A VIAXE DOS HEROES Á PANTALLA

HÉROES DE GRECIA Y ROMA EN LA PANTALLA

Fernando Lillo Redonet

Ediciones Evohé 2010

Un novo exercicio de escritura e memoria afectiva de Fernando Lillo; non se trata dun libro máis sobre o argumento mitolóxico levado ó cine, vai máis alá, moito máis alá: unha maneira de explicar luminosamente  o mundo desde a ficción mítica e cinematográfica.

Escribir é seducir, abrir o corazón a quen le, é tender unha rede de complicidades na que lector e autor se vexan atrapados ata recoñecerse e confundirse nas emocións, nas dúbidas e mesmo nos estados de ánimo. Fernando Lillo abre unha vía inexplorada neste camiño de seducción, esquécese del mesmo e convoca ó lector/espectador a vivir, a convivir,  no máis íntimo das súas páxinas cos avatares dos heroes que teceron e habitaron o mundo imaxinario da súa infancia e da súa adolescencia, heroes que foron crecendo a medida que el ía afondando no coñecemento do mundo de Grecia e Roma e nos valores da cultura grecolatina. A fin de contas o mundo imaxinado deses heroes foi o fío de Ariadna que o guiou  ó estudo apaixonado da Filoloxía Clásica.

A tentación de quen se atopa con este libro é pensar que se trata dun ensaio con pretensións didácticas ou de divulgación sen máis, probablemente non reparase no deseño da portada, na configuración que vai adoptando o título, primeiro HÉROES, despois, DE GRECIA Y ROMA en un tipo de letra distinto, e fora do encadramento, EN LA PANTALLA, sobre o fondo do cartel onde Kirk Douglas encarna a Ulises na película de Mario Camerini. Como se a pantalla fose un espazo de novas experiencias heroicas ou, quen sabe, se o mundo das sombras a onde ha viaxar o heroe cando se ve perdido ou se  lle vai das mans o obxectivo heroico.


Unha proposta de Lillo no fondo moi odiseica: a viaxe do mito a un espazo aínda non experimentado na procura de vivencias novas que o enriquezan,  a viaxe iniciática ó mundo das sombras, e o retorno de novo a esencia do mito. Aínda non remataron os nosos traballos, confesáballe Ulises a Penélope, débolles de contar ós que non coñecen o mar o que é o mar. Debémoslles contar ós quen non coñecen os mitos o que significan os mitos.

A estructura da organización do contindo non é nova, algo parecido ó que Jordi Balló e Xavier Pérez fixeron en La semilla inmortal: desenvolvemento do argumento mitolóxico, e estudo de cómo este argumento é tratado pola linguaxe cinematográfica.

Fernando Lillo cando escribe faino apoiado en tres sólidos piares: a paixón polo mundo clásico, o rigor e a precisión de filólogo e a experiencia no manexo da ficción histórica. Neste último traballo engade algo máis, propio dun cinéfilo convencido, centos de horas diseccionando fotogramas ata desentrañar  o corazón de tres milenios de sabiduría antiga entreos  desvíos ós que o relato cinematográfico somete o argumento mitolóxico orixinal . Só desde a mirada de quen ten acumuladas moitas horas de cine, de cine de todos os xéneros, se pode conseguir una obra tan rica e capaz de levarnos do mito á pantalla e de provocar unha viaxe inevitable de retorno ó mito, para mellor entendelo.


Podería caer na tentación de rescribir os mitos perdéndose nun exercicio de erudición que disvirtuaría a súa esencia, pero non, descárgaos de todo engadido que perturbe o seguimento da liña argumental do relato mítico, sen afectar para nada a capacidade de significación poliédrica que todo mito encerra. Podería, mesmo tentado pola grandeza dos heroes nacidos dos acontecementos históricos  que marcaron a historia do mundo antigo, deixarse levar pola narración incontida deses mesmos feitos. É precisamente aquí onde traballo, para o meu gusto, consegue o seu nivel máis alto; aconsellable a lectura dos apartados que dedica a Alejandro, a Leónidas (León de Esparta/300), a Máximo (Gladiator), á rebeldía de Espartaco, pola extraordinaria precisión do encadramento histórico, a claridade con que analiza estes filmes grazas a un dominio absoluto dos realia e as fontes textuais.

Que eu valore de maneira especial estes capitulos non desmerece a consideración por aqueles outros  nos que o debullar de cada un dos valores heroicos acaba debuxándonos o heroe de corpo enteiro, símbolo dos valores predominantes do pobo que o adopta como referente; desde Aquiles ávido de gloria pero humano, Héctor, tenro e familiar, Ulises, a quen a aventura do coñecemento non lle fai esquecer a calma do retorno ó fogar, a pelexa continuada de Hércules contra o mal,  o irresoluto Iasón mimado polas deusas, Perseo, ou o poder do amor, Teseo, o heroe de Atenas, Eneas aceptando e cumprindo o designio do fatum. Vede aquí unha visión do mundo máis duradeira que o bronce. O mito como creación colectiva resulta ser a confluencia de mil miradas, e a última das miradas, desde as artes audiovisuais.

Lillo permítenos ver cómo moitas veces as distintas historias se desvirtúan, traicionan o  texto orixinal,  se interrelacionan, non sempre xustificadamente, cómo se sacrifican emocións en función do espectáculo visual, en palabras súas. Este novo espazo no que o mito revive, a pantalla de cine ou da televisión, ten novas esixencias, convencións exclusivas da linguaxe audiovisual, que condicionan o tratamento respectuoso do mito orixinal, e, as veces, o heroe acaba sendo Steve Reeves, ou Kirk Douglas, ou Brad Pitt ou Russell Crowe. Pero sempre quedará o mito para rescatar a  verdade, por iso a necesidade imperiosa de retornar a el, para, a partir desta herencia, construírmonos unha certa representación do mundo. A mitoloxía é unha parte inalienable da nosa cultura común, de aí que hoxe, tres milenios despois, nos sigan apaixonando as súas historias maravillosas .

Unha análise intelixente e rigorosa das peripecias do mito e da historia lendaria, clarificadoras, oportunas e ponderadas notas a pé de páxina e unha rica aportación bibliográfica como invitación ó lector/espectador a que estime e avalíe a calidade da obra cinematográfica por si mesmo. Un encomiable esforzo de recuperación da memoria, de momentos emotivos imborrables, unha dose de nostalxia vespertina.

A vivencia dos mitos, na forma que sexa, lectura, teatro, pintura, ópera, música, cine,  sós ou en compañía, forma parte da nosa historia persoal e cando recuperamos a memoria atopámosnos con nós mesmos, tal como somos e sentímonos máis libres.

Anuncios