VELOCIDADE E HABILIDADE NAS CARREIRAS DO CIRCO

Que os mozos vaian ao Circo é natural. Os gritos, o azar, as mulleres bonitas, é o propio da súa idade. JUVENAL

O Circo Máximo: carreira de cuadrigas imaxinada

Deixámonos engulir, neste maio de 2012, polo túnel do tempo para vivir os ludi das festas Floralia (28 de abril – 3 de maio) nun ano calquera do século I d. C., ao mellor gobernaría Tito, o fillo de Vespasiano, non se podía pronunciar o nome de Nerón. Roma é máis que unha inmensa aglomeración urbana, acoden xentes de todas partes de do Imperio, resoa por toda a cidade un balbordo atronador multilingüe, milleiros de persoas pasean a súa curiosidade polos caóticos foros,  miran aturdidos as magníficas construcións das termas e os teatros, achéganse ata o Coloseo como se fose o umbilicus do universo; polo imperio corría a lenda de que nel atopábase a caldeira da fama.

Pero o que nos arrastra a Roma, acariñada polo sol de maio, é a vértixe da velocidade, o espectáculo dos ludi circenses, a animación, as apostas (sponsiones), a emoción , o suspense, e, guiados polo Ars Amandi, libriño de éxito eterno, a seguridade no éxito de algunha aventura amorosa ao calor da paixón do espectáculo.

Por iso deixamos precipitadamente o Foro Romano, ansiosos de emocións fortes, e tomamos o Velabrum para desde o Foro Boario coller o camiño ao Circo Máximo.

Reconstrución ideal do Circo Máximo

Entramos ao Circo pola porta festiva, aos dous lados contamos catro carceres, desde as que saen os carros para iniciar as carreiras. Os axudantes  dos aurigas (agitatores) andan metidos en faena, nervosos, uns acariñan os cabalos, outros vixían a seguridade das rodas e os arrastres. A curiosidade fainos mover os ollos dun lado a outro, para arriba e para baixo, como se fosen áxiles periscopios.

Xa sentados nunha localidade de privilexio na cavea, vemos a pista e a mirada crávasenos na spina que adorna con magnificencia a liña central da pista de carreiras; nos seus extremos, tres columnas cónicas (metae), sobre bases semicirculares e estanques de auga. Un rosario de adornos ocupan o espazo entre as metae: obeliscos que que desafían a altura como se convocan a presenza das divindades, santuarios, canos de auga en forma de delfíns na honra de Neptuno, tamén un altar con sete obxectos que teñen forma de ovo, en lembranza de Cástor e Pólux.

Todo aparece preparado para o espectáculo, o griterio xeral celebra a chegada da familia imperial para ocupar os sitios de honra no pulvinar. Desfilan os aurigas, como unha procesión ritual multicolor (factiones albata-branca-, rossata -vermella-, prasina-verde- e veneta-azul-), ata se disporen para a saída. Os espectadores ferven. O árbitro, sentado nun anfiteatro, sobre a entrada principal, deixa caer un pano branco, e os carros saen fungando como balas. Cada certo tempo a música da orquesta  situada nos oppida marca a intensidade da emoción ou anima os intermedios entre carreiras; hanse completar ata sete pistas (missus); os carros atráncanse entre eles, envorcan, aurigas pola area, sangue, acoden as asistencias, rodas soltas que saltan enloquecidas dos eixos, cabalos que se libran do auriga e das rendas. Os cabalos do auriga que encabeza a carreira libran con maestría milimétrica a meta, un murmurio de admiración desprégase como unha ondada pola cavea abarrotada; van caendo os delfíns marcadores, un dous, ata sete;  o final é apretado, o que dobra segundo na última meta “erupit et vincit”, gloria e honor para o vencedor. 

Non acertamos nas apostas, pero ben nos foi coa emoción e coas boas migas que fixemos seguindo as recomendacións de noso amado Ovidio. Agora esperamos chegar as termas para limparnos o po  e relaxarnos, mentres nos espera unha boa cea na casa de Apicio a quen lle ofrecemos como agasallo de hospitalidade garum de rincha , elaborado en Vicus  nun salgadouro das salinas do Areal.

Anuncios

A CEA ROMANA: PRACER, CERIMONIA RITUAL E ESPECTÁCULO

“En Roma os espectáculos, durante a República, non eran máis que praceres intermitentes. Afortunadamente para eles, cada día había un espectáculo que os romanos non sabían refusar: o  cerimonial da comida”.

“Cometeriamos un grave erro se pensásemos que os praceres da mesa non eran máis que os praceres do ventre. Eran tamén  praceres artísticos e culturais …   Eran ofrecidas polo anfitrión como unha representación teatral.”

J.N.Robert. Los placeres en Roma.

A comida para os romanos era unha actividade sagrada, sen deixar de ser un goce diario, un espectáculo da  exuberancia, moitas veces un exaxerado dispendio, pero tamén un recordatorio dos antigos rituais relixiosos da produción e fecundidade da terra.

O episodio  de Ascilto e Ecolpo, no Satiricón de Petronio, pola súa precisión e minuciosidade descritiva, resulta moi ilustrativo para o que vimos de referir.

Ascilto e Encolpo son convidados a cear á casa de Trimalción, liberto  e novo rico , co que fixeran boas migas na palestra das termas. O vestíbulo  da espectacular casa  de Trimalción  deixa pasmados ós dous amigos polas fermosas pinturas e unha inquietante inscrición: “¡Ollo co can!”!, debaixo da cal se debuxaba un chucho encadeado, bravo e enfuciñado.

Cando os dous amigos van entrar no comedor un escravo cargado co servizo grita: “¡co pé dereito!”. Para non desagradar ós deuses, os convidados, disimulando un sorriso irónico, poñen todo o seu empeño en pisar co pé dereito.

A comida da noite era una actividade máis de lecer despois dos baños. De aí que se volvese exquisitamente refinada e teatral: música,cantos, bailes, xogos e diversión ata a saída do sol despois dunha boa borracheira nas casas dos máis libertinos. PARA SEGUIR LENDO: A CEA ROMANA (PDF).

FLORA OU A EXPLOSIÓN DA VEXETACIÓN

 

A festa en honor da deusa Flora formaba parte, polo menos na Roma primitiva, dun conxunto de prácticas destinadas a convocar a primavera e o favor dos deuses protectores do campo nas recolleitas vindeiras. Xa no tempo dos reis estas festas deberon seguir ás das Robigalia.
A este tempo primitivo debemos referirnos se queremos entender o sentido de certos ritos que se perpetuaron no tempo: alumear coa luz de numerosos fachos os xogos da deusa que se prolongaban na noite, ou aquela outra pola que as mulleres se poñían vestidos cheos de vivo colorido; ou a de botar entre a multitude grans secos de ervellas, fabas, pementos, chícharos bravos, para conseguir da terra os dons que ela regala. Ou tamén a de soltar e perseguir á carreira lebres e cabras, animais de temperamento erótico.
Estas prácticas son simbólicas, expresan mesmo o carácter de Flora que representa a explosión e a variedade da vexetación grazas a puxanza do sol.
Comezaban o 28 de abril aínda que no século IV a. C. celebrábanse desde o 30 de abril o tres de maio. As festas iniciábanse con xogos escénicos e terminaban con xogos de circo e o sacrificio da deusa Flora. Estas festas foron sempre moi ruidosas e licenciosas; no último século da República unas prostitutas atendían a solicitude da xente para se mostrar espidas.

 


 

Este texto de Ovidio en Fastos V, 331-379 pode axudarnos a entender unha parte bastante significativa de todo o que vimos de decir:

” FLORA non  é unha deusa severa, e así os regalos que trae se prestan á frivolidade, por iso nestas festas das Floralia hai  libertinaxe e bromas divertidas.

As tempas dos que beberon cínguense de grilandas tramadas e as mesas relocen cubertas de rosas espalladas; o comensal baila borracho co pelo recollido por unha coroa de tileiro e abusa imprudentemente da graza do viño; canta o borracho diante da porta da súa fermosa amiga, brandas grilandas sosteñen os cabelos perfumados. Nada serio se  fai coa fronte coroada, e os que se cinguen con flores non beben auga pura. Baco é afeccionado ás flores. A Flora vaille ben unha escena sinxela; non é vaidosa.

A deusa non é das que practica actividades lúgubres nin importantes; desexa que os seus ritos estean abertos a todo o mundo e aconsella aproveitarse do esplendor da vida mentres está en flor, pois tiramos as espiñas cando xa murcharon as rosas. Esta é a razón pola que asisten a elas unha multitude de prostitutas.

Nas festas de Ceres  regalábanse vestidos brancos, porque os campos se poñen brancos cando maduran as espigas. Flora vístese de mil cores  como un prado de florido.

Fogueiras e fachos alumean noite e día. Pois se os campos se visten con flores de púrpura, parece apropiado que o lume enchese de luz os días que se me dedicaban, explica Flora, ou tamén porque as flores como as chamas non teñen cores apagadas e ambos brillos atraen as miradas; ou  ben porque ós nosos praceres venlle ben a libertinaxe nocturna. Esta parece ser a verdadeira razón.

Ó preguntarlle a Flora por que encerraba nas redes pacíficas cabuxas e solícitas lebres, respondeume que a ela correspondíanlle os xardíns e os campos onde non entran feras agresivas, e non as selvas. E foise na brisa sutil.”

LECTURAS PARA O MES DE MAIO (2)

Adaptación de Ovidio, FASTOS, V, 195-275

 

“Eu era Cloris, aínda que agora me chame Flora. Unha letra grega do  meu nome corrompeuse no termo latino. Era Cloris, ninfa das chairas felices, onde sabes que antes homes afortunados tiñan o seu medio de vida; modesta como son resúltame incómodo expor a beleza que me adornaba. Pero esa beleza deulle á miña nai un deus por xenro.  Era primavera e ía eu paseando; o Céfiro descubriume,  pero puiden librarme del. Perseguiume, eu fuxín; el era máis forte. E o Bóreas que ousara, soplando do norte, levarse como prea  da casa de Erecteo a súa filla Oritiia, déralle ó seu irmán vía libre para a pillaxe. Non obstante, emendou o seu acto violento, dándome o nome de esposa, e no me queixo do meu matrimonio. Gozo dunha primavera eterna. O ano sorrí sempre, as árbores teñen sempre follas, a terra sempre verde. Teño nos campos da miña herdanza un xardín exuberante , o vento respéctao e unha fonte de auga cristalina régao. O meu marido cubriu este xardín de flores xenerosas e díxome: “Ti, deusa, ostenta a soberanía das flores”. Quixen contar moitas veces  a serie das cores e non puiden; a cantidade excedía calquera conta. 

Así que  se esvaeceron das flores a rosada e o orballo, e as follas  recibiron os raios do sol, acudiron as Horas, lucindo roupas de cores vivas, e recolleron os meus regalos en leves canastros. Nese mesmo momento achegáronse as Cárites e teceron coroas e grilandas que servisen para cinguir as tempas dos deuses do ceo.  Fun a primeira en esparexer  as novas sementes  polos campos do mundo.  Antes a terra tiña unha soa cor. Fun a primeira en facer do sangue de Xacinto unha flor, e nas súas follas pode lerse a súa queixa. Tamén ti, Narciso, tes o teu nome nos  xardíns cultivados; pobre, o seu dobre era irreal. ¿Que vou contar de Croco, a flor do azafrán, ou de Atis o das violetas, ou de Adonis, o das anemones?

PARA SEGUIR LENDO O POST COMPLETO EN PDF picar CLORIS