LUME E AUGA NO SOLSTICIO

Os solsticios son inicios de ciclos da natureza, do curso solar. A cultura grecolatina recurría a unha expresión de contido simbólico para subliñar esta circunstancia: “as portas solsticiais”, a porta, umbral, pero tránsito, paso entre luz e tebras, vida e morte, ignorancia e sabiduría, culpa e salvación.

Se ben o solsticio de inverno dá paso ó ciclo luminoso, a do verán abre o período de escurecemento, do acortamento progresivo da luz do día; unha inversión dos valores atribuídos a cada estación, non hai nada unívoco no universo simbólico. Agora entenderemos por que o cristianismo fai coincidir o nacemento de Cristo (“Eu son a porta”, di Xesús, Xn. 10, 9), o sol que ilumina a humanidade, co solsticio de inverno, mentres que o solsticio de verán esta marcado pola festividade de San Xoán Bautista, que sustitúe as celebracións paganas, porque este era para oS cristianos o precursor, o mensaxeiro da redención, da salvación inminente, da vida.

Nun libro de mitoloxía do século XIX, falando de fogueiras e lume sagrado, relaciónanse os rituais de San Xoán cos das festas de Pales:

“ Isto ( o lume) usábase moito na antiga Roma nas festividades de Pales, deusa dos pastores, que se celebraban o primeiro de maio e chamábanse Palilia. Nesta festividade os pastores facían fogueiras de palla ou de feno, e brincaban por enriba delas, e con esta cerimonia crían que quedaban limpos e absoltos de culpa, como o dixo Marco Varrón….”

“Pales dicebatur dea pastorum, cuius festa Palilia dicebantur; vel ut alii volunt, dicta Parilia quod pro partu pecoris eidem sacra fiebant” P.F. 248, 17

[ a deusa dos pastores chamábase Pales, e as festas a ela dedicadas Palilia; ou como queren outros Parilia por ser un ritual sagrado na súa honra polo bo parto do gando]

Festa de Pales, ou o Verán. De Suvée Joseph Benoît (1743-1807) Crédito fotográfico: (C) RMN / Gérard Blot

Todo lo purga el fuego, y su viveza /al metal le acrisola su maleza./ Luego por las hogueras encendidas/de paja gritadora des el salto/ con pie ligero, y piernas extendidas.

Ovidio ( Fastos, IV, 727 ss.) invoca á deusa Pales, para que o inspire na creación do poema, argumentando que vai cantar ritos pastorís nos que ten experiencia personal:

Alma Pales, faveas pastoria sacra canenti,/ prosequor officio si tua festa meo./certe ego de vitulo cinerem/ stipulasque fabales/ saepe tuli plena, februa tosta, manu; /certe ego transilui positas ter in ordine flammas, /udaque roratas laurea misit aquas.

[Alma Pales, axuda a quen canta os rituais dos pastores,/ se describo a túa festa coa miña arte./ Certo, eu levei moitas veces nas palmas das mans a cinza do vitelo/ e os talos de fabas, restos aínda quentes do sacrificio ./ Certo, eu brinquei tres veces sucesivamente as chamas que se apagaban ,/ e esparexín con loureiro mollado pingas de auga.]

Ovidio segue describindo con minuciosidade romana os distintos ritos da festa, pero esquece o fundamental, tentar explicar a orixe dos rituais; a deusa non se mostrou condescendente co poeta neste obxectivo.

Auga e herbas de san Xoán.

De todos os xeitos a etnografía aportounos algúns datos interesantes : o lume é un elemento purificador, polo que quen pase por riba del quedará purificado; outra, que os antigos xa que tiñan conciencia de que o lume e a auga, dous principios contrarios, eran imprescindibles para a vida, xuntaron os dous nun mesmo ritual preservativo para acadar maior eficacia, ou tamén porque a auga e o lume son causa de vida e morte para o home.

Se sistematizamos todo o que conta Ovidio poderemos dar cos paralelismos que ofrecen as Palilia e as festas de San Xoán:


1. FOGUEIRAS:

a. Era crenza que se pasaban por enriba delas os animais domésticos quedaban a salvo dos lobos.

b. O mesmo se o facían os homes.

c. Para ser eficaz o rito había que repetilo tres veces

d. Ó saltar había que facer a petición que máis lle convise a un.

e. Queimábanse algunhas herbas

2. ENRAMADAS.

a. Enramadas penduradas nas paredes .

b. Grinaldas nas portas

3. HERBAS: o loureiro dos sacrificios.

4. AUGAS:

a. En lustracións especiais e aspersións de altares

b. En lustracións de animais domésticos

5. ORACIÓNS: había que pronuncialas ao saltar sobre a fogueira, mirando ao oriente e metendo os dedos na auga pura.

A relación entre as dúas festas, Palilia e San Xoán, xa se estableceu no século XVI, pero tamén os investigadores modernos insisten nela. Só dan cun problema: o feito de que non coinciden nas datas dos meses, hai entre elas dous meses de diferencia, pero non parece un atranco insalvable, xa que ao longo da primavera detéctanse festas nas que se acenden fogueiras, pendúranse enramadas, como en Laza ou Oimbra por falar de espazos preto de nós. Serían pois rituais de estación que rematarían co solsticio.

Fachucos en Laza. Ourense

J. G. Frazer no seu libro The Golden Bough (A Rama Dourada) chama a atención sobre as coincidencias que gardan as festas paganas e as cristiás e afirma que son moitas como para consideralas accidentais. Desde o seu punto de vista esta coincidencia só mostra o pacto ó que se veu obrigada a Igrexa na hora do seu triunfo coas súas rivais vencidas, pero aínda perigosas. O intransixente espírito inicial flexibilizouse cando percibiron con claridade que para que o cristianismo conquistase o mundo era preciso atenuar a rixidez das regras fundacionais facendo máis ancha a porta que conduce á salvación. Para que o credo fose admitido de maneira universal era preciso que fose antes modificado de acordo, ata onde fose posible,  cos prexuizos, as paixóns e supersticións do vulgo, xusto os principios que inicialmente pretendían suprimir: unha decadencia espiritual inevitable; o mundo no pode vivir no nivel dos grandes homes; os valores esenciais de pobreza e celibato non resultan facilmente soportables, non  só para a sociedade civil, tampouco para a existencia humana.

 

 

Anuncios

LECTURA PARA TARDES DE CHUVIA PRIMAVERAL

Adaptación de Ovidio, FASTOS, V, 195-275

 

“Eu era Cloris, aínda que agora me chame Flora. Unha letra grega do  meu nome corrompeuse no termo latino. Era Cloris, ninfa das chairas felices, onde sabes que antes homes afortunados tiñan o seu medio de vida; modesta como son resúltame incómodo expor a beleza que me adornaba. Pero esa beleza deulle á miña nai un deus por xenro.  Era primavera e ía eu paseando; o Céfiro descubriume,  pero puiden librarme del. Perseguiume, eu fuxín; el era máis forte. E o Bóreas que ousara, soplando do norte, levarse como prea  da casa de Erecteo a súa filla Oritiia, déralle ó seu irmán vía libre para a pillaxe. Non obstante, emendou o seu acto violento, dándome o nome de esposa, e no me queixo do meu matrimonio. Gozo dunha primavera eterna. O ano sorrí sempre, as árbores teñen sempre follas, a terra sempre verde. Teño nos campos da miña herdanza un xardín exuberante , o vento respéctao e unha fonte de auga cristalina régao. O meu marido cubriu este xardín de flores xenerosas e díxome: “Ti, deusa, ostenta a soberanía das flores”. Quixen contar moitas veces  a serie das cores e non puiden; a cantidade excedía calquera conta. 

Así que  se esvaeceron das flores a rosada e o orballo, e as follas  recibiron os raios do sol, acudiron as Horas, lucindo roupas de cores vivas, e recolleron os meus regalos en leves canastros. Nese mesmo momento achegáronse as Cárites e teceron coroas e grilandas que servisen para cinguir as tempas dos deuses do ceo.  Fun a primeira en esparexer  as novas sementes  polos campos do mundo.  Antes a terra tiña unha soa cor. Fun a primeira en facer do sangue de Xacinto unha flor, e nas súas follas pode lerse a súa queixa. Tamén ti, Narciso, tes o teu nome nos  xardíns cultivados; pobre, o seu dobre era irreal. ¿Que vou contar de Croco, a flor do azafrán, ou de Atis o das violetas, ou de Adonis, o das anemones?

PARA SEGUIR LENDO O POST COMPLETO EN PDF picar CLORIS