OS ROMANOS, MÁIS RELIXIOSOS QUE OS MESMOS DEUSES

NECESSE EST FATIGARE DEOS

(É PRECISO IMPORTUNAR ÓS DEUSES)

Visita : Dos númina ós deuses

O romano concibe os seus deuses nun aspecto estrictamente  funcional polo que se ve  obrigado a multiplicalos e especificalos para que respondan a todas as necesidades da súa existencia, ós cambios da vida social, ás recomendacións mesmas da política….
Como era imposible que o home puidese atraer e conciliar toda esa multitude de deuses, o crente temía esas forzas misteriosas e vagas. Temíaas pero era difícil que as amase. Nesta relixión non tiñan cabida as emocións afectivas; todo se reducía a un cerimonial que había que seguir e obedecer nos mínimos detalles. Este cerimonial nunca estivo exento do carácter máxico que obrigaba ó poder ó que ía dirixido. 
José Guillén. Urbs Roma III.

O pobo romano primitivo era unha comunidade agrícola de familias unidas.  As comunidades agrícolas viven unha relixión animista, o que quere dicir que  recoñecen espíritos, potencias divinas, presenzas (numina), mentres os deuses antropomórficos lles resultan inimaxinables pola súa maneira de entender o mundo.  O numen tiña o seu escenario propio onde manifestar o poder: un bosque, o paso dun monte, unha fonte: Silvano, Portumno, Neptuno. Os numina son espíritos que interveñen na actividade comunal, que teñen o poder de compracer cando son requiridos ritualmente. Espertan  certo sentimento de pavor ou escrúpulos (religio), pero a súa relación cos homes é bondadosa. (Para seguir lendo: NECESSE EST FATIGARE DEOS)

COLECCIÓN DE TEXTOS  e IMAXES PARA ENTENDER O SENTIDO DA RELIXIÓN DOS ANTIGOS ROMANOS 

(Ler: relixión romana, cuestións fundamentais)

Anuncios

O TEATRO ROMANO, UN ESPAZO MÁXICO DE REALISMO E RISA

 


 

 

Nas bancadas estala ás veces unha violenta protesta, porque eses inmensos lugares de reunión, nos que a elite se xunta co pobo e o adula, non perden nunca unha función política. Emperadores e maxistrados sondan a súa popularidade diante dun público revoltoso e esixente

                      Roger Hanoune e John Scheid. La Roma Antigua

Aristócratas, cabaleiros, plebeios, soldados e escravos, homes e mulleres viven  a resaca dos ludi na honra de Flora culminados o día 3 de maio. Corre o ano 212 a. C, pero podería ser tamén os 202, cando aínda fumegaban os cadáveres do exército cartaxinés nas chairas de Zama. As prostitutas romanas exhibíranse en danzas lascivas, completamente espidas polas rúas de Roma. Os habitantes da Urbs aínda no acabaran de recuperarse dos grandes desastres da segunda Guerra Púnica e vivían os pesadelos da pantasma de Aníbal. Pero é primavera, retornan de novo as forzas da fecundidade,  ninguén se atrevería a prohibir un espectáculo tan carnal e luxurioso polo medo de que o ano resultase estéril.

Máscaras teatro. Mosaico. Museos Capitolinos. Roma. Fot. José M. Otero

Desde agora non se conciben en Roma ludi sen representacións teatrais. Plauto elabora todo o seu teatro nos días máis sombríos da segunda Guerra Púnica. Polo imaxinario do teatro plautino pululan comerciantes enriquecidos, prostitutas insaciables, mozos que devoran o patrimonio familiar con desenfreada luxuria, escravos espabilados que colaboraban desinteresadamente, vellos ilusos fuxidos de esposas agobiantes e carcamales… pero a atmosfera escénica era grega, porque dificilmente se toleraría un retrato vivo da vida social romana do momento, nin tampouco alusións políticas satíricas ao estilo de Aristófanes na Atenas de Pericles.

Frons scenae do teatro de Mérida. Fot. José M.Otero

As feridas psicolóxicas de calquera guerra requiren para ser curadas dun tratamento que conxugue  con maestría a partes iguais maxia e realismo. Esa medicina socialmente necesaria elabórase con enxeño na alquimia do laboratorio teatral.

O teatro é un universo encantado, donde a moral cotidiana campa con liberdade, porque non hai regras que a conteñan. Os espectadores vense transportados a un mundo onde non hai nada imposible, nel a natureza renuncia ás leis máis elementais: todo resulta un milagro, unha explosión de xúbilo colectivo, risa liberadora.

O pobo quere deseperadamente que o soño se torne realidade, dá o mesmo como sexa o soño: cruel, indecente, voluptuoso, magnífico, poético. E este desexo ha ser colmado, porque, de non ser así, o maxistrado responsable será víctima dunha sonora e interminable pitada que abrirá a tumba na que durmirán eternamente as aspiracións dunha longa carreira política.