TEMPOS DE ENTROIDO (3): TRISTEZA NON TEN FIN

A GRAN ILUSIÓN DO CARNAVAL

A felicidade do pobre parece
A grande ilusão do carnaval
A gente trabalha o ano inteiro
Por um momento de sonho
Pra fazer a fantasia
De rei ou de pirata ou jardineira
e tudo se acabar na quarta feira

Tristeza não tem fim

Felicidade sim

ANTONIO CARLOS JOBIM

ORFEO NEGRO

UNHA VISIÓN DO MITO DE ORFEO

Orfeo negro (1959) é unha película do director de cine francés Marcel Camus. De coproducción brasileña, francesa e italiana, foi rodada en Río de Janeiro e contribuiu a converter en mundialmente famosa a música popular brasileira.
Antonio Carlos Jobim e Luis Bonfá son os autores respectivos dos dous temas principais da banda sonora, “A felicidade” e “Manhã de Carnaval”, clásicos da bossa nova e o jazz.
Basada na obra teatral Orfeu da Conceição do poeta e músico Vinícius de Moraes, constitúe unha adaptación do mito grego de Orfeo ó ambiente do carnaval brasileiro.

Nas vésperas do Carnaval  chega a Río de Janeiro Eurídice.  Nas favelas será acollida por unha prima.  As rúas son un frenesí de  samba. Orfeo,  conduce o tranvía que achega a Eurídice  ata o seu destino. Pero Orfeo, non só conduce tranvías, é un heroe popular moi recoñecido polo poderío sedutor da súa música;  crea beleza e arte e non lle pasa desapercibida a fermosura de Eurídice. A relación estreita que se establece entre os dous verase afectada polas sospeitas dunha noiva celosa.  O remuíño pasional  do carnaval envolveraos ata   rematar nun final tráxico. Orfeo que ten  poder de seducir a natureza enteira non consegue realizar o seu amor.

Anuncios

TEMPOS DE ENTROIDO (2)

DOMINGO FARELEIRO


DOMINGO FARELEIRO EN XINZO. Fot. Google

Media tonelada de harina abrirá este domingo (24 DE XANEIRO) el Entroido durante el ‘Fareleiro’. La organización de los actos del primero de los domingos previos a las fiestas grandes del carnaval de Xinzo, el ‘Fareleiro’, ya prevé el reparto de más de media tonelada de producto desde primera hora de la tarde en la Praza Maior.”  (La Región)

Segundo Vicente Risco o tempo de Entroido dura dúas semanas e media,  Septuaxésima, Sexaxésima e tres ou catro días da de Quincuaxésima. Os días sinalados do Entroido son: Domingo Fareleiro, Xoves de Compadres, Domingo Corredoiro, Xoves de Comadres, Domingo de Entroido ou Gordo, Luns e Martes de Entroido e Mércores de Cinza.

A denominación de “fareleiro” deriva dos farelos que se empregan nas bromas deste día. Os mozos collen sacos cheos de fariña para botarllos ás mozas e mulleres, especialmente contra aquelas que vaian ben vestidas. As mozas acéndense neste enfrontamento e loita  de sexos. Moitas veces os farelos espállanse con foles  de xofrar, ou lévanse nunha saqueta de trama frouxa pendurada dun pau. As veces en vez de farelos levan borralla.

Outra das bromas do domingo fareleiro era chisnar na cara con borra de potes, betún, carbón, tinta, ou os “burros” de carácter máis urbano. (Julio Caro Baroja.  El Carnaval)

Practicas rituais do Entroido:

1. Lanzar farelos e fariña; 2. Queimar estopa; 3. Correr galos; 4. Mantear cans e gatos; 5. Pendurar no rabo destes animais vexigas, latas; 6. Lanzar auga con xiringas; 7. Lanzar ovos, laranxas; 8. Pendurar e mantear monecos; 9. Azoutar con peles e vexigas; 10. Facer ruídos con artefactos; 11. Quebrar olas.

En opinión de Caro Baroja este ritual podería relacionarse co que se facía nas cerimonias nupciais co propósito de favorecer a fecundidade da recén casada.

De todos os xeitos non cabería descartar o salvado, o mesmo que a cinza e a borralla , como elementos primordiais da mascarada, ou fórmulas da igualación que se buscaba nos rituais do  Entroido e, ó mesmo tempo, símbolos do ano que remata.

TEMPOS DE ENTROIDO (1)

OS TEMPOS DO ENTROIDO

Tras a Idade de Ouro

Nos primeiros tempos os Inmortais, que habitan as mansións olímpicas crearon unha dourada estirpe de homes mortais. Existiron aqueles na época de Cronos, cando reinaba no ceo. Vivían como deuses, co corazón libre de preocupacións, sen fatigas nin miserias; non caía sobre eles a desprezable vellez, senón que sempre con igual vitalidade nas pernas e nos brazos, andaban sempre de festa, alleos a calquera mal. Morrían como se se sumisen nun soño profundo, gozaban de toda clase de ledicias; o campo fértil daba espontaneamente ricos e abundantes froitos. Eles, contentos e tranquilos  alternaban  a súas faenas con praceres variados. Eran ricos en rabaños e entrañables para os deuses benaventurados.

Hesíodo, Os Traballos e os Días,v.v. 109-126

martes de entroido bis
Peliqueiros en Laza. Fot. Ana Mª Martínez

Desde tempo inmemorial, todos os pobos que ocupan o espazo xeográfico do que poderiamos considerar Europa cristiá, entre Nadal e Coresma, repetían os mesmos ritos e festas, xa fixas xa móbiles. Son moitos séculos durante os cales  o Entroido , a través dos mesmos mecanismos e artificios  que se deron na elaboración dos mitos e lendas, se vai convertendo nunha armazón ritual coherente que dá sentido ás vivencias pasionais de homes e mulleres do espazo cultural europeo e cristián.

Non resulta estraño, polo tanto, que se poidan detectar ecos e sombras de ritos das saturnais romanas, das dioníasiacas, das lupercais.  Os pobos viven cada tempo do ano con intensidades distintas, nuns momentos imponse a ledicia e os excesos, mesmo o desenfreo, e noutros  a tristeza, derivada dese caos vital. Non é o mesmo vivir o Nadal, que o tempo de outono, non é o mesmo vivir a Coresma que o agromar da natureza na primavera. Quen vive inmerso na natureza e depende dela, sente emocións de diversa intensidade.

Cigarron 1bis
Cigarrón de Verín. Fot. Eduardo Cabido

Tanto no mundo urbano como no rural a esencia das celebracións foi sempre coincidente, o mesmo que o simbolismo e as moralidades que se podían extraer das licencias. Nas cidades celebrábanse con máis pompa, con máis elegancia, se se quere, o que no mundo rural resultaba ser máis vital, máis dramático, por esa atadura íntima e secular que o home do campo sente coa natureza e os seus ritmos. A vida de cada grupo social desenvólvese no seu ámbito. Máis cómplice coa natureza no mundo rural; máis afastada desta no urbano. Sen embargo nos dous mundos téntaselle dar transcendencia ós xogos e diversións, ás festas que sinalan desde a nenez a distintas fases da vida.

O ano é u espazo temporal que padece e no que se  padece, no que experimentamos vivencias varias que se repiten de maneira inexorable. Internarse no Entroido é procurar a conciencia colectiva de moitos séculos nos que se repiten ano tras ano os mesmos costumes, na Galiza, na Alemaña, Italia.

Calendario de actividades agrícolas

É unha forma de procurar o equilibrio social fixando períodos de aparente desequilibrio, nos que a sociedade se despraza sen límite a un extremo, para rematar despois no extremo contrario. De todos os xeitos sempre se é menos estrito á hora de observar os rigores coresmais que as entroidadas.

O Entroido ven chegando lento desde as Saturnais do Nadal, pero ven chegando, para comezar a tomar pulo primeiro polo San Antón e máis tarde a partir do Domingo  Fareleiro.

calendarioroano4
Calendario romano e festas de Entroido. El carnaval. Julio Caro Baroja
calendario romano3
Calendario romano e festas de Entroido. El Carnaval. Julio Caro Baroja

Creative Commons License

VIGO ROMANO: SALINAS DO AREAL

VIGO, RICO EN SAL

” Quen, tendo comprado casas ou campos á beira do mar, non poida percibir froitos da terra pola improductividade do chan, que é cousa normal nas zonas costeiras, obteña do propio mar a ganancia”. Columela, Doce Libros de Agricultura, VIII, 16

As salinas do Areal, xacemento único en todo o territorio do Imperio Romano polo seu estado de conservación, constitúen un espazo de 200.000 m2.  que ilustra o sistema romano da extracción do sal por evaporación. Ocupan unha área dunha antiga marisma e estivo operativa ó longo dos séculos I e II d. c.

As grandes factorías de salgadura atoparíanse sempre onde podían dispor tanto de abundante pesca como de  establecementos salineiros. Doutro xeito o producto sairía caro e habería risco de que se pudrira polo camiño antes de chegar a  destino.

salinas romanas vigo 2
ÁREA DE EVAPORACIÓN E CRISTALIZADORES

O seu funcionamento era sinxelo: conducíase a auga do mar ou a salmoira a uns estanques  (déposito  ou decantador), para despois distribuíla en receptáculos de evaporación – eiras chámanse nas salinas interiores – nos que a auga non creza por riba dun palmo e esperar a súa evaporación. Deixábase cristalizar en cubetas na zona de cristalizadores. Unha vez cristalizado o sal amontoábase con rastros e gardábase en almacéns ou simplemente se deixaba formando enormes montóns. Só nas que a evaporación no é posible ou non se completa pola falta de condicións climatolóxicas, hai que recorrer quentar a auga ó lume e forzar a evaporación, pero o procedemento é moi custoso.

slainas romanas vigo4
DEPÓSITO DECANTADOR E ZONAS DE EVAPORACIÓN