O EXERCITO ROMANO: CORAXE, RESPONSABILIDADE E DISCIPLINA

Roma foi a cidade máis importante do universo, capaz de construír un ámbito cultural en torno ó Mediterráneo de tal solidez que aínda hoxe sobrevive.

¿En que se sustentaba este poder? ¿Como está condicionado pola loita do pobo romano pola supervivencia?

Os romanos estaban convencidos de que os seus devanceiros estiveran dotados de extraordinarias calidades de tenacidade, de paciencia, de frugalidade, de capacidade para o traballo duro e dunha capacidade natural para non admitir xamais a derrota. Ningún romano en ningunha circunstancia se daría por vencido, segundo nos ilustra  o historiador Polibio.

Fonte Google

Cicerón consideraba que non era posible dar en ningunha parte cun pobo que posuíse en tan alto grao estas calidades, nas que Roma asenta a súa supremacía: unha verdadeira grandeza de alma, un carácter serio, calmo, estable, leal e digno de confianza,  baseado na fides.

Debuxamos un cadro onde  a grandes trazos se configura un pobo con gran capacidade se sufrimento, práctico e puritano, fondamente leal á familia, ó Estado e ós seus deuses (pietas). Este abano de valores  constitúe  a verdadeira forza da República, do que derivan outros valores ben estimados polos romanos: a virtus, bravura e coraxe no combate,  a gravitas, conciencia das súas responsabilidades e disciplina nas emocións, simplicitas, disposición para  prestar singular atención ás necesidades do momento.

Na súa estrutura primitiva o exército reflicte a organización do Estado romano. Cada soldado contribuía con armas e equipamento propio, polo que tiña que dispoñer de facenda para costealas. O pobre polo tanto non podía combater.

( Continúa lendo O EXERCITO ROMANO 2 pdf..)


CAMPAMENTOS ROMANOS

Documento: Campamento romano (pdf)


Hai unha característica que define á lexión romana: a obsesión pola seguridade nos seus desprazamentos cando tiña que facer noite ou pasar un inverno. Esta precaución significaba un gran esforzo diario por parte dos homes encargados da fortificación  e,  ó mesmo tempo, unha inxección de auto estima porque esta teima lles facía sentirse superiores ós bárbaros.

Despois da reforma de Mario, a lexión romana seguía carecendo de bases permanentes, era un exército en mobilidade constante. Cando remataba unha sesión de operacións retirábanse ós cuarteis de inverno (hiberna).

Foi con Augusto cando o exército tomou un carácter permanente. As tropas empezaron a pasar períodos moi longos  nas provincias, obrigadas pola intensa expansión territorial. Os antigos  cuarteis de inverno convertéronse en bases estables, versións melloradas dos antigos campamentos en marcha. (Continúa….Campamento romano.)

APRENDER E XOGAR


La legión romana. Documentales de la 2

Anuncios

VIÑO E PENAS NAS LUPERCAIS (LECTURA)

Adde merum vinoque novos compesce dolores [Sirve un bo viño, afoga en viño as penas recentes] Tib. I, 2

Acúdeme, lúcido Baco, ( xa teñas sempre

a  vide do delirio, xa leves  as sens cinguidas de hedra).

Libérame da miña dor ti mesmo cunha copa chea de vida:

A cada paso o amor  claudica vencido polo viño.

Amable criatura, reborden de viño xeneroso as copas

e sírvenos  Falernos con man espléndida.

Ide lonxe, penosa estirpe de coitas, ídevos amarguras:

que brille, montado nos seus cabalos brancos, o sol Apolo.

…….

Nada me preocupas xa, Neera (1),

que sexas feliz, e luminoso o teu destino.

…………..

Chega, despois de moitos días, a calma.

 

(1) ¿Neera= a poetisa Sulpicia? En todo caso, a muller do enigmático Lígdamo, posible autor do poema. Exemplificación do tipo de muller de familia noble: provocativa, amante das riquezas, fermosa e desleal, que pretende dominar o mundo cos seus encantos, pero que a fin só consegue a fama grazas ós versos do poeta.

TIBULO, Carmina, (Corp. Tib.) III, 6, 1-8 , 29-30 e 32

TIBULO (PDF)

LUPERCALIA E OUTROS ENTROIDOS

OS LUPERCOS NUS E AS CERIMONIAS DE FAUNO-PAN

Desde os lupercos ós peliqueiros, cigarróns, felos, borralleiros, troteiros e outros Entroidos

 

As manifestacións do Entroido que ata hoxe coñecemos manteñen rituais e celebracións que nos remiten a formas e moldes moi antigos. Uns xiran arredor de preocupacións sociais (Saturnais: liberdade de escravos, regalos, banquetes),  e outros arredor do que sería a base da economía pastoril:purificación e fecundidade, tanto de mulleres como do gando, e consecuentemente de preservación do gando dos animais silvestres hostís (Lupercalia).

Na terceira aurora que seguía ós idus (13) de febreiro (tendo en conta a contabilidade inclusiva, o 15 de febreiro) na cova Lupercal, no outeiro do Palatino, comezaba a festa co sacrificio dun cabrón e un can , ofrecíanse tamén tortas de fariña feitas polas Vestais con trigo da última colleita.

Seguía a esta cerimonia un ritual que relata Plutarco: “ Dous mozos patricios son conducidos ó lugar do sacrificio. Uns mánchanlle a fronte de sangue co  coitelo do sacrificio, mentres outos llo limpan con la mollada en leite, inmediatamente os mozos rompen a rir. Cumprida esta cerimonia, despois de facer tiras coa pel do cabrón sagrado, os lupercos corren espidos, cubrindo minimamente a cintura e azoutando a todo aquel que atopan no seu paso. As mozas non deben escapar ós seus azoutes xa que era crenza que son eles os que propiciarán a concepción e axudarán na hora do parto. PARA SEGUIR LENDO: LUPERCALIA

Peliqueiros en Laza (Ourense) Fot. Ana Mª Martínez

LECTURA COMPLEMENTARIA: NORBERT ROULAND. Laureles de ceniza. Ed. Edhasa 1990. Páx: 41-43.

PARA LER PICA AQUÍ Laureles de ceniza

A ARQUITECTURA PARA O PRACER E O OCIO EN ROMA

“Había un tempo para cada cousa, e o pracer non era menos lexítimo que a virtude.”

Ph. Ariés e G. Duby, Historia de la vida privada. Vol I, páx. 181

 

OS ESPECTÁCULOS E  O ESPÍRITO COMUNITARIO

O primeiro pracer para un romano era reunirse e conversar cos amigos; o espírito de comunidade, de sociabilidade, era  natural e espontáneo nos romanos primitivos. A satisfacción de pertencer a un grupo social, repartindo lealdades, responsabilidades e triunfos  responde a unha das principais arelas dos seres humanos. Só a comunidade pode proporcionar, a través das crenzas, sentimentos e valores comúns, a seguridade e sosego de espírito.

Os espectáculos na antigüidade non eran unha afección individual, como hoxe pode ser un acontecemento futbolístico, nin un pracer destinado a un público pouco culto, nin simplemente unha maneira de encher o tempo de ocio.

Os espectáculos eran ante todo unha reunión pública de cidadáns, un pracer común a todas as clases sociais, xa filósofos, xa oleiros, políticos ou carniceiros; eran case un deber social, un pasatempo vespertino vivido en comunidade, o irrenunciable pracer da convivencia. Un dereito cidadán, por tanto, de balde e garantidos polos poderes públicos da cidade que fixaban o calendario oficial.

En Roma e en cada unha das cidades que naceran ou renaceran á súa sombra, os espectáculos son un manifestación cívica fundamental. Os personaxes públicos refiren, sen se avergonzaren, a importancia que lles outorgan: houbo cidades  e mecenas que se arruinaron por construír un anfiteatro.

Nos primeiros tempos os ludi son esencialmente celebracións relixiosas, liturxias para dobregar a vontade dos deuses con vistas a acadar  o éxito e o ben da cidade; pasaron anos e consulados pero este trazo primitivo sempre perdurou: Ludi Magni que comezaban cunha ofrenda Xúpiter, os Cerealia, os de Flora, os Ludi Megalenses en honor de Cibeles.

Espectáculos de diferentes clases desempeñaron un importante papel na actividade cotiá da sociedade romana : Ludi Scaenici (representacións teatrais ), Munera Gladiatorum (combates de gladiadores) , Ludi Circenses, os máis frecuentes e populares, (xogos de circo), loitas de atletas (athletas) e  naumachiae (batallas navais).

Non obstante os combates de gladiadores hai que consideralos a parte, porque eran menos frecuentes e, por esa mesma razón, máis estimados.

Durante o espectáculo o pracer convértese en paixón: lascivia no teatro, loucura no circo, crueldade no anfiteatro, como se pode ler en S. Agostiño, Sermo 198, 3.