DESCONFÍO DOS GREGOS: ESTAMPAS CLÁSICAS PARA A ECONOMÍA DE HOXE


Le Cheval de Troie.1530 Auteur : Maître de l'Enéïde (16e siècle)RMN

“Non me fío  dos gregos, e menos aínda se traen regalos”


ÁNGELES CASO, COMO ULISES

http://www.elpais.com/videos/cultura/Angeles/Caso/Ulises/elpepucul/20100608elpepucul_1/Ves/

O retorno de Ulises.As sereas. Tito Ettore 1859-1941


Nestes últimos tempos fartámonos de ler en todos os medios  mundiais palabras pouco afagadoras dos hábitos e manexos de pouco fiar dos dirixentes gregos, ou, como quen di, de Grecia, no proceso de integración na UE. Non resulta estraño que moitos fagan unha valoración xeral xulgando que o engano é consubstancial ao carácter heleno, un trazo de carácter que ten a súas raíces máis alá do tempo, no universo do mito.

Segundo informou  o  xornal The New York Times, pero tamen Le Monde, Der Spiegel, Franfurter Allgemeine, The Times, Daily Mirror e outros mil máis, de aquí de acolá, Grecia enganou á  UE sobre os seus datos reais de déficit público coa axuda de bancos de inversión de Wall Street.

“Sabiamos que Grecia nos estaba enganando“. Karel De Gucht, comisario de Comercio, recoñece que as trapalladas contables e estatísticas gregas eran un secreto a voces desde que Atenas gañou en 1999  a súa entrada no euro. EL PAÍS

A  revista FOCUS asegura que todos os gregos son baralleiros proclives ao engano.

Seguramente cando lemos estes improperios facemos dos gregos un rosario de miúdos Ulises, todos o gregos son Ulises, as gregas son Ulises, os cans e os gatos gregos son Ulises, Grecia enteira é un retrato de Ulises.

Difícil non pensar en Ulises, no Ulises astuto, que canso de estar nunha guerra cruel e inútil de dez anos, concluíu que a solución estaba ligada á astucia. No Ulises que na súa visita ao Ciclope, atopou no seu maxín a fórmula para librarse el e os seus amigos da ferocidade do fillo de Poseidón. O Ulises que foi capaz de seducir a Circe e Calipso e desfacerse delas con cumprimentos de cabaleiro.

Ulysse quittant Calypso: Preller Friedrich, l'Ancien (1804-1878)RMN

Ulises, o dos discursos falaces, o das palabras  astutas, o do pensamento sinuoso, o de espírito revirado, que só di a verdade diante do pobo de Esqueria reunido en asemblea, aínda que ao principio a súa intención non era esa. O seu intento de disimulo , nunca se daba a coñecer, claudicou ás preguntas da raíña Areté e o rei Alcinoo.

E agora hoxe, no século XXI, os gregos, como novos Ulises, enxeñando un novo cabalo de madeira, repleto no seu interior de estopa empapada da gasolina da débeda, capaz de asolar a fortaleza do Euro e da Europa rica. Non nos enganemos, os gregos non foran a Troia a resolver un asunto de saias. A riqueza troiana, cabalos e posición estratéxica, era un asunto moi cobizoso, Helena simplemente unha desculpa literaria, un puro artificio literario.

Sempre tiveron os gregos mala prensa, sempre se lles acousou de imaxinativos, teóricos, o memo que dicir baralláns idealistas, agora e antes, e iso non era cousa boa. Os romanos, que deron coa inmensa fortuna de atopar o mellor dos gregos sen ir a buscalo, porque os mesmos gregos llo trouxeron, pero en todo caso xente práctica e como tal desconfiada e pouco dada á banalidade, non tiveron reparo algún en escribir, pola man de Virxilio, na Eneida:

Cansos da guerra e da pouca fortuna, despois de tantos anos, os caudillos dos gregos, coa arte divina de Palas (a astucia), constrúen un cabalo de madeira grande como un monte e con táboas de piñeiro fabrican  a súa estrutura; fan como se fose unha ofrenda polo seu retorno e esténdese o rumor. Agochan furtivamente  homes escollidos por sorteo no costado cego e enchen a inmensa cavidade interior do ventre con xente armada….

Laocoonte acalorado baixa do alto da cidade e desde lonxe grita: “¡Que inmensa loucura, miserables cidadáns! ¿Pensades que se foi o inimigo? ¿Pensades que  non hai engano nas ofrendas dos gregos? ¿Coñecedes a Ulises así de ben?….

Laocoonte e os seus fillos. Museo Vaticano. Fot. José M. Otero

Desconfiade do cabalo, troianos; sexa o que sexa, no me fío dos gregos , e menos aínda cando fan regalos.” Eneida, II, 14 e ss.

¿Será este  o destino de todos os Laocoontes que se aventuran  a predecir o futuro guiados pola lóxica das cousas? ¿Haberá moitos Laocoontes nas institucións europeas que se calaron ao saberen cal é a fin que lles espera aos Laocoontes? Ou será que pensan que é preciso o lume de Troia para que xermole unha nova Europa.

Anuncios