AS MUXICAS DE PERSEO FENDEN O AIRE DA NOITE

Perseidas:

As muxicas dos ollos de Perseo para Andrómeda

 

Pica AQUÍ : Música para acompañar o silencio (Necesitas Spotify para poder escoitar)

perseoeandromeda
Abbeville, musée Boucher de Perthes Persée délivrant Andromède.Lemoyne François (1688-1737). (C) RMN / Jean-Gilles Berizzi

As falcatruadas e amoríos de Zeus eran un díxome-díxome entre as divindades do Olimpo. A súa irritable esposa Hera, agoniada e molesta xa de que o corro celestial de murmuradores falasen polo baixiño, volvérase, a máis de revirada, unha consumada virtuosa da arte da vinganza.

O deus fulgurante andaba agora entolecido pola feitizo da bela Dánae, e non daba co atallo para seducila, como a tantas outras mortais, antes e despois da filla de Acrisio. Andou el dándolle voltas na súa cabeza coroada a unha idea nunca vista coa que sorprendela, e  cando apagou o sol,  deu co agasallo que de seguro impresionaría á aquela moza tan feitiña, a quen desexaba ter nos seus brazos, sen moito tardar aquela mesma noite de ceo cristalino: un estralo de estrelas que caería sobre a amada como unha intensa chuvia de ouro.

Dánae, abraiada pola aparencia imponente do amante e o seu porte divino, deixouse facer. Envoltos polo acougo daquel ceo calmo que os cubría e o silencio da noite, os dous amantes  sentíronse  engulidos por un vórtice de paixón e prendidos polo lume dun amor desfreado e celestial durante horas interminables, xa que o fogoso Zeus, entregado a amar, perdía con cada suspiro os papeis das leis que rexen o universo.

Noite de perseidas

Unha noite arrebatada e louca, na que beleza e poder acadan o cumio da harmonía, regala un berce mol para que naza e deite nel un heroe: Perseo, o froito predestinado  a fender o aire con alas que rincharán ó bater co vento, obrigado a dar fe de que, a parte de fillo de Zeus, era home valeroso, decidido, capaz da fazaña máis increible por amor: degolar a Gorgona e liberar a amada dunha morte inxusta.  (Ha continuar)

A lenda non remata aquí. ¿Casará o heroe con Andrómeda? Se mañá vos dades unha voltiña por esta páxina acabaréivolo de contar. 

http://www.rtve.es/swf/4.1.11/RTVEPlayerVideo.swf

Anuncios