A MEMORIA DOS MORTOS NA ROMA ANTIGA

PARENTALIA E FERALIA: A MEMORIA DOS MORTOS NA ANTIGA ROMA



Columbarios de Vigna Condini. Roma

En Roma a festividade  na que se celebraba a memoria dos antepasados mortos, Parentalia, comezaba nos idus de febreiro (13) e culminaba coas Feralia o día 23. Ovidio describe polo miúdo en Fastos, 2, 533-540 o ritual funerario: nas tumbas despois de colocar coroas ofrecían pan, viño e un chisco de sal.

Est honor et tumulis, animas placare paternas,/parvaque in exstructas munera ferre pyras./Parva petunt manes: pietas pro divite grata est/munere;non avidos Styx habet ima deos./ tegula porrectis satis est velata coronis/ et sparsae fruges parcaque mica salis,/ inque mero mollita/Ceres violaeque solutae: /haec habeat media testa relicta via.

[É sinal de respecto aplacar as almas dos nosos pais e levar/ pequenas ofrendas ás tumbas e tamén ás piras que se lles erixen/ Os manes piden pouco. É agradecida a piedade en vez dunha abundante/ ofrenda. A  Estixia sin fondo non ten deuses avaros./ É de abondo unha tella cuberta cunha ofrenda de flores,/ e froitos espallados e un chisco de sal, pan abrandado en viño e pétalos de violeta:/ que os garde unha vasilla de barro deixada no medio do camiño]

O día 22 de febreiro  remataban ás festas Parentalia coa celebración das Caristia ou Caram Cognitionem, que eran un solemne banquete de toda familia en honor dos mortos.

Os Cristianos ó principio  aceptaron as festas en honor dos mortos, respetando estas mesmas datas, pero o proceso de cristianización do mundo celta, obrigou, por sentido práctico e a eficacia da mensaxe doctrinal, a trasladar esta celebración ós primeiros días de novembro.

O triunfo da morte.(1562). Brueghel O Vello

Os druidas, sacerdotes celtas, crían en efecto que, esa noite, Saman, o señor da morte, provocaba o exército dos espíritos malignos. Os druidas prendían entón grandes fogueiras, co obxecto de afastar as incomodas Sombras.

Entre os antigos celtas, Halloween era a última noite do año, noite máxica de pantasmas e bruxas pero tamén  de presaxios na que os espíritos da morte visitaban as  moradas dos vivos.

A conquista romana da gran Gran Bretaña, favoreceu que Halloween se enriquecese con elementos da festa da colleita, POMONALIA, celebrada o 1 de novembro en honor de Pomona, deusa dos froitos e das árbores.

Vertumno e Pomona. Fot. RMN

Sobreviven vestixios da festa romana da colleita no costume, habitual nos Estados Unidos e Gran Bretaña, de facer xogos utilizando froita, ou mesmo en Galicia na festa do Magosto.

Os romanos elaboran crenzas particulares arredor dos mortos e da morte, pero non se lles pasaba pola cabeza que os mortos acudisen a ver e cheirar o perfume das flores que deixaban nas súas tumbas.

A cuestión do máis alá, da inmortalidade, era unha preocupación allea, como para o home de hoxe: os epicúreos non crían nela, os estoicos, non demasiado, e a relixión oficial pecaba dun ríxido formalismo como para dar resposta a preguntas esenciais. Para o común da xente a morte era o mesmo que a nada, un soño eterno; o que relataba o imaxinario colectivo sobre a supervivencia das Sombras non máis que un conto de medo.


É distinto o sentimento que lles produce a morte, o medo dos moribundos non tanto ós castigos mitolóxicos como ó castigo dos deuses xustos, providentes e vingadores. Así cabe deducir deste texto de Valerio Máximo:

Este malvado morreu pensando nas súas perfidias e na súa ingratitude; a súa alma atópase como despelexada por un verdugo, porque sabía que os deuses do ceo ós que odiaba o ían entregar ós deuses subterráneos que o execrarían.”

Por iso os epitafios, os ritos e a arte funeraria se encargan de espallar ideas consoladoras que calmen a axitación e a angustia da hora da morte, insistindo nas súas representacións da vida como viaxe, a morte como descanso despois dunha longa viaxe, a vida como a carreira de carros no circo, a permanencia no espazo indeciso dos lindeiros entre a vida e o soño. A tumba é a morada eterna na que todo se prolonga despois de que todo remata.


A VISIÓN HOMÉRICA E VIRXILIANA DO OUTRO MUNDO

Anuncios

EXQUISITECES CULINARIAS DA ROMA ANTIGA PARA ESTE OUTONO: LEITÓN ASADO.

 

 

Para unha comida de amizade de outono, por se un magosto non fose suficiente, os meus amigos con ganas de paparotas e de parranda, como saben que levo toda a vida  escaravellando nese espazo que pertence os vicios e praceres dos romanos, os da carne e os da boca, convéncenme de que elabore un menú cientificamente respetoso cos gustos dos romanos, prometendo eles que saiba como saiba, están dispostos a dar cabo de todo, pola confianza cega que teñen en min, non tanto nos romanos.

A empresa tampouco é que requira sudores, teño á man  A Arte Culinaria de Apicio, leo en VIII, 7, 14 onde me explica polo miúdo como debo proceder para cociñar un leitón recheo:

  • 1º. Desosar o leitón polo gorxa, como se fose un odre.
  • 2º. Enchelo de carne de polo picada en forma de croquetas, tordo, ouriolo, e dos seus propios miudos tamén picados, de salchichas de Lucania, de dátiles sin oso, de bulbos secos   ó calor do lume, de caracois descunchados, de malvas, acelgas, porros, apios, brócolis fervidos, cilantro, grans de pementa e piñóns.
  • 3º. Engadir a todo o que temos feito quince ovos e garo  á pementa os ovos esmagados e ben desfeitos.
  • 4º. Coser o corte  que lle fixemos ó  leitón.
  • 5º. Refogalo no lume e posteriormente asalo.
  • 6º. Abrilo cun coitelo polo lombo e regalo co prebe que de seguido explica como facer: moemos pementa, ruda, garo, viño branco, mel e un pouco de aceite, cando rompa a ferver engadimos fécula.

De paso, xa se se quere con menos arte,  tamén podemos facer, por se algún convidado non quedase ben farto,  un caldiño ó estilo de Catón, autenticamente romano, como era el, o caldo tradicional de toda a vida, sen alardes pero con moito fundamento: poñemos medio kilo de sémola en auga ata que se empape ben, verquemos todo nunha potiña, engadimos queixo fresco, mel e un ovo, e mesturamos ben todo.

Amiguiños, eu cumprín co meu traballo, que ben sei que non é de escravos, ós demais quédavos poñervos ó lume e ver se conseguides garo nalgún tenderete de delicatessen e un bo viño tinto, como un falerno non vai ser posible, suxiro un Terra do Gargalo, Monterrei, que boa falta nos vai facer.

ARQUITECTURA E VISION DO MUNDO: DOMUS, VILLAE E INSULAE

Síntome prisioneiro nunha INSULA se non podo ver por riba da miña cabeza un anaco de ceo. Durante o día o que boto de menos é a luz do sol. Pola noite, as estrelas. Por outra parte, os deuses parecenme máis próximos cando vexo as súas imaxes sobre o larario, se se trata do lume, un lume de verdade, do que a chamas saian ó ceo, e non dun braseiro que emana so un destello vermello. Ademáis, sinto predilección polas casas que teñen atrium (DOMUS) por outras razóns. Non só son máis espaciosas que as outras, senón porque responden mellor á idea que me fago da familia. As DOMUS presérvannos a continuidade…. aínda que os mortos queden reducidos a cinza nunha pira nas aforas da cidade, as súas imaxes, máscaras de cera, que manteñen certos trazos deles no momento mesmo da súa morte, quedan depositadas no que fora o seu cuarto, o tablinum….  Esas máscaras son o pasado e ó mesmo tempo o futuro” 

PIERRE GRIMAL.  L’ Anima Romana. Roma 1998

O proceso de helenización dos costumes e da cultura romana apareceu ben consolidado e definido no século II a.C. Desde sempre o romano sentiu un atractivo polo grego, aínda que non na medida en que sucedeu a mediados no século III a.C.: os deuses romanos identificáranse cos gregos, algún que outro romano chegou a falar grego, a arte romana comezou a facerse grande á sombra da grega.

 

Mérida, domus do Mitreo. Fot. José M.Otero

O empurrón definitivo xa se dera no século III a C. cando aparecen as primeiras obras de literatura en latín baixo o modelo grego e a escolarización  se dá en ambas linguas. O saqueo de Siracusa (212 a.C.), segundo Polibio, é o feito que marca o gusto pola arte grega: moitas obras chegaron a Roma. As formas de vida das clases altas entréganse sen rubor á batuta do gusto grego, e a arquitectura doméstica non vai ser menos, a moda grega marca tendencia.

domus que tomaremos de referencia ou casa pompeiana déixanos ver na súa organización arquitectónica dúas partes claramente definidas,  a área social (no espazo preto do peristilum) e a área privada (cubicula, culina, a redor do atrium) fiel retrato da división cultural e mental que supuxo para Italia descubrir no seu propio espazo a beleza e bo gusto do grego.

A mentalidade práctica do home romano xiraba ata agora a redor do que se entendía como NEGOTIUM (atrium/tablinum), nos gregos veñen de descubrir os valores do OTIUM (peristilum).

Esta bipartición arquitectónica responde á necesidade de xuntar no espazo da vida privada unha nova entidade cultural, enriquecedora a todas luces, que do ámbito da vida privada ía a pasar á vida cívica a non tardar.

A parte anterior da domus que permite o acceso directamente desde a rúa a quen visite ó pater familias mantén a estructura da casa etrusca, con dous centros de intereses moi definidos o atrium e o tablinum: é o ámbito do negotium, onde o pater familias celebra os cultos do fogar diante do larario coas imagines maiorum (figuras que representaban os devanceiros da familia), onde os tesouros domésticos,  preto do impluvium (pilón no que se recollía a auga da chuvia), esperan a admiración do hospede que ha de resolver co dominus problemas da vida cotiá na urbe.

A parte interior está articulada polo peristilum, de gusto grego, enriquecida cun xardín no patio. É o lugar do otium, ideal para o repouso, rodeado polos triclinios, salas de estar ou de xuntanza. É o espazo doméstico que acolle as esculturas e os libros e dá paz e tranquilidade a toda a familia.

.

Pero esta forma arquitectónica non vai ser permanente. Os cambios de mentalidade traen con eles cambios na concepción dos espazos vitais. O descubremento do peristilo como foco de luz dá pé para que o tablinum (o despacho oficial do dominus) se abra para  con maior claridade responder ás novas ideas de comodidade; coa construcción dos acueductos perde sentido o impluvium,  a relixiosidade familiar entra en crise cos novos tempos e a apertura  ás novas culturas polo que o atrium deixa de ser o centro da vida familiar perdendo por tanto a súa razón de ser.

A INSULA é un inmoble urbano rodeado de rúas, a luz entraba por aberturas sobres muros que daban á vía pública e non sobre un patio interior. O trazo esencial que definía a insula era a súa contrucción en altura por pisos, cinco ou seis, ós que se accede por escadas que dan directamente á rúa. Só os tres primeiros pisos están construídos en formigón, ó resto están feitos de materiais lixeiros, para non sobrecargar o edificio, mesmo de madeira. Poden ter un pequeno patio interior (como o que cñecemos por patio de luces) con non moita luz, un pozo e un altar doméstico común.

ARQUITECTURA DOMÉSTICA ROMANA

ESPACIOS PARA LA VIDA  PRIVADA Y LAS RELACIONES SOCIALES

http://static.slidesharecdn.com/swf/ssplayer2.swf?doc=domusvillaeetinsulae-111022060852-phpapp01&stripped_title=arquitectura-domstica-romana-espacios-para-la-vida-privada-y-las-relaciones-sociales&userName=pazinho

VILLAE ROMANAS NA GALLAECIA:

AQUIS ORIGINIS (PDF):

AQUIS ORIGINIS, LOBIOS (OURENSE)(vídeo)

TORALLA ( VIGO) (vídeo)

ESPAZOS PARA A VIDA PRIVADA: MAT. COMPLEMENTARIO(PDF)




Baco enmascarado nas etiquetas de viños galegos

 “¡Que gozo nas montañas! ¡Gurgulla no chan leite, gurgulla viño, gurgulla néctar de abellas! ¡ Flota no aire un aroma de incienso de Siria!”

Coro Bacantes, Eurípides

Diónisos  mírase no espello e ve o mundo que nos rodea, e ese mundo somos nós.

 G. Colli. La sabiduría griega. 1995


Navegar  cada día polo mar viñoso do mundo clásico regálanos a oportunidade de ver o mundo cunha certa mirada pícara e mesmo con ironía. A moderna linguaxe da publicidade  afonda e bebe nos secretos da antiga retórica e no poder evocador das imaxes mitolóxicas. Un empeño indisimulado por dar co idóneo e eficaz envoltorio das súas mensaxes, conmover desde o imperio dos sentidos e das emocións. Sobrevoar o obvio para buscar a esencia, suxerir, procurar de maneira indirecta o novidoso no antigo.

Etiquetar un viño co nome de Diónisos ou Baco,  por evidente, restaría impacto e botaría por terra calquera pretensión de dar co bo camiño do mercado pola vía da orixinalidade; pero Baco-Diónisos na mitóloxía é un deus ALTER-NATIVO, distinto pero idéntico a si mesmo, portador de mil evocacións que nacen da súa maneira de presentarse como deus, das súas experiencias místicas, da súa capacidade de subversión da orde establecida, dos espazos que el habita cos seus fieis, evocacións portadoras de sonoridade, dunha rica capacidade de connotación, elegante, suxerente, poética que toman fácil asento no ámbito sensorial e emotivo.

Baco-Diónisos, o espírito do viño, trala súa máscara, fascina, revitaliza, renova, transforma. Os creativos responsables da imaxe de dúas bodegas galegas*nunha aposta pola elegancia, na procura dun toque de distinción, caen seducidos pola forza expresiva da mitoloxía báquica; un valor  poético engadido á calidade  do producto embotellado, unha confianza cega no misterio que Diónisos deixa entrever no espello do mundo no que se mira.

Diónisos-Baco é tamén ALTER**,  é a máscara inconfundible do OUTRO, do outro que está dentro de un mesmo, «un puro de fronte», o reflexo no espello, nese espello no que rostro reflectido de Diónisos é o mundo, o mundo como o ALTER da propia divindade. Diónisos é igualmente o ALTER EXTRANXEIRO que, sin selo, retorna á cidade, onde naceu,  desde o mar, desde a montaña ou desde o Oriente.  Ese ALTER que fóra é a outra cara que habita a cidade e que se manifesta para poñer patas arriba o que parece inmutable nos valores políticos masculinos e na relixión, un verdadeiro axitador social, un ALTER subversivo que fomenta a mestura as figuras da orde social.

Ó poñer fóra de de si a homes e mulleres, ó rrebatalos, fainos alleos á súa condición social. Non se trata de facilitarlles un camiño de fuxida do mundo. Nos seus rituais e nas súas cerimonias poden experimentar que a vida e morte atrápanse entre elas como as hedras, que a renovación primaveral agroma desde a memoria de todos os mortos, o que equivale a dicir que na identidade habita o ALTER.

A máscara permítelle un ir e vir frenético, vagar incesante dun sitio a outro, porque a transformación dinámica é a súa esencia, natureza viva e fecunda. Dióoniso é o único deus do Olimpo que non ten templos, venéraselle alí onde o o grupo de fieis que o acompaña, chanta na terra a estaca coa máscara, o peplo, a pel de cervato e o cinto, a espera  da epifanía da divindade.  As covas sombrías ou calquera outra cavidade furada na pedra son o espazos especialmente escollidos para súas experiencias arrebatadas. As paredes  destes antros están recubertos de hedra, doutras plantas trepadoras sempre verdes,  videiras, símbolo da fecundidade, o que en plena época helenística chamaban stibadeia (STIBADIA) «leito de flores».

Non é nova a tese actual que demostra que a mellor filosofía está no viño.  Xa era sostida ben entrada a segunda metade do século XII polo gramático, naturalista, pedagogo e abade, Alexander Neckam, nunha serie de poemas que aparecen en English Historical Review XXX, 1915, pp 450 ss. afirmando ademais que Baco é o segundo Aristóteles, dux philosophiae. Se che interesa seguir lendo o post completo en PDF pica AQUI BACO ENMASCARADO

 


* ALTER, Bodegas Viña da Cal. Ribeiro.

* STIBADIA, Bodega Tabú, Monterrei.

**Dunha raíz indoeuropea *al- ‘máis alá’ + sufixo -tero, ‘o outro de entre dous’

 

 

 

AS VIAS E PONTES ROMANAS: REDE DE PODER E ROMANIDADE

VÍAS E PONTES

DE LATINIDADE,

REDE DE PODER

A vía que conduce de Roma a Capua é tan ancha que permite o paso de dous carros… É unha maravilla, é toda dunha pedra que Apio fixo cortar.

(Procopio)


Via Nova ou XVIII polo val do río Caldo. Serra do Xurés


Do xermolo, que madura nas  brétemas lendarias de Eneas, nace unha das máis amplas e coherentes construcións políticas e militares de todos os tempos.

Ó principio foi unha conquista teimuda, unha agresión sistemática. Pero co tempo foise caendo na conta de que isto non era suficiente se non se armaba un sistema de apoio, toda unha rede –campamentos fixos, albergues nos camiños, depósitos, conexións- que viña a dar á cidade e que foi cargándose de poder co paso do tempo. Esta rede tiña que ser sólida se se quería garantir o éxito das campañas militares, a súa coordinación e a súa continuidade. Así detrás dos exploradores do terreo organizados viñeron os construtores. Eles fixeron muros, pontes, estradas que facilitaron o paso das lexións.

Arco central da ponte sobre o río Bibei, que daba paso á Vía Nova polas montañas de Trives

Comezan a aparecer por todas partes réplicas de Roma como selo da dominación. A cidade significaba lei , pois os xuristas acompañaran no avance ós soldados, enxeñeiros e agrónomos. En calquera punto do territorio sometido podíanse ler epigrafiadas sobre bloques de mármore palabras como libertas, potestas, auctoritas, imperium,Res Publica.

Pero a unidade entre todas estas colonias foi resultado de moitas forzas:  o dereito e a rede de estradas que conducía ó centro só foron un instrumento máis que garantiu esa unidade, a verdadeira forza unificadora xerouse a partir da lingua na que se escribían as ordes militares, os decretos da xustiza, a liturxia do poder.

Mapa das vías de Hispania. Itinerario de Antonino

A latinidade nos seus comezos é como unha rede que se bota ó mar desde o Lacio e entre as mallas vai quedando atrapado todo un amplo territorio que se ordena arredor dun mar interior. O historiador grego Dionisio de Halicarnaso (60 a C.) , escribiu que a grandeza de Roma no é cousa só da boa fortuna, senón o resultado dun esforzo meritorio ó que non era allea a influencia grega. Un esforzo e ademais un sentido práctico do que dan fe o que para el son as tres principais achegas de Roma: as vías, os acuedutos e as cloacas.

Miliarios na Via Nova. Serra do Xurés

PONTE ROMANA DE FREIXO (CELANOVA-OURENSE)