POLA PONTE BIBEI CAMIÑO DO OURO DAS MÉDULAS

PONTES ROMANAS NA GALLAECIA: A VÍA XVIII POLOS MONTES DE TRIVES

A PONTE SOBRE O RÍO BIBEI

A ponte sobre o río Bibei é unha das mellor conservadas de entre as contruídas na Hispania polo enxeño romano. Sorprende que aínda hoxe se manteña íntegra. O secreto dunha lonxevidade tan saudable quizais resida no feito de que nunca deixase de ser obra útil. Soporta na actualidade o tráfico que vai por Trives, Larouco e Rúa en dirección a Ponferrada.

Construíuse no ano 80 d.C.  (hai quen a data na época de Traxano (114-119 d. C.) para dar paso a Via XVIII sobre o río Bibei e facilitar un vizoso comercio xenerado pola cunca aurífera das Médulas, explotada polos romanos e probablemente xestionada desde Bracara Augusta.

A Vía XVIII coñecida tamén como Vía Nova é un percorrido de 215 millas (318 km.) que une  económica, social e culturalmente os núcleos urbanos con máis peso na Gallaecia, Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga). É por iso un importantísimo nudo de comunicación ao facilitar o contacto a astures, galegos e lusos.

Pavimento da Via XVIII polo Xurés

A ponte Bibei é a referencia ideal á que acollerse para ben recoñecer polas súas características calquera ponte de contrución romana: érguese nun lugar idóneo para o emprazamento dunha ponte, pois aí aflora a rocha sobre a que acomodar a cimentación, ao mesmo tempo, ao se ubicar neste lugar evita o cruce dos río Xares e San Lázaro.

Estructuralmente presenta tres arcos de medio punto, dos que o central ten 18,60 m. de luz, o espesor das roscas (despece ou faixas de material) dos arcos pequenos é de 80 cm. e a do arco central de 90. O seu ancho é de 6,30 m.

VISTA XERAL DA PONTE ROMANA SOBRE O RÍ BIBEI

A fábrica é de granito pardo montado en fileiras de perpiaños armados a soga (perpiaño pola cara longa) e tizón (perpiaño polo cara curta), realizados de xeito almofadado, ata o arranque dos arcos. Nos arcos os perpiaños son máis pequenos. Nas paredes sobre as que se erguen os arcos chaman a atención uns buratos horizontais, equidistantes entre eles, nos que se ensartarían os traveseiros para armar a estrutura guía de madeira. Na parte superior dos perpiaños vense uns ocos de palanca que facilitarían o asentamento dos mesmos.

Os dous piares son de planta rectangular cun espesor de 4,15 e 4,12 respectivamente, cada piar presenta augas arriba tallamares de planta rectangular aos que se engadirán modernamente sombreretes piramidais.

O conxunto complétase cuns encauzamentos de cantaría de granito recta e a escadra (opus cuadratum) augas arriba.

PONTE ROMANA SOBRE O RÍO BIBEI

PARA SABER MÁIS SOBRE AS PONTES ROMANAS DA GALLAECIA pica AQUI


Outras pontes romanas na Gallaecia en Chaves (Portugal) na Vía XVII

http://vimeo.com/moogaloop.swf?clip_id=6200229&server=vimeo.com&show_title=1&show_byline=1&show_portrait=0&color=&fullscreen=1