A MEMORIA DOS MORTOS NA ROMA ANTIGA

PARENTALIA E FERALIA: A MEMORIA DOS MORTOS NA ANTIGA ROMA



Columbarios de Vigna Condini. Roma

En Roma a festividade  na que se celebraba a memoria dos antepasados mortos, Parentalia, comezaba nos idus de febreiro (13) e culminaba coas Feralia o día 23. Ovidio describe polo miúdo en Fastos, 2, 533-540 o ritual funerario: nas tumbas despois de colocar coroas ofrecían pan, viño e un chisco de sal.

Est honor et tumulis, animas placare paternas,/parvaque in exstructas munera ferre pyras./Parva petunt manes: pietas pro divite grata est/munere;non avidos Styx habet ima deos./ tegula porrectis satis est velata coronis/ et sparsae fruges parcaque mica salis,/ inque mero mollita/Ceres violaeque solutae: /haec habeat media testa relicta via.

[É sinal de respecto aplacar as almas dos nosos pais e levar/ pequenas ofrendas ás tumbas e tamén ás piras que se lles erixen/ Os manes piden pouco. É agradecida a piedade en vez dunha abundante/ ofrenda. A  Estixia sin fondo non ten deuses avaros./ É de abondo unha tella cuberta cunha ofrenda de flores,/ e froitos espallados e un chisco de sal, pan abrandado en viño e pétalos de violeta:/ que os garde unha vasilla de barro deixada no medio do camiño]

O día 22 de febreiro  remataban ás festas Parentalia coa celebración das Caristia ou Caram Cognitionem, que eran un solemne banquete de toda familia en honor dos mortos.

Os Cristianos ó principio  aceptaron as festas en honor dos mortos, respetando estas mesmas datas, pero o proceso de cristianización do mundo celta, obrigou, por sentido práctico e a eficacia da mensaxe doctrinal, a trasladar esta celebración ós primeiros días de novembro.

O triunfo da morte.(1562). Brueghel O Vello

Os druidas, sacerdotes celtas, crían en efecto que, esa noite, Saman, o señor da morte, provocaba o exército dos espíritos malignos. Os druidas prendían entón grandes fogueiras, co obxecto de afastar as incomodas Sombras.

Entre os antigos celtas, Halloween era a última noite do año, noite máxica de pantasmas e bruxas pero tamén  de presaxios na que os espíritos da morte visitaban as  moradas dos vivos.

A conquista romana da gran Gran Bretaña, favoreceu que Halloween se enriquecese con elementos da festa da colleita, POMONALIA, celebrada o 1 de novembro en honor de Pomona, deusa dos froitos e das árbores.

Vertumno e Pomona. Fot. RMN

Sobreviven vestixios da festa romana da colleita no costume, habitual nos Estados Unidos e Gran Bretaña, de facer xogos utilizando froita, ou mesmo en Galicia na festa do Magosto.

Os romanos elaboran crenzas particulares arredor dos mortos e da morte, pero non se lles pasaba pola cabeza que os mortos acudisen a ver e cheirar o perfume das flores que deixaban nas súas tumbas.

A cuestión do máis alá, da inmortalidade, era unha preocupación allea, como para o home de hoxe: os epicúreos non crían nela, os estoicos, non demasiado, e a relixión oficial pecaba dun ríxido formalismo como para dar resposta a preguntas esenciais. Para o común da xente a morte era o mesmo que a nada, un soño eterno; o que relataba o imaxinario colectivo sobre a supervivencia das Sombras non máis que un conto de medo.


É distinto o sentimento que lles produce a morte, o medo dos moribundos non tanto ós castigos mitolóxicos como ó castigo dos deuses xustos, providentes e vingadores. Así cabe deducir deste texto de Valerio Máximo:

Este malvado morreu pensando nas súas perfidias e na súa ingratitude; a súa alma atópase como despelexada por un verdugo, porque sabía que os deuses do ceo ós que odiaba o ían entregar ós deuses subterráneos que o execrarían.”

Por iso os epitafios, os ritos e a arte funeraria se encargan de espallar ideas consoladoras que calmen a axitación e a angustia da hora da morte, insistindo nas súas representacións da vida como viaxe, a morte como descanso despois dunha longa viaxe, a vida como a carreira de carros no circo, a permanencia no espazo indeciso dos lindeiros entre a vida e o soño. A tumba é a morada eterna na que todo se prolonga despois de que todo remata.


A VISIÓN HOMÉRICA E VIRXILIANA DO OUTRO MUNDO

Anuncios