A RÉMORA : NON SEMPRE VENCE A FORZA MAIOR

A rémora no Libro de los seres imaginarios de Borges

O diccionario galego de Xerais regálanos esta definición da rémora: no seu sentido propio, peixe teleósteo mariño, da suborde  dos acantopterixios (Remora remora), que presenta na cara superior da cabeza un órgano de forma oval, alongado, plano e composto de dúas series de láminas transversais, que actúa como unha ventosa que se fixa a outros peixes e mamíferos máis grandes ou á quilla dos barcos para desprazarse. Figuradamente: o que frea ou dificulta a realización ou o desenvolvemento. Do latín  REMORA(M)

Se atendemos a Ernout, en latín o sentido recto de REMORA era ‘demora’, ‘retraso’ ( ver derivados como moroso ou moratoria, tan na onda da terminoloxía económica dos actuais tempos de crise), pero, como explica Borges, o proceso invírtese en castelán e tamén en galego. Un texto de Plinio citado polo propio Borges resulta, se se quere, moito máis imaxinativo á hora de aclarar a evolución semántica da palabra a partir dos poderes do peixe: “Hai un peixe chamado rémora, que ten o costume de andar entre as pedras e que pegándose ás quillas dos barcos fai que estes naveguen máis lentos e de aquí procede o seu nome, e por esta causa é tamén infame feiticería, e para deter e obscurecer xuízos e pleitos. Pero este males modéraos con un ben, porque retén no ventre as crías ata o parto. Non é bo ni serve para comer. Aristóteles entende que este peixe ten pés, pois ten dispostas as escamas de tal xeito que parecen pés. Trebio Negro afirma que a medida deste peixe é dun pé (29,5 cm) de longo e cinco dedos de grosor, e que pode deter a calquera barco, e por si fose pouco, que se se conserva salado ten a propiedade de sacar pegado a el o ouro escondido no fondo dos pozos.”
Borges chama a atención sobre o curioso que resulta comprobar como da idea de deter os barcos se chega a de deter pleitos e mesmo o parto das criaturas.
Pero aínda resulta máis inxeñoso outro texto de Plinio ó que fai referencia o propio Borges onde se conta que unha rémora é a aliada da fortuna do  Imperio Romano, cando detén, na batalla de Accio, a nave na que Marco Antonio ía pasar revista á súa escuadra, ou cando outra rémora conseguíu deter a nave de Calígula, pese o esforzo de catrocentos remeiros: “Soplan os ventos e encolerízase a treboada, pero unha rémora consegue dominalos, os barcos deixan de navegar á deriva, o que non sería posible conseguir con áncoras e cabos”.
“Non sempre vence a forza maior, unha pequena rémora contén a deriva dunha nave” (Diego de Saavedra Fajardo)

(Todo o contido deste post está tirado de EL LIBRO DE LOS SERES IMAGINARIOS de Jorge Luis BORGES, ó que con moita ousadía engadín algunha cousiña da miña colleita)

Anuncios

IDUS DE MARZO: FUNESTOS PRESAXIOS

Os funestos presaxios que precederon á morte de César nos Idus de marzo

“Cando descubran as cinzas de Capys, un descendente de Iulo morrerá a mans duns familiares, pero non tardará en ser vingado polas desgrazas de Italia“.

[Contido dunha prancha de bronce que se atopou na tumba escavada de Capys] Suetonio

 

Relata Suetonio na “Vida dos doce Césares”  un  rumor que corría por toda Roma como unha mensaxe de mal agoiro nos días previos ós Idus de Marzo: que os cabalos consagrados ós deuses por César ó pasar o Rubicón andaban soltos, sen dono, que se negaban a comer e rinchaban como se chorasen. Algún arúspice ousou dirixirse a César aconsellándolle  que se gardase do perigo que o ameazaba para os Idus  de Marzo. Estaba tan convencido César do seu poder que mesmo desprezou o valor dos presaxios e os consellos de augures e arúspices, os que consideraba unha gavela de falapoucos e baralleiros. Non lle tiña medo á morte, pois nin sequera aceptaba a súa propia garda persoal e, o que era peor, mostraba certos acenos tan  autoritarios de desprezo  ós senadores que moitos deles sentiron a súa dignidade ofendida.

 

Desde o seu triunfo en Hispania non deixaba de ser colmado de honores. sacrificios polo seu aniversario (honor divino reservado ós reis no mundo grego), votos anuais polo seu benestar, a inviolabilidade da súa persoa. Nas cidades de oriente xa lle concederan honores iguais ós deuses.  Noutra ocasión, aínda que con non disimulada teatralidade, diante do pobo,  desprezaba outros honores , como a renuncia a unha diadema real durante as Lupercalia, quizais co propósito de non asustar os defensores das liberdades da República romana. Pero foi a concesión da ditadura vitalicia o que lle  pareceu inaceptable a senadores convencidos por tradición de que a esencia da República residía na liberdade.  Este ano eran pretores Casio e Bruto, os cales tiñan na súa liña dinástica  verdadeiros defensores da liberdade e contrarios ó poder monárquico,  ó extremo de ter acuñado noutros tempos  moedas coa lenda: “Liberdade”.  PARA SEGUIR LENDOOs idus de marzo (PDF)

 

 

IAM VER EGELIDOS REFERT TEPORES (Lecturas para días mornos)

OU CANDO AS BRISAS DO DOCE CÉFIRO ACALAN AS TREBOADAS DO EQUINOCIO

 

O crudo inverno esmorece coa agradable chegada da primavera e a brisa do oeste.

Xa a Venus de Cerigo rexe o concerto de danzas á luz da lúa e as Gracias coas Ninfas

bailan cadenciosas. É a hora de  coroar a cabeza de mirto e flores.

A pálida morte pisa co mesmo pé as chozas dos pobres e os palacios dos ricos.

A cisma da vida breve néganos toda esperanza.

(Adaptación de Horacio, Odas, 1,4 )

Allégorie avec Vénus et Cupidon Description : probablement vers 1540-1550 Auteur : Bronzino (dit), Allori Agnolo di Cosimo (1503-1572) RMN.

Pracer de homes e deuses, propicia Venus: debaixo da bóveda do ceo

multiplicas os peixes do mar e fecundas as terras frutíferas; grazas a ti

todo animal é concibido.  Cando ti chegas, foxen os nubrados, dáche

suaves flores a terra, as chairas do mar contigo rin, e brilla con luz

intensa o claro ceo.

Na hora que a galante primavera descobre o seu rostro e o Favonio

desatado robustece o seu fecundo alento, as lixeiras aves cantan

a túa benvida, deusa, porque co amor traspasaches os seus peitos:

polos alegres prados retozan os gandos ardentes, prendidos do feitizo

das túas grazas morren todos os seres por seguirte

 a onde queres guialos, deusa.

Nos mares e nas serras, nos bosques frondosos das aves,

no medio dos ríos desbordados e dos campos que verdecen,

enchendo os seus peitos de brando amor,

fas que as especies se propaguen.  Soberana da natureza,

non hai sen ti contento nin beleza.

LUCRECIO, Da natureza das cousas. 1, 1 e ss.

DOCUMENTO EN PDF PARA IMPRIMIR:

LECTURAS PARA DÍAS MORNOS

O EXÉRCITO ROMANO: FORZA E VIOLENCIA PARA SOMETER Ó INIMIGO

Roma foi a cidade máis importante do universo, capaz de construír un ámbito cultural en torno ó Mediterráneo de tal solidez que aínda hoxe sobrevive.

¿En que se sustentaba este poder? ¿Como está condicionado pola loita do pobo romano pola supervivencia?

Os romanos estaban convencidos de que os seus devanceiros estiveran dotados de extraordinarias calidades de tenacidade, de paciencia, de frugalidade, de capacidade para o traballo duro e dunha capacidade natural para non admitir xamais a derrota. Ningún romano en ningunha circunstancia se daría por vencido, segundo nos ilustra  o historiador Polibio.

Fonte Google

Cicerón consideraba que non era posible dar en ningunha parte cun pobo que posuíse en tan alto grao estas calidades, nas que Roma asenta a súa supremacía: unha verdadeira grandeza de alma, un carácter serio, calmo, estable, leal e digno de confianza,  baseado na fides.

Debuxamos un cadro onde  a grandes trazos se configura un pobo con gran capacidade se sufrimento, práctico e puritano, fondamente leal á familia, ó Estado e ós seus deuses (pietas). Este abano de valores  constitúe  a verdadeira forza da República, do que derivan outros valores ben estimados polos romanos: a virtus, bravura e coraxe no combate,  a gravitas, conciencia das súas responsabilidades e disciplina nas emocións, simplicitas, disposición para  prestar singular atención ás necesidades do momento.

Na súa estrutura primitiva o exército reflicte a organización do Estado romano. Cada soldado contribuía con armas e equipamento propio, polo que tiña que dispoñer de facenda para costealas. O pobre polo tanto non podía combater.

( Continúa lendo O EXERCITO ROMANO 2 pdf..)


CAMPAMENTOS ROMANOS

Documento: Campamento romano (pdf)


Hai unha característica que define á lexión romana: a obsesión pola seguridade nos seus desprazamentos cando tiña que facer noite ou pasar un inverno. Esta precaución significaba un gran esforzo diario por parte dos homes encargados da fortificación  e,  ó mesmo tempo, unha inxección de auto estima porque esta teima lles facía sentirse superiores ós bárbaros.

Despois da reforma de Mario, a lexión romana seguía carecendo de bases permanentes, era un exército en mobilidade constante. Cando remataba unha sesión de operacións retirábanse ós cuarteis de inverno (hiberna).

Foi con Augusto cando o exército tomou un carácter permanente. As tropas empezaron a pasar períodos moi longos  nas provincias, obrigadas pola intensa expansión territorial. Os antigos  cuarteis de inverno convertéronse en bases estables, versións melloradas dos antigos campamentos en marcha. (Continúa….Campamento romano.)

APRENDER E XOGAR


La legión romana. Documentales de la 2