PRACER E CRUELDADE NO ANFITEATRO

“Había un tempo para cada cousa, e o pracer non era menos lexítimo que a virtude.”

Ph. Ariés e G. Duby, Historia de la vida privada. Vol I, páx. 181


OS ESPECTÁCULOS E  O ESPÍRITO COMUNITARIO

O primeiro pracer para un romano era reunirse e conversar cos amigos; o espírito de comunidade, de sociabilidade, era  natural e espontáneo nos romanos primitivos. A satisfacción de pertencer a un grupo social, repartindo lealdades, responsabilidades e triunfos  responde a unha das principais arelas dos seres humanos. Só a comunidade pode proporcionar, a través das crenzas, sentimentos e valores comúns, a seguridade e sosego de espírito.

Os espectáculos na antigüidade non eran unha afección individual, como hoxe pode ser un acontecemento futbolístico, nin un pracer destinado a un público pouco culto, nin simplemente unha maneira de encher o tempo de ocio.

Os espectáculos eran ante todo unha reunión pública de cidadáns, un pracer común a todas as clases sociais, xa filósofos, xa oleiros, políticos ou carniceiros; eran case un deber social, un pasatempo vespertino vivido en comunidade, o irrenunciable pracer da convivencia. Un dereito cidadán, por tanto, de balde e garantidos polos poderes públicos da cidade que fixaban o calendario oficial.

En Roma e en cada unha das cidades que naceran ou renaceran á súa sombra, os espectáculos son un manifestación cívica fundamental. Os personaxes públicos refiren, sen se avergonzaren, a importancia que lles outorgan: houbo cidades  e mecenas que se arruinaron por construír un anfiteatro.

Nos primeiros tempos os ludi son esencialmente celebracións relixiosas, liturxias para dobregar a vontade dos deuses con vistas a acadar  o éxito e o ben da cidade; pasaron anos e consulados pero este trazo primitivo sempre perdurou: Ludi Magni que comezaban cunha ofrenda Xúpiter, os Cerealia, os de Flora, os Ludi Megalenses en honor de Cibeles.

Espectáculos de diferentes clases desempeñaron un importante papel na actividade cotiá da sociedade romana : Ludi Scaenici (representacións teatrais ), Munera Gladiatorum (combates de gladiadores) , Ludi Circenses, os máis frecuentes e populares, (xogos de circo), loitas de atletas (athletas) e  naumachiae (batallas navais).

Non obstante os combates de gladiadores hai que consideralos a parte, porque eran menos frecuentes e, por esa mesma razón, máis estimados.

Durante o espectáculo o pracer convértese en paixón: lascivia no teatro, loucura no circo, crueldade no anfiteatro, como se pode ler en S. Agostiño, Sermo 198, 3.


Para saber máis
:


LECTURA COMPLEMENTARIA

Anuncios

LIBRE ELECCIÓN DE DEUSES PARA OS ROMANOS

Esta é a visión que Apuleio ten do home impío:

“Xamais dirixíu unha solicitude solemne a ningún deus, ni frecuentou nunca un templo; cando pasa diante de algunha capela, pereceríalle un pecado levar as mans ós labios en sinal de adoración; non lles ofreceu nunca aos deuses as primicias das colleitas nin o froito dos rebaños dos que vive; nas terrras onde ten a casa de campo non hai ningún santuario, ningún recuncho dedicados aos deuses, ningún bosque sagrado.”

DOS NUMINA ÓS DEUSES

[kml_flashembed movie=”http://centros.edu.xunta.es/iessantome/files/NUMENES%20E%20DEUSES%20DE%20ROMA_0.swf” width=”800″ height=”725″ wmode=”transparent” /]

O pobo romano primitivo era unha comunidade agrícola de familias unidas.  As comunidades agrícolas viven unha relixión animista, o que quere dicir que  recoñecen espíritos, potencias divinas, presenzas (numina), mentres os deuses antropomórficos lles resultan inimaxinables pola súa maneira de entender o mundo.  O numen tiña o seu escenario propio onde manifestar o poder: un bosque, o paso dun monte, unha fonte: Silvano, Portumno, Neptuno. Os numina son espíritos que inteveñen na actividade comunal, que teñen o poder de compracer cando son requeridos ritualmente. Espertan  certo sentimento de pavor ou escrúpulos (religio), pero a súa relación cos homes é bondadosa.

O romano, home práctico, pensaba a relixión nos termos da súa propia vida cotiá:  o que lles leva ó desenvolvemento dun universo relixioso en torno á vida agrícola e á vida doméstica; por iso, por unha parte  establecen unha serie de festivais que sinalan as estacións do ano agrícola: Saturnales, da sementeira; Robigales, para que os cereais se libren da cinza; Consuales, almacenamento da colleita; por outra parte instituiron  prácticas rituais e procuraron divindades orientadas á vida da casa e da familia: Xano, espírito da porta; Vesta, a chama viva do fogar; os Penates, espíritos da despensa, o Lar familiaris, encargado de tutelar os escravos da casa. A influencia do Olimpo grego fixo o resto.

A castración de Urano. Palazzo Vecchio. Florencia. Fot. José M. Otero

A idea de deus para os pagáns de Grecia e Roma non ten nada que ver  coa do  deus xudaico ou o cristián ou o musulmán. Só coincide a palabra para denomínalo.  O deus destas tres relixións  é un ser infinito, que habita o universo infinito do que é creador e ademais protagonista do drama da historia da salvación da humanidade.

Os deuses do paganismo greco-romano están no mundo e forman parte del, como unha raza máis que vive a súa propia vida, como homes ou mulleres, cos seus costumes e as súas debilidades;  o seu ámbito  non é o universo infinito. Eles, racionais e inmortais, comparten o mundo cos animais, que non son racionais nin inmortais e  cos homes que son racionais pero non inmortais.

Se debuxamos o mundo como un espazo de tres escalas, abaixo quedarían os animais, no do medio os homes, e sobre os homes, os deuses “sobrehumanos” na escala da inmortalidade.

Igual que cos animais  os homes están relacionados cos deuses, pero como estes están nunha escala  superior e débenlles, como se se tratase de soberanos, honores: colere deos. As relacións entre homes e deuses son de reciprocidade e baseados na boa fe das partes, como se dun contrato se tratase: “cúrame e terás unha ofrenda”.

A asemblea dos deuses. Pedro Paulo Rubens.

As relacións entre deuses e homes son como as que se establecen cos que mandan, cos soberanos, cos reis, cos patróns. Son relacións construídas sobre o modelo das relacións políticas e sociais, fronte ás do cristianismo, que, como relixión de amor, se establecen sobre o modelo familiar e paternal.

Os deuses son xustos, benevolos, providenciais, para o home piadoso, e así debe imaxinalos, como doadores magníficos do ben. A piedade non reside, pois, na fe, tampouco nas boas obras nin na meditación; canto máis prácticas de piedade  se realicen na procura da protección dos deus patrono ao que se ama nas viaxes, enfirmidades, nacementos, en calquera empresa ou ocasión, tanta maior fidelidade se mostrará. A ofrenda e a promesa, como obxectos do contrato entre o deus e home,  eran tan importantes como a pregaria.

Pius Aeneas

“O home piadoso cando está de viaxe detense cando pasa diante dunha capela ou un bosque sagrado, formula un voto, deposita un froito no altar e detense ante os deuses.”

“A piedade concíbese como a xustiza para cos deuses, é dicir, como a execución o máis exacta e precisa posible de todo o que lles é debido que se sabe que será do seu gusto, co a fin de predispolos a cumprir o que se espera deles”. André Aymard e Jannine Auboyer, Roma e o seu Imperio. Historia xeral das civilizacións. Páx. 282

Nin o grego nin o romano senten preocupación polo máis alá, nin lles preocupa o problema da salvación individual. O que non quere dicir que vexan con despreocupación a conduta do home. É unha relixión sen teoloxía nin igrexa: cada un escolle o deus que mellor lle parece para poder resolver de maneira inmediata o problema que lle urxe ( do ut des: fago a ofrenda para que me axudes). O deus ao que un se encomenda non ten porque ser o da cidade, un romano, como hoxe na sanidade pública, tiña o dereito de libre elección de deus, todo o Olimpo  á carta.

COLECCIÓN DE TEXTOS PARA ENTENDER O SENTIDO DA RELIXIÓN DOS ANTIGOS ROMANOS

Dioses olímpicos textos

http://static.slidesharecdn.com/swf/ssplayer2.swf?doc=diosesolmpicostextos-110201160420-phpapp01&stripped_title=dioses-olmpicos-textos-6780178&userName=pazinho

SIMBOLOXÍA DOS ATRIBUTOS DOS DEUSES

CUESTIONARIO


http://static.slidesharecdn.com/swf/ssplayer2.swf?doc=diosesolmpicos3mododecompatibilidad-090609153749-phpapp02&stripped_title=dioses-olmpicos3-modo-de-compatibilidad