JAZZ PARA CIBELE NO VERDE IDA: CÍMBALOS, PERCUSIÓN E COROS


DOS MAIOS, DA ÁRBORE DE MAIO E DAS FESTAS DA SANTA CRUZ

DESDE O MUNDO DE GRECIA E ROMA ATA HOXE

“Vexetación, amor e festas, os tres elementos únense e confúndense, os tres compleméntanse, e os vexetais pasan a ser símbolos amorosos e os amores pasan a ser símbolos do esplendor vexetal.”

Julio Caro Baroja

Maio en Laza (Ourense). Fot. José M. Otero

É costume o último día de abril ou o primeiro de maio en moitos lugares de España e tamén en gran parte de Europa erguer na praza da vila unha árbore, ben adornada,  chamada MAIO.

A crenza da influencia dunha determinada árbore, do espírito arbóreo, sobre o home ou os animais domésticos, as colleitas, a vida cotiá é común a toda Europa, pero esta influencia atribúeselle especialmente á árbore de maio, e as figuracións que teñen que ver con el, aínda que non en todas partes se celebren o primeiro de maio senón ao longo de toda a primavera. Esta similitude fainos pensar que algunhas festas que os antigos gregos e romanos celebraban durante a primavera son en moitos aspectos as mesmas que aínda hoxe seguen tendo vitalidade, e, en moitos aspectos, desfiguradas por un proceso claro de cristianización.

Exemplos estudados por Mannhardt e Frazer, permiten pensar que un espírito, da vexetación  ou propio da primavera, se  concibe baixo tres formas:

1. Baixo forma humana: rapaza, rapaz, moneco.

2. Baixo formal vexetal : árbore, ramallo, flor

3. Forma humana combinada con vexetal: árbore, ramallo, flor + moneco ou persoa

Árbore de maio na praza do Concello de Laza. Fot. José M. Otero

Parece evidente que as festas de Attis, tal como se celebraban no imperio romano, tiñan semellanza coas que se celebran o primeiro de maio, a procesión coa árbore adornada de fitas de cores ten que ver coa procesión dos adoradores frixios, aínda que esta se celebrase no equinocio da primavera, data que coincide coa a que certos grupos cristiás pensaban que morrera Cristo e na que os devotos de Attis afirmaban que este morría e resucitaba. O mesmo día do equinocio talábase un pino que se conducía ao templo de Cíbele, era o rito do “arbor intrat”.  Un rito semellante pódese apreciar na procesión do Eirésionè, aínda que esta era un ritual da colleita.

Algún estudioso, como Leopold von Schroeder, pensa que a condución e colocación da árbore de maio, ao que se considera fertilizante, é no vello ritual indoeuropeo, entre as festas da vida, nas que se honraba o sol e a auga, un dos rituais máis típicos. Do mesmo xeito que as bodas de maios e maias corresponderían a este vello ritual das festas da vida renacida.

Eva e Adán en Laza. Maia moza, Adán vello, antítese vital. Fot. José M. Otero

Sería unha tentación ligar os matrimonios dos maios co matrimonio da raíña de Atenas con Dionisos, pero estas representacións abundan ao longo de Europa e tamén noutros continentes. É probable que os rituais antigos de matrimonio e todos os de carácter folklórico se deriven dun culto primitivo que consistía na representación do matrimonio das divindades ou númemes da vexetación.

LECTURAS DE MAIO

POEMA LXIII de CATULO

CATULO LXIII (Pica AQUI para escoitar

http://www.ivoox.com/playerivoox_ee_182415_1.html

PARA SABER MÁIS: PICAR EN CADA UN DOS ARTÍCULOS QUE SEGUEN:

1. As festas de Attis e Cibele en Roma

2. MAIO en LAZA

3.TRAZOS DE TEATRALIDADE NA FESTA DA SANTA CRUZ EN LAZA

4. UNHA LECTURA SIMBÓLICA

Anuncios

ARQUITECTURA PARA O OTIUM (2): O PRACER DO BAÑO PÚBLICO E PRIVADO

Despois da arquitectura dedicada ós espectáculos, son as termas os espazos arquitectónicos máis rechamantes no deseño urbano da cidade romana.  Parece aceptado que teñen a súa orixe no ximnasio grego. Na Italia meridional, a Magna Grecia, é onde primeiro aparece o gusto por estas construccións. As que se fixeron antes de que os romanos ocupasen esta parte de Italia foron moderninazadas mais tarde, procurando un maior confort e luxo. Nos restos destas primeiras construccións decóbrese un gran patio que correspondería a una antiga palestra grega para o exercicio físico.

Reconstrución das TERMAS DE TRAXANO. Peter Connolly.

O servizo da auga incialmente prestaríao un pozo que posteriormente sería sustituído por canalizacións que traerían a auga dos acueductos que servían a palacios, fontes públicas, casas privadas de cada cidade. Nos primeiros momentos da ocupación romana as construccións termais estarían xa conformadas con todos os elementos esixidos pola complexidade do baño saudable e así se manterían ata a fin da antigüidade. Se tomamos como referencia as termas do Foro de Pompeia, había unha distribución do espazo en dúas claras partes, a de homes e a de mulleres. A parte traseira da zona de homes  está ocupada por un gran patio, vestixio da palestra, destinada máis que a exercicios  físicos, a zona de lecer e conversación.

Comparativamente o baño de homes era máis completo que o das mulleres. Nel vense as catro partes fundamentais  de toda construción termal:

  • APODYTERIUM: vestiario para os bañistas
  • FRIGIDARIUM: sala fría
  • TEPIDARIUM:  sala tépeda
  • CALDARIUM: baño turco
Pola distribución do plano pódese concluír que o APODYTERIUM  ábrese directamente ó FRIGIDARIUM e TEPIDARIUM, polo tanto o ritual do baño podería comezar na sala fría, para un primeiro aseo e adaptación do corpo nunha pila que ocupaba a totalidade da peza, ou, se non, entrábase directamente na sala tibia, para que o corpo se fose adaptando á temperatura da sala quente onde o calor facía sudar en abundancia. No CALDARIUM habería unha fonte de auga tibia e uha pía para poderse bañar completamente. Para rematar o baño facíase o percorrido á inversa.
Na época imperial o luxo e o confort adquiriron o seu máximo nivel: salas de masaxes, bibliotecas, salas de conversación, zonas de paseo, como nas termas de Caracalla e Diocleciano en Roma, nas que a carón do caldarium dispoñían dos LACONICUM, baños turcos secos onde a temperaturaera moi elevada.
A necesidade de controlar o calor para as peculiaridades de cada sala obrogou ós arquitectos a buscar solucións, sempre moi enxeñosas, como as SUSPENSURAE,  pavimentos suspendidos sobre piares de ladrillo. O aire quente xenerado por o lume do PRAEFORNIUM, colocado preto do CALDARIUM, debaixo dos depósitos de auga, circula libremente quentando o chan e subía polas canalizacións dos ladrillos das paredes.
A actividade nas termas podía comezar ás catro da tarde despois da actividade oficial  da maña e aquí esperaba o cidadán romano tranquilamente a chegada da hora da cea facendo un pocuco de xercicio, recibindo algunha masaxe, charlando cos amigos e picando algunha larpeirada.
AS TERMAS DE CARACALLA

O BAÑO QUENTE NAS VILLAS ROMANAS DE GALLAECIA

O OTIUM COMO IDEAL DE VIDA CÍVICO

“Había un tempo para cada cousa, e o pracer non era menos lexítimo que a virtude.”

Ph. Ariés e G. Duby, Historia de la vida privada. Vol I, páx. 181

 

OS ESPECTÁCULOS E  O ESPÍRITO COMUNITARIO

O primeiro pracer para un romano era reunirse e conversar cos amigos; o espírito de comunidade, de sociabilidade, era  natural e espontáneo nos romanos primitivos. A satisfacción de pertencer a un grupo social, repartindo lealdades, responsabilidades e triunfos  responde a unha das principais arelas dos seres humanos. Só a comunidade pode proporcionar, a través das crenzas, sentimentos e valores comúns, a seguridade e sosego de espírito.

Os espectáculos na antigüidade non eran unha afección individual, como hoxe pode ser un acontecemento futbolístico, nin un pracer destinado a un público pouco culto, nin simplemente unha maneira de encher o tempo de ocio.

Os espectáculos eran ante todo unha reunión pública de cidadáns, un pracer común a todas as clases sociais, xa filósofos, xa oleiros, políticos ou carniceiros; eran case un deber social, un pasatempo vespertino vivido en comunidade, o irrenunciable pracer da convivencia. Un dereito cidadán, por tanto, de balde e garantidos polos poderes públicos da cidade que fixaban o calendario oficial.

En Roma e en cada unha das cidades que naceran ou renaceran á súa sombra, os espectáculos son un manifestación cívica fundamental. Os personaxes públicos refiren, sen se avergonzaren, a importancia que lles outorgan: houbo cidades  e mecenas que se arruinaron por construír un anfiteatro.

Nos primeiros tempos os ludi son esencialmente celebracións relixiosas, liturxias para dobregar a vontade dos deuses con vistas a acadar  o éxito e o ben da cidade; pasaron anos e consulados pero este trazo primitivo sempre perdurou: Ludi Magni que comezaban cunha ofrenda Xúpiter, os Cerealia, os de Flora, os Ludi Megalenses en honor de Cibeles.

Espectáculos de diferentes clases desempeñaron un importante papel na actividade cotiá da sociedade romana : Ludi Scaenici (representacións teatrais ), Munera Gladiatorum (combates de gladiadores) , Ludi Circenses, os máis frecuentes e populares, (xogos de circo), loitas de atletas (athletas) e  naumachiae (batallas navais).

Non obstante os combates de gladiadores hai que consideralos a parte, porque eran menos frecuentes e, por esa mesma razón, máis estimados.

Durante o espectáculo o pracer convértese en paixón: lascivia no teatro, loucura no circo, crueldade no anfiteatro, como se pode ler en S. Agostiño, Sermo 198, 3.


GALLAECIA EN IMAXES DE HOXE

ISTO É O QUE QUEDA... ISTO É O QUE OS ROMANOS NOS DEIXARON

http://xmnicol.blogaliza.org/2011/10/03/enxeneria-romana-construir-para-a-eternidade/


Ponte sobre o río Bibei, pasando Póboa de Trives, no que sería antiguamente a Via XVIII
A Via XVIII polo Xurés

PONTE ROMANA DE CHAVES (PORTUGAL) SOBRE O RÍO TÁMEGA NA VIA XVII

PONTE ROMANA DE FREIXO (CELANOVA-OURENSE)  NUN RAMAL SECUNDARIO DA VIA XVIII

CAMPAMENTO ROMANO DE AQUIS QUERQUENNIS (BANDE-OURENSE)

BAÑOS TERMAIS ROMANOS DE BANDE – OURENSE 

VILLA ROMANA DE AQUIS ORIGINIS (BAÑOS DO RÍO CALDO-LOBIOS) OURENSE

VILLA ROMANA DE TORALLA-VIGO

OS BAÑOS NAS VILLAS ROMANAS DA GALLAECIA

NOMINA STULTORUM NAS FRAGAS DO EUME

NOMINA STULTORUM IN MONTIBUS USTIS

¿Quen non esgotou este últimos días a nómina de improperios contra os incendiarios das Fragas do Eume, ou Castrelo do Val, por falar dos máis recentes? Pero semella que os diccionarios non dan abasto para satisfacer a necesidade de descargar as iras contra quen atenta contra nós mesmos, contra a nosa vida, que é a vida da nosa natureza, pero tamén contra a incapacidade  de quen tendo que protexela a descoida impunemente.

Poucas veces o campo semántico da estupidez foi tan consultado e tan requerido, todas as palabras en abano saíron escopetadas dos diccionarios. Todas elas, cargadas de furor, quedaron flotando entre a fumareda que cubría os ceo á espera de caer coma kilos de  pedrazo sobre as cabezas dos responsables/irresponsables.

Psicoloxicamente o improperio resulta terapeútico na medida en que satisface a liberación de toda a ira que nos inflama interiormente e nos permite descargala contra quen nola provoca, ou, o que é o mesmo, contra os incendiarios e os desidiosos. Pero resulta que ambos son fantasmagorías, non os coñecemos, non nos é posible mirarlles á cara, escápansenos á nosa mirada, imposible telos diante como dianas tentadoras e fustigalos sen tino.

Quédanos un consolo, entender en toda a súa extensión o sentido de cada un deses improperios, desde o latín ata hoxe, para poder  guindarllos á cara , aínda que sexa só una ilusión óptica e un esforzo figurado contra os  desalmados para que se consuman no lume eterno.

Aí vai unha lista: STUPIDUS, BARDUS, BRUTUS, STULTUS, STOLIDUS, INEPTUS, INSULSUS, FATUUS et alia: ‘estúpido’, ‘bestia’, ‘tonto’, ‘fato’,’imbécil’, ‘necio’, ‘parvo’, ‘papán’.

Se tomamos como termo de comparación  a intelixencia ordinaria  do home, podemos distinguir entre estes termos: stupidus, bardus, brutus, que presentan esta calidade polo seu lado negativo, coa diferenza de que stupidus (ver stupere, stupor) dise dunha persoa a quen as impresións recibidas privan da súas facultades intectuais nun momento dado, un individuo que se atopa desconcertado polo atordamento, polo asombro ou polo medo, é dicir, estúpido, atordado. Bardus, segundo Festo, resulta o equivalente de tardus ingenio, aquel a quen lle costa traballo entender calquera cousa, lento. Brutus, segundo Festo : brutum antiqui gravem dicebant,  ou o que se entende por ‘lento de espírito’, ‘estúpido’, ‘ bobo’ ‘apampado’.

Stultus, stolidus, fatuus, presenta esta calidade polo seu lado positivo, encanto está viciada e alterada por determinadas causas, coa seguinte diferenza: stultus, por oposición a prudens, por falta de prudencia práctica, por imprevisión, irreflexión, credulidade; stolidus, por falta de luces e de bo xuízo, é a parvada unida á suficiencia. Nesta orde de ideas entran estas outras palabras, ineptus e insulsus.  Ineptus ( in+aptus de apere = atar, fixar, adaptar) refírese a aquel que non percibe as relacións  que unen unhas cousas con outras. Insulsus (in+ salsus), sen gusto, sen talento, que fai as cousas sen pés nin cabeza, por oposición a acutus. Fatuus  envolve a idea destas dúas últimas palabras á vez, o que se achega á demencia, impertinente, sen sentido, o que fala sen ton nin son. Para que máis falar, o bobo de remate que algúns ricos tiñan na casa para divertirse , paiolo, papán.

Deixo aberto o listado por se alguén se anima a completalo, porque outro día falaremos dos imbéciles.