MIRADAS DUN TEMPO EMPEZOÑADO: DE MEDUSAS, BASILISCOS E MORTÍFEROS DRAGÓNS

 

 

Cabeza de Medusa. Museos Vaticanos

Polas últimas fronteiras da Libia, onde a abrasada terra linda co Océano, chamuscada polo sol que afonda nel cada día,  estendíanse amplamente os inaccesibles campos da Medusa, a  filla de Forcis, desprovistos da sombra de arborados bosques, e xamais  removidos por ningún arado,  máis ben ourizados de rochas,  trala mirada letal da súa dona. Daquela gorxa  naceron as serpes que emitiron estridentes asubíos coas súas linguas vibrátiles.  As serpes que azoutaban igualmente o colo de Medusa cando aínda podía compracerse con elas. Soltas polo lombo a modo de cabeleira feminina, xorden unhas cobras, encrespadas tamén na fronte, e ó peitear as súas guedellas flúe o veleno viperino. 

Este monstro ousou ameazar o mar cunha paralización insólita e petrificar o universo.  As aves, volvéndose subitamente pesadas, caeron do ceo, as feras confundíronse cos cumios, todas as xentes veciñas dos etíopes semellaban figuras de mármore. 

Ningún ser vivo podía aguantar a súa mirada, e mesmamente as serpes evitaban o rostro da Górgona escapándolle. Ela converteu en rochas a Atlante, o Titán que se erguía ó pé das columnas de Hesperia; e, cando moi lonxe no tempo,  o ceo arripiou cos xigantes con pernas de serpes de Flegreas, tornounos empinadas montañas, e á  guerra implacable dos deuses púxolle fin desde o centro do peito de Palas……. (PARA SEGUIR LENDO POST EN PDF)

Basilisco

 

O Basilisco, que emite asubíos que aterran a todas as pestes anteriores, mata antes de inocular o seu veleno , escorrenta ó seu paso, ó longo deste inmenso e areoso  territorio, a toda a turbamulta de reptís e impón o seu poder nas areas do deserto. O Basilisco crea o deserto, é o deserto mesmo, onde morren os paxaros e apodrece calquera froito. As augas nas que bebe  quedan infectadas para sempre. A súa mirada quebra as pedras e queima as herbas. Só o cheiro da donicela e o canto do galo teñen o poder de o abater.

 

Hércules e o Dragón das Hespérides. Palazzo Vecchio. Florencia. Fot. José M. Otero

 

Tamén a vós, que reptades por todas as terras como divindades inofensivas, Dragóns refulxentes de dourado resplandor, a ardente África convértevos en mortíferos: remontades con alas o ceo  e, perseguindo a rebaños enteiros, quebrantades a golpes de cola, enroscándovos neles, xigantescos touros; nin o elefante está seguro, pese ó seu volume: todo o entregades  á morte e, para os vosos nocivos estragos, nin sequera necesitades veleno. 

 

SIMBOLOXÍA.

  • MEDUSA:   simboliza o tormento da culpabilidade reprimida. Topar coa Medusa de fronte é dar de cara con espanto coas culpas propias. A peor culpa é a desmesura; a morte da Medusa por Perseo significa o triunfo da harmonía, o equilibrio e o sensato coñecemento de si mesmo.
  • BASILISCO: é  o emblema do odio, da crueldade e da morte. En Oriente atribuíaselle a forma mesturada de galo, serpe e sapo. Carácter infernal. É un dos garda do tesouro.
  • DRAGÓN: simboliza o obstáculo definitivo que hai que salvar, antes de acadar o éxito que se persegue. O mal que cómpre aniquilar para que triunfe o ben. O dragón é «o animal», «o adversario». 

PARA SEGUIR LENDO. POST COMPLETO EN PDF PARA IMPRIMIR: 

MIRADAS QUE PARALIZAN NUN TEMPO EMPEZOÑADO 

AS VIAS E PONTES E O SENTIDO PRÁCTICO DOS ROMANOS

VÍAS E PONTES DE LATINIDADE, REDE DE PODER

A vía que conduce de Roma a Capua é tan ancha que permite o paso de dous carros… É unha maravilla, é toda dunha pedra que Apio fixo cortar.

(Procopio)


Via Nova ou XVIII polo val do río Caldo. Serra do Xurés


Do xermolo, que madura nas  brétemas lendarias de Eneas, nace unha das máis amplas e coherentes construcións políticas e militares de todos os tempos.

Ó principio foi unha conquista teimuda, unha agresión sistemática. Pero co tempo foise caendo na conta de que isto non era suficiente se non se armaba un sistema de apoio, toda unha rede –campamentos fixos, albergues nos camiños, depósitos, conexións- que viña a dar á cidade e que foi cargándose de poder co paso do tempo. Esta rede tiña que ser sólida se se quería garantir o éxito das campañas militares, a súa coordinación e a súa continuidade. Así detrás dos exploradores do terreo organizados viñeron os construtores. Eles fixeron muros, pontes, estradas que facilitaron o paso das lexións.

Arco central da ponte sobre o río Bibei, que daba paso á Vía Nova polas montañas de Trives

Comezan a aparecer por todas partes réplicas de Roma como selo da dominación. A cidade significaba lei , pois os xuristas acompañaran no avance ós soldados, enxeñeiros e agrónomos. En calquera punto do territorio sometido podíanse ler epigrafiadas sobre bloques de mármore palabras como libertas, potestas, auctoritas, imperium,Res Publica.

Pero a unidade entre todas estas colonias foi resultado de moitas forzas:  o dereito e a rede de estradas que conducía ó centro só foron un instrumento máis que garantiu esa unidade, a verdadeira forza unificadora xerouse a partir da lingua na que se escribían as ordes militares, os decretos da xustiza, a liturxia do poder.

Mapa das vías de Hispania. Itinerario de Antonino

A latinidade nos seus comezos é como unha rede que se bota ó mar desde o Lacio e entre as mallas vai quedando atrapado todo un amplo territorio que se ordena arredor dun mar interior. O historiador grego Dionisio de Halicarnaso (60 a C.) , escribiu que a grandeza de Roma no é cousa só da boa fortuna, senón o resultado dun esforzo meritorio ó que non era allea a influencia grega. Un esforzo e ademais un sentido práctico do que dan fe o que para el son as tres principais achegas de Roma: as vías, os acuedutos e as cloacas.

Miliarios na Via Nova. Serra do Xurés

PONTE ROMANA DE FREIXO (CELANOVA-OURENSE)

POST EN PDF PARA IMPRIMIR: VIAS E PONTES REDE DE PODER

O MITO, CÓDIGO DE SABIDURÍA PRÁCTICA

 

UNHA LECTURA PARA ENTENDER A ORIXE DAS COUSAS E A MAXIA DOS INICIOS.

Dificilmente  se pode concibir un ser humano que non sinta a fascinación do «relato», da narración de acontecementos significativos, do que lles pasou a homes provistos da «doble realidade» das personaxes literarias, que reflicten a realidade histórica e psicolóxica dos membros da sociedade moderna e dispoñen do poder máxico da creación literaria. (….) Mentres subsista o desexo de trascender o tempo propio e mergullarse nun tempo «extranxeiro», extático ou imaxinario, pode dicirse que o home moderno conserva aínda certos residuos dun «comportamento mitolóxico».

(MIRCEA ELIADE, Mito e Realidade)

«Se consideramos o mito no que ten de vivo, non se trata dunha explicación destinada a satisfacer unha curiosidade científica, senón un relato que fai revivir unha realidade orixinal e que responde a unha  moi fonda necesidade relixiosa, a aspiracións morais, a coaccións e imperativos de orde social, e mesmo a esixencias prácticas.

Nas civilizacións primitivas o mito desempeña unha función indispensable: expresa, realza e codifica crenzas; salvargarda e impón os principios morais; garante a eficacia das cerimonias rituais  e ofrece regras prácticas para o uso do home.

O mito é , entón, un elemento esencial da civilización humana; lonxe de ser unha fábula, é, polo contrario, unha realidade vivinte á que non é posible deixar de  recorrer, non é de ningún xeito unha teoría abstracta  ou un desfile de imaxes, senón unha verdadeira codificación da relixión primitiva e da sabiduría práctica. (….)

A castración de Urano por Saturno

Todos estes relatos son para os indíxenas a expresión dunha realidade orixinal, maior e moito máis chea de sentido que a actual, e que determina a vida inmediata, as actividades  e os destinos da humanidade. O coñecemento que o home ten desta realidade revélalle o sentido dos ritos e dos preceptos de orde moral, ó mesmo tempo que a maneira de cumprilos.»

(B. MALINOWSKI, Myth in Primitive Psycology (1926; reproducido no volume Magic, Science and Relixion, Nova Iorque, 1955, pp. 101-103)

«Nos primeiros tempos, os inmortais que habitan as mansións olímpicas, crearon unha dourada estirpe de homes mortais. Viviron aqueles na época en que Cronos reinaba no ceo. Vivían como deuses, co corazón libre de preocupacións, sin fatigas nin miserias; nunca lles chegaba a vellez desprezable, senón que, sempre con igual axilidade nas pernas e brazos, se recreaban con festas, alleos a calquera tipo de males. Morrían como mergullados nun sono; eran ricos en alegrías; o campo fértil producía espontaneamente fermosos e abundantes froitos. Eles, contentos e tranquilos, alternaban faenas e deleites. Eran ricos en rebaños e entrañables ós deuses benaventurados.»

HESIODO, Traballos e Días, vv. 109-126