ARQUITECTURA PARA VIDA EN FAMILIA E AS OBRIGAS SOCIAIS EN ROMA

A DOMUS OU A IMPORTACIÓN DAS TENDENCIAS DA ARQUITECTURA DOMÉSTICA GREGA

O proceso de helenización dos costumes e da cultura romana apareceu ben consolidado e definido no século II a.C. Desde sempre o romano sentiu un atractivo polo grego, aínda que non na medida en que sucedeu a mediados do século III a.C.: os deuses romanos identificáranse cos gregos, algún que outro romano chegou a falar grego, a arte romana comezou a facerse grande á sombra da grega.

Mérida, domus do Mitreo. Fot. José M.Otero

O empurrón definitivo xa se dera no século III a C. cando aparecen as primeiras obras de literatura en latín baixo o modelo grego e a escolarización  dáse en ambas linguas. O saqueo de Siracusa (212 a.C.), segundo Polibio, é o feito que marca o gusto pola arte grega: moitas obras chegaron a Roma. As formas de vida das clases altas entréganse sen rubor á batuta do gusto grego, e a arquitectura doméstica non vai ser menos, a moda grega marca tendencia.

domus que tomaremos de referencia ou casa pompeiana deixanos ver na súa organización arquitectónica dúas partes claramente definidas,  a área social (no espazo preto do peristilo) e a área privada (cubicula, culina, a redor do atrium) fiel retrato da división cultural e mental que supuxo para Italia descubrir no seu propio espazo a beleza e bo gusto do grego.

A mentalidade práctica do home romano xiraba ata agora a redor do que se entendía como NEGOTIUM (atrium/tablinum), nos gregos veñen de descubrir os valores do OTIUM (peristilo).

Esta bipartición arquitectónica responde á necesidade de xuntar no espazo da vida privada unha nova entidade cultural, enriquecedora a todas luces, que do ámbito da vida privada ía a pasar á vida cívica a non tardar.

A parte anterior da domus que permite o acceso directamente desde a rúa a quen visite ó pater familias mantén a estructura da casa etrusca, con dous centros de intereses moi definidos o atrium e o tablinum: é o ámbito do negotium, onde o pater familias celebra os cultos do fogar diante do larario coas imagines maiorum (figuras que representaban os devanceiros da familia), onde os tesouros domésticos,  preto do impluvium (pilón no que se recollía a auga da chuvia), esperan a admiración do hospede que ha de resolver co dominus problemas da vida cotiá na urbe.

A parte interior está articulada polo peristilum, de gusto grego, enriquecida cun xardín no patio. É o lugar do otium, ideal para o repouso, rodeado polos triclinios, salas de estar ou de xuntanza. É o espazo doméstico que acolle as esculturas e os libros e dá paz e tranquilidade a toda a familia.

Pero esta forma arquitectónica non vai ser permanente. Os cambios de mentalidade traen con eles cambios na concepción dos espazos vitais. O descubremento do peristilo como foco de luz dá pé para que o tablinum (o despacho oficial do dominus) se abra para  con maior claridade responder ás novas ideas de comodidade; coa construcción dos acueductos perde sentido o impluvium,  a relixiosidade familiar entra en crise cos novos tempos e a apertura  ás novas culturas polo que o atrium deixa de ser o centro da vida familiar perdendo por tanto a súa razón de ser.

VILLAE ROMANAS NA GALLAECIA:

AQUIS ORIGINIS (PDF):

AQUIS ORIGINIS, LOBIOS (OURENSE) (vídeo)

TORALLA ( VIGO) (vídeo)

ESPAZOS PARA A VIDA PRIVADA: MAT. COMPLEMENTARIO (PDF)


ESPAZOS PARA A VIDA PRIVADA (swf) (Formato PANTALLA COMPLETA)

Un comentario sobre “ARQUITECTURA PARA VIDA EN FAMILIA E AS OBRIGAS SOCIAIS EN ROMA

  1. Gran traballo, como é habitual. Descarguei o material complementario, pero dame un erro ao pinchar en Aquis Originis, ou sexa, pídeme un nome de usuario e contrasinal…

    Me gusta

Los comentarios están cerrados.