ANIMACION, EMOCION E SUSPENSE NO CIRCO MÁXIMO (Arquitectura ocio III)

Que os mozos vaian ao Circo é natural. Os gritos, o azar, as mulleres bonitas, é o propio da súa idade.  JUVENAL

Séptimo día antes dos Idus de Marzo, a lúa mengua, case nova, brillan no ceo os nove diamantes da coroa de Líbera-Ariadna. Deixémonos engulir polo túnel do tempo, preparémonos para o festival dos Equirria, o festival do xenio de Ana Perenna na ribeira do Tiber, poderiamos revivir un ano calquera do século I d. C., ao mellor gobernaría Tito, o fillo de Vespasiano, non se podía pronunciar o nome de Nerón. Roma é máis que unha inmensa aglomeración urbana, acoden xentes de todas partes de do Imperio, resoa por toda a cidade un balbordo atronador multilingüe, milleiros de persoas pasean a súa curiosidade polos caóticos foros, procuran acalorados á fresca ribeira do Tíber, miran aturdidos as magníficas construcións das termas e os teatros, achéganse ata o Coloseo como se fose o umbilicus do universo; polo imperio corría a lenda de que nel atopábase a caldeira da fama.

Pero o que nos arrastra a Roma, acariñada polo sol manso de marzo, é a vértixe da velocidade, o espectáculo dos ludi circenses, a animación, as apostas (sponsiones), a emoción , o suspense, e, guiados polo Ars Amandi, libriño de éxito eterno, a seguridade no éxito de algunha aventura amorosa ao calor da paixón do espectáculo.

Por iso, deixamos precipitadamente, despois de que correse moito viño, a herba fresca das pradeiras do río, ansiosos de emocións fortes, e tomamos o Velabrum para desde o Foro Boario coller o camiño ao Circo Máximo.

Reconstrución ideal do Circo Máximo

Entramos ao Circo pola porta festiva, aos dous lados contamos catro carceres, desde as que saen os carros para iniciar as carreiras. Os axudantes dos aurigas (agitatores) andan metidos en faena, nervosos, uns acariñan os cabalos, outros vixían a seguridade das rodas e os arrastres. A curiosidade fainos mover como furafollas, os ollos dun lado a outro, para arriba e para baixo, como se fosen áxiles periscopios.

Xa sentados nunha localidade de privilexio na cavea, vemos a pista e a mirada crávasenos na spina que adorna con magnificencia a liña central da pista de carreiras; nos seus extremos, tres columnas cónicas (metae), sobre bases semicirculares e estanques de auga. Un rosario de adornos ocupan o espazo entre as metae: obeliscos que que desafían a altura como se convocan a presenza das divindades, santuarios, canos de auga en forma de delfíns na honra de Neptuno, tamén un altar con sete obxectos que teñen forma de ovo, en lembranza de Cástor e Pólux.

Todo aparece preparado para o espectáculo, o griterio xeral celebra a chegada da familia imperial para ocupar os sitios de honra no pulvinar. Desfilan os aurigas, como unha procesión ritual multicolor (factiones albata-branca-, rossata -vermella-, prasina-verde- e veneta-azul-), ata se disporen para a saída. Os espectadores ferven. O árbitro, sentado nun anfiteatro, sobre a entrada principal, deixa caer un pano branco, e os carros saen fungando como balas. Cada certo tempo a música da orquesta  situada nos oppida marca a intensidade da emoción ou anima os intermedios entre carreiras; hanse completar ata sete pistas (missus); os carros atráncanse entre eles, envorcan, aurigas pola area, sangue, acoden as asistencias, rodas soltas que saltan enloquecidas dos eixos, cabalos que se libran do auriga e das rendas. Os cabalos do auriga que encabeza a carreira libran con maestría milimétrica a meta, un murmurio de admiración desprégase como unha ondada pola cavea abarrotada; van caendo os delfíns marcadores, un dous, ata sete;  o final é apretado, o que dobra segundo na última meta “erupit et vincit”, gloria e honor para o vencedor.

Non acertamos nas apostas, pero ben nos foi coa emoción e coas boas migas que fixemos seguindo as recomendacións de noso amado Ovidio. Agora esperamos chegar as termas para limparnos o po  e relaxarnos, mentres nos espera unha boa cea na casa de Apicio a quen lle ofrecemos como agasallo de hospitalidade garum de rincha , elaborado en Vicus  nun salgadouro das salinas do Areal.

Anuncios