TEMPO E ESPAZOS DE PRACER E OCIO

“Había un tempo para cada cousa, e o pracer non era menos lexítimo que a virtude.”

Ph. Ariés e G. Duby, Historia de la vida privada. Vol I, páx. 181

 

Baños romanos de Bande (Ourense)

OS ESPECTÁCULOS E  O ESPÍRITO COMUNITARIO

O primeiro pracer para un romano era reunirse e conversar cos amigos; o espírito de comunidade, de sociabilidade, era  natural e espontáneo nos romanos primitivos. A satisfacción de pertencer a un grupo social, repartindo lealdades, responsabilidades e triunfos  responde a unha das principais arelas dos seres humanos. Só a comunidade pode proporcionar, a través das crenzas, sentimentos e valores comúns, a seguridade e sosego de espírito.

Os espectáculos na antigüidade non eran unha afección individual, como hoxe pode ser un acontecemento futbolístico, nin un pracer destinado a un público pouco culto, nin simplemente unha maneira de encher o tempo de ocio.

Os espectáculos eran ante todo unha reunión pública de cidadáns, un pracer común a todas as clases sociais, xa filósofos, xa oleiros, políticos ou carniceiros; eran case un deber social, un pasatempo vespertino vivido en comunidade, o irrenunciable pracer da convivencia. Un dereito cidadán, por tanto, de balde e garantidos polos poderes públicos da cidade que fixaban o calendario oficial.

En Roma e en cada unha das cidades que naceran ou renaceran á súa sombra, os espectáculos son un manifestación cívica fundamental. Os personaxes públicos refiren, sen se avergonzaren, a importancia que lles outorgan: houbo cidades  e mecenas que se arruinaron por construír un anfiteatro.

Nos primeiros tempos os ludi son esencialmente celebracións relixiosas, liturxias para dobregar a vontade dos deuses con vistas a acadar  o éxito e o ben da cidade; pasaron anos e consulados pero este trazo primitivo sempre perdurou: Ludi Magni que comezaban cunha ofrenda Xúpiter, os Cerealia, os de Flora, os Ludi Megalenses en honor de Cibeles.

Espectáculos de diferentes clases desempeñaron un importante papel na actividade cotiá da sociedade romana : Ludi Scaenici (representacións teatrais ), Munera Gladiatorum (combates de gladiadores) , Ludi Circenses, os máis frecuentes e populares, (xogos de circo), loitas de atletas (athletas) e  naumachiae (batallas navais).

Non obstante os combates de gladiadores hai que consideralos a parte, porque eran menos frecuentes e, por esa mesma razón, máis estimados.

Durante o espectáculo o pracer convértese en paixón: lascivia no teatro, loucura no circo, crueldade no anfiteatro, como se pode ler en S. Agostiño, Sermo 198, 3.


Anuncios