VIAXE A QUARQUERNIA



ONDE HABITAN AS NINFAS E COMEZA O MÁIS ACÁ

¿Quen ousa dicir que non a invitación dunha fada?. “¡¡ Chsssttt….!! entrade e calade. Son a fada inmortal dos Quarquernos, a gardadora dos seus segredos e tradicións. Vivo entre as Ninfas, mergullada no antro profundo das veciñas termas do Baño, e coas Ninfas saio a tomar o sol morno da mañanciña ou do solpor, aproveitando para peitear os meus cabelos de ouro diante da boca do manancial.”

¿Como lle íamos dicir que non se esta era a tarxeta de invitación? Segredos e ecos da antiga Roma, quizais tesouros, beleza dun espazo ameno, unha nova experiencia cargada de aromas dunha historia longa, a historia de cada un de nós, a nosa historia de séculos, a nosa lingua percorrendo pedra a pedra a Vía XVIII, acougando en cada mansio, recuperando o corpo do cansazo nos Baños de augas termais de Bande ou do Río Caldo.


Río Caldo


Deixamos por un día de ver como o Océano engule o Sol pola gorxa voraz de Cíes. Décimo Xunio Bruto negouse a cruzar o Miño, non era de bo agoiro ver morrer o Sol nas augas do horizonte oceánico. A nós non nos deu pavor o Limia, o río do esquecemento que fixo tremer ós disciplinados milites do exército romano; alá nos iamos con armas e bagaxes, si, con armas e bagaxes, como volo conto, cun “bocata” polo que puidese pasar e algo de beber e unha curiosidade sen límites.

É costume  consultar os oráculos antes de comezar calquera empresa,  preguntamos a Meteogalicia fiable cando predice: ceos limpos polas Rías Baixas, nubes e treboada pola tarde polo Xurés. Aquí pola mañá a Fada hospitalaria e as Ninfas ían saír tomar o sol despreocupadas, ¿ para que cargar con paraugas e outros artefactos que incomodasen na viaxe? Cómpre viaxar lixeiros e coa mente esperta e os ollos abertos, os oídos atentos e o olfacto de can.

Se esta viaxe che desperta curiosidade podes seguir lendo aquí: VIAXE A QUARQUERNIA ONDE HABITAN AS NINFAS E COMEZA O MÁIS ACÁ