AS MUXICAS DOS OLLOS DE PERSEO

Perseidas: muxicas dos ollos de Perseo para Andrómeda


Pica AQUÍ : Música para acompañar o silencio (Necesitas Spotify para poder escoitar)

perseoeandromeda
Abbeville, musée Boucher de Perthes Persée délivrant Andromède.Lemoyne François (1688-1737). (C) RMN / Jean-Gilles Berizzi

As falcatruadas e amoríos de Zeus eran un díxome-díxome entre as divindades do Olimpo. A súa irritable esposa Hera, agoniada e molesta xa de que o corro celestial de murmuradores falasen polo baixiño, volvérase, a máis de revirada, unha consumada virtuosa da arte da vinganza.

O deus fulgurante andaba agora entolecido pola feitizo da bela Dánae, e non daba co atallo para seducila, como a tantas outras mortais, antes e despois da filla de Acrisio. Andou el dándolle voltas na súa cabeza coroada a unha idea nunca vista coa que sorprendela, e  cando apagou o sol,  deu co agasallo que de seguro impresionaría á aquela moza tan feitiña, a quen desexaba ter nos seus brazos, sen moito tardar aquela mesma noite de ceo cristalino: un estralo de estrelas que caería sobre a amada como unha intensa chuvia de ouro.

Dánae, abraiada pola aparencia imponente do amante e o seu porte divino, deixouse facer. Envoltos polo acougo daquel ceo calmo que os cubría e o silencio da noite, os dous amantes  sentíronse  engulidos por un vórtice de paixón e prendidos polo lume dun amor desfreado e celestial durante horas interminables, xa que o fogoso Zeus, entregado a amar, perdía con cada suspiro os papeis das leis que rexen o universo.

Noite de perseidas

Unha noite arrebatada e louca, na que beleza e poder acadan o cumio da harmonía, regala un berce mol para que naza e deite nel un heroe: Perseo, o froito predestinado  a fender o aire con alas que rincharán ó bater co vento, obrigado a dar fe de que, a parte de fillo de Zeus, era home valeroso, decidido, capaz da fazaña máis increible por amor: degolar a Gorgona e liberar a amada dunha morte inxusta.  (Ha continuar)

A lenda non remata aquí. ¿Casará o heroe con Andrómeda? Se mañá vos dades unha voltiña por esta páxina acabaréivolo de contar.

Perseidas:muxicas dos ollos de Perseo para Andrómeda por José M. Otero está baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 España License

Creative Commons License

Anuncios

DESCANSO E CAMBIO DE CARA

QUE DESCANSADA VIDA!

Beatus ille qui procul negotiis, /ut prisca gens mortalium /paterna rura bobus exercet suis/ solutus omni faenore.


Que Horacio nos perdoe, pero o de exercere paterna  rura e bobus, nesta ocasión non cadra,  porque o espazo desde o que escribo responde mellor a litora maritima  maxime occupata e sine bobus (evítese a lectio facilior de  bobus ), bois non se ven (ou sí), nen se esperan (ou si).

Este  blog leva mudo desde a noite de San Xoán, e non porque non houbese nada que dicir, ou que non houbese nada importante que dicir.

Sempre hai dúbidas despois duns cantos anos metidos en experiencias que nunca  se sabe moi ben a onde conducen nin se os resultados van pagar a pena polo esforzo e horas dedicadas a elas.

Aínda que o pareza, non me atopo deitado en ningunha desas hamacas de praia, ou sí, deitado sen que se me vexa (desde algunha outra  heberá que facer a foto), dándolle voltas a como cambiarlle a cara a este blog despois de catro anos de vida.  Sexa como queira prefiro pensar paseando, o corpo e a mente en horizontal dánse facilmente  a outras imaxinacións, que tamén son necesarias.

Nisto estamos. É preciso cambiarlle a cara, cambiar os contidos e a súa forma de trasmitilos. A ver se somos capaces de facer de novo algo digno.