FAUNO E ONFALIA: A LUXURIA BURLADA

FAUNO E ONFALIA: A LUXURIA BURLADA

Lectura para as LUPERCALIA

Certo día á caída da tarde un louzán Hércules acompañaba a súa dona Onfalia. Fauno, que axexaba desde o cumio dun outeiro, viunos, e ó velos a paixón inflamouno como un facho, e entón falou: “ Espíritos femininos do monte non teño nada contra vos, pero esta muller si que me fai arder”. Ía Onfalia co pelo perfumado solto sobre os ombreiros e digna de admirar polo ouro do seu seo. Un rico parasol, que Hércules lle sostiña, defendíaa dos tépedos raios do sol. Pisaba xa os bosques de Baco e os viñedos de Tmolo cando a estrela da tarde montaba no seu cabalo mouro. Entra nunha cova que a natureza decoraba con tobas e árida pedra pómez. Á entrada había un regato cantarín.
 
E mentres o servizo preparaba as copas e o viño que se ía beber, ela viste a Hércules coa súa propia roupa. Ponlle a túnica transparente coloreada con múrice do norte de África, un cinturón torneado, que ata ben pouco a cinguía, demasiado corto para o contorno de Hércules. Afrouxa el os nós da túnica para poder librar as súas grandes mans. Rebentaba as pulseiras que non foran feitas para aqueles brazos. Os seus descomunais pes crevaban as febles correas das sandalias. Ela, pola súa parte, aprópiase da pesada maza e da pel do león e doutras armas máis pequenas gardadas na funda. Así que remataron a cea entregaron os seus corpos ó sono e, colocando os seus leitos a carón, deitáronse por separado, porque preparaban a cerimonia sagrada do descubremento da vide, que purificados celebrarían ó nacer o día.
 
Era media noite, ¿que non ousa o amor malvado? Fauno chega no medio da escuridade á cova refrescada polo rosada e, cando ve a servidume profundamente dormida polo viño, non perde a esperanza de que ese mesmo sopor se apoderase da raíña e o seu escolta. Entra Fauno cargado de luxuria, anda ás apalpadas dun lado para outro, adianta por precaución as súas mans e camiña, e xa chegara á estancia que ocupaban os leitos; a piques estaba de disfrutar da felicidade no primeiro intento, cando inesperadamente toca o pelo áspero do amárelo león, asústase e retira a man e bótase atrás, empurrado polo medo, como a miúdo o camiñante retira o pé sorprendido pola visión dunha serpe.
 
Despois as súas mans notaron roupa delicada na outra cama, unha falsa apreciación fíxolle perder o tino, subíu á cama e deitouse moi acoradiño, o seu pene inchou duro como un corno; entretanto con certo disimulo arremángalle a túnica pernas arriba, dábanlle noxo as pernas poboadas de pelos. Cando Fauno tentaba pasar a máis, de repente, Hércules, o héroe Tirinto, sóltalle tal moquetazo que o guinda da cama a baixo. Móntase un balbordo, Onfalia chama o servizo e pide luz. Iluminada a estancia queda a descuberto a trasnada. Fauno, que saíu polo aire desde o alto da cama, xeme e a duras penas pode levantar o seu corpo moído do chan. Pártese de risa Hércules que o ve estomballado, pártese de risa Onfalia de quen pretendía ser o seu amante. O deus enganado polos vestidos despreza agora as roupas que confunden e convoca ós ritos a todos os seus fieis espidos.

(Adaptación de José M. Otero de OVIDIO, Fastos II, 305-359)

TEXTO EN PDF PARA IMPRIMIR: FAUNO E ONFALE

 

 

Anuncios