MAXIA, REALISMO E RISA NO TEATRO ROMANO

 


 

 

Nas bancadas estala ás veces unha violenta protesta, porque eses inmensos lugares de reunión, nos que a elite se codea co pobo e o adula, non perden nunca unha función política. Emperadores e maxistrados sondean a súa popularidade diante dun público revoltoso e exixente

                      Roger Hanoune e John Scheid. La Roma Antigua

Aristócratas, cabaleiros, plebeios, soldados e escravos, homes e mulleres viven  a resaca dos ludi na honra de Flora culminados o día 3 de maio. Corre o ano 212 a. C, pero podería ser tamén os 202, cando aínda fumegaban os cadáveres do exército cartaxinés nas chairas de Zama. As prostitutas romanas exhibíranse en danzas lascivas, completamente espidas polas rúas de Roma. Os habitantes da Urbs aínda no acabaran de recuperarse dos grandes desastres da segunda Guerra Púnica e vivían os pesadelos da pantasma de Aníbal. Pero é primavera, retornan de novo as forzas da fecundidade,  ninguén se atrevería a prohibir un espectáculo tan carnal e luxurioso polo medo de que o ano resultase estéril.

Máscaras teatro. Mosaico. Museos Capitolinos. Roma. Fot. José M. Otero

Desde agora non se conciben en Roma ludi sen representacións teatrais. Plauto elabora todo o seu teatro nos días máis sombríos da segunda Guerra Púnica. Polo imaxinario do teatro plautino pululan comerciantes enriquecidos, prostitutas insaciables, mozos que devoran o patrimonio familiar con desenfreada luxuria, escravos espabilados que colaboraban desinteresadamente, vellos ilusos fuxidos de esposas agobiantes e carcamales… pero a atmosfera escénica era grega, porque dificilmente se toleraría un retrato vivo da vida social romana do momento, nin tampouco alusións políticas satíricas ao estilo de Aristófanes na Atenas de Pericles.

Frons scenae do teatro de Mérida. Fot. José M.Otero

As feridas psicolóxicas de calquera guerra requiren para ser curadas dun tratamento que conxugue  con maestría a partes iguais maxia e realismo. Esa medicina socialmente necesaria elabórase con enxeño na alquimia do laboratorio teatral.

O teatro é un universo encantado, donde a moral cotidiana campa con liberdade, porque non hai regras que a conteñan. Os espectadores vense transportados a un mundo onde non hai nada imposible, nel a natureza renuncia ás leis máis elementais: todo resulta un milagro, unha explosión de xúbilo colectivo, risa liberadora.

O pobo quere deseperadamente que o soño se torne realidade, dá o mesmo como sexa o soño: cruel, indecente, voluptuoso, magnífico, poético. E este desexo ha ser colmado, porque, de non ser así, o maxistrado responsable será víctima dunha sonora e interminable pitada que abrirá a tumba na que durmirán eternamente as aspiracións dunha longa carreira política.

https://www.facebook.com/video/embed?video_id=10200114151558836

Anuncios

ESPAZOS ARQUITECTÓNICOS PARA O OCIO: AS TERMAS PÚBLICAS E PRIVADAS


TERMAE,

DELICIAE ROMANORUM!

 

Os complexos termais non eran só espazos exclusivos de baño para un aseo necesario e saludable; os balneae ou zona balnearia dominaban o espazo central destes conxuntos monumentais, pero no seu entorno despregábase  un amplo abano de ofertas de ocio.

A súa grandiosidade impresionaba ao mesmo Séneca: “¡Cantas estatuas! ¡Cantas columnas que non cumpren ningunha función de sostén, senón só unha funcion ornamental e de ostentación de riqueza! ¡Que abundancia de auga cae en fervenza por escalóns! Somos tan exixentes que non sabemos poñer os pés máis que nas pedras preciosas.” 

Todo o mundo tiña acceso, homes libres, escravos, pobres, ricos, a familia imperial; a mellor parte da vida privada dos romanos transcurría nestes establecementos. Por moi poco diñeiro os romanos  desde a hora sexta ata que anoitecía gozaban sen límite do pracer da animación  que bulía  nas tendas que se espallaban baixo os amplos pórticos, nos xardíns e paseos, nos recunchos de acougo, nas palestras, nas salas de masaxe, e mesmo nas bibliotecas e museos.

Os establecementos termais eran necesarios porque unicamente as clases privilexiadas podían permitirse instalacións privadas. Non había casa rica na que un baño non ocupase varias dependencias, con instalación e auga quente alimentada baixo o chan.

A vida grata, a boa vida  feliz e desexable ofrecíaselles aos romanos nas termas. O baño non era unicamente unha práctica hixiénica, era un pracer que ía máis alá, máis complexo socialmente, un hábito de relación social e cultural, algo moi parecido a suma dos nosos modernos momentos de praia e de ocio urbano. 

Trátase dunha experiencia pracenteira derivada dun cambio de mentalidade propiciado pola evolución social do último período repúblicano. Hai quen di que, xunto co anfiteatros, as termas, establecementos de pracer,  son as catedrais do paganismo, por iso os cristianos negaránse sistematicamente, igual que os austeros filósofos, a frecuentalos.


OS BAÑOS PÚBLICOS ROMANOS


A AUGA DOS ACUEDUCTOS


Arquitectura e estructura das termas