte de todos. Por iso seguen a acenderse fogueiras e fachucos ata o día da epifanía (6 de xaneiro). Rituais de lume que hoxe perduran nas celebracións do Entroido en Laza ou Oimbra (Ourense). Unha mestura  das antigas festas saturnais (17-23 de decembro) e a do Sol Invictus.

Fachucos Laza
Fachucos no Entroido de Laza. Fot. Ana Mª Martínez

Mesmo San Agostiño, cando anima os cristianos a non celebrar o día do sol como tal,  senón que o fagan no nome de quen o creou, deixa entrever a orixe pagana da festividade. E o propio León o Grande condena a crenza  de celebrar o Nadal polo nacemento do Sol e non pola natividade de Cristo. Distingamos, pois, entre Nadal  e Natividade.

Parece que a igrexa cristiana levou a celebración do Nadal ó día 25 de decembro co obxecto de transferir a devoción xentil do sol invencible ó seu Sol fundador e salvador.

IMG_1471
Sol Invictus deitando no Oceano

Miradas en conxunto as festas paganas e cristianas teñen numerosas coincidencias e moi estreitas  nas que podemos descubrir o pacto ó que se viu obrigada a Igrexa no momento no que triunfa sobre as relixións rivais.