A triste historia de amor de Pico e Vozmelodiosa

PICO, A AMARGA

SEDUCCIÓN DA MEIGA

CIRCE

(Adaptación de OVIDIO. METAMORFOSIS, XIV, vv. 320 e ss.)

PETO (Picus viridis), ave insectívora da familia dos pícidos, de cor amarela verdosa, voo ondulante e peteiro derito e grande co que peta no toro das árbores vellas para facer o furado onde contruir o niño; paxaro carpinteiro, picapau, piquelo, pito verdeal, pito verdello…

Pico, herdeiro do rico Saturno, era o rei das terras e bosques que regaban o Tíber, o Anio, e o Almón. Espertaban a súa curiosidade os cabalos que eran útiles para a guerra, e a eles lles dedicaba un bo tempo da súa vida, pero era o atractivo da súa figura, a xentileza e a bravura de ánimo o que engaiolaba a mozas e deusas.
Non tería máis alá de vinte anos, as Dríades dos montes de Italia suspiraban por Pico; as Náiades dos ríos, dos lagos e das fontes procuraban sen pudor a ocasión de atoparse con el e gañar a súa atención; pero el só tiña ollos para a filla de Xano e Venilia, a ninfa de doce voz que nacera no outeiro do Palatino.
Concedéronlla a Pico, preferido entre todos os pretendentes latinos, cando chegou o tempo de casar; a ninfa era dunha beleza resplandecente, pero moito máis o era o seu talento para o canto, tanto que todos lle chamaban “Vozmelodiosa”: co seu canto estremecíanse os bosques, as pedras, acalmaba as feras, detiña os caudalosos ríos, e facía calar os chíos dos paxaros.
Mentres ela maduraba o seu talento afinando a súa voz cristalina, Pico saía cos criados polos campos do Lacio por ver de cazar algún xabaril; montaba un cabalo moi vivo e veloz, brandindo na man esquerda dúas lanzas; un mantón de púrpura prendido cun broche dourado cubríalle o corpo xentil.



Polo espeso arboredo andaba tamén Circe, a filla do Sol, repañando as herbas das fértiles montañas para feitizos, porque escaseaban xa nos campos da súa propiedade. Ó ver o mozo Pico, fascinada por tanta fermosura, escóndese entre os matos para velo ás agachadas; coa a excitación e o desasosego cáenlle das mans as herbas que recollera, e sente como un chama lle arde no máis íntimo do seu ser. SEGUIR LENDOLECTURAS PARA O TEMPO DAS LUPERCAIS 

Anuncios