ESTAMPAS MITOLÓXICAS PARA O MUNDO DE HOXE

“O ego humano pode sentirse arrebatado a experimentar atributos divinos, pero só a costa de pasarse e caer no desastre.”

J.L. Henderson.

La Chute d'Icare : Saraceni Carlo (1585-1620), Veneziano (dit). RMN

“Advírtote, Ícaro, de que debes voar seguindo un itinerario prudente, para evitar que as ondas fagan pesadas as plumas se vas demasiado baixo, e que o lume as faga arder, se demasiado alto: voa entre ambos extremos. Ven sempre detrás de min.”


OVIDIO, Metamorfosis, VIII, 183 ss.


Pero Ícaro, atraído pola paixón de dominar o ceo como un novo deus, ousou ver o mundo desde moito más arriba do que a un mortal lle estaba permitido. Ícaro desoe a experiencia, non entende de afectos nin a onde chega o amor de pai. A sensación do home que voa é o descubremento da liberdade polos camiños do ceo. Imposible renunciar a chegar máis alto, desafiando as leis da física. A veciñanza da fogueira do sol abranda a cera que armaba as plumas do enseño paterno. Ver os mortais desde o alto, como un soberano, era a culminación dun sentimento indescriptible de poder.

A cera derrétese: axita el o brazos espidos, e xa sen alas, bate en van no aire e vai caer no fondo do mar azul.

Paradigma da prevención grega contra os excesos, a desmesura, a hybris (ὕϐρις). A secuencia narrativa é breve, humilde, simple: a felicidade pracenteira de sentirse o dono do espazo dos deuses, verse o señor do vento, para rematar nun batecú mortal.

Mírade o mundo: miles de Ícaros rebolando polos ceos, descontrolados, como nunha película de terror, a piques de ser engulidos polo remuíño azul da economía global, víctimas dos seus propios excesos, gritando o nome de quen lle deu as alas para ser libres, non para alcanzar o sol.