O TEATRO ROMANO, UN ESPAZO MÁXICO DE REALISMO E RISA

 


 

 

Nas bancadas estala ás veces unha violenta protesta, porque eses inmensos lugares de reunión, nos que a elite se xunta co pobo e o adula, non perden nunca unha función política. Emperadores e maxistrados sondan a súa popularidade diante dun público revoltoso e esixente

                      Roger Hanoune e John Scheid. La Roma Antigua

Aristócratas, cabaleiros, plebeios, soldados e escravos, homes e mulleres viven  a resaca dos ludi na honra de Flora culminados o día 3 de maio. Corre o ano 212 a. C, pero podería ser tamén os 202, cando aínda fumegaban os cadáveres do exército cartaxinés nas chairas de Zama. As prostitutas romanas exhibíranse en danzas lascivas, completamente espidas polas rúas de Roma. Os habitantes da Urbs aínda no acabaran de recuperarse dos grandes desastres da segunda Guerra Púnica e vivían os pesadelos da pantasma de Aníbal. Pero é primavera, retornan de novo as forzas da fecundidade,  ninguén se atrevería a prohibir un espectáculo tan carnal e luxurioso polo medo de que o ano resultase estéril.

Máscaras teatro. Mosaico. Museos Capitolinos. Roma. Fot. José M. Otero

Desde agora non se conciben en Roma ludi sen representacións teatrais. Plauto elabora todo o seu teatro nos días máis sombríos da segunda Guerra Púnica. Polo imaxinario do teatro plautino pululan comerciantes enriquecidos, prostitutas insaciables, mozos que devoran o patrimonio familiar con desenfreada luxuria, escravos espabilados que colaboraban desinteresadamente, vellos ilusos fuxidos de esposas agobiantes e carcamales… pero a atmosfera escénica era grega, porque dificilmente se toleraría un retrato vivo da vida social romana do momento, nin tampouco alusións políticas satíricas ao estilo de Aristófanes na Atenas de Pericles.

Frons scenae do teatro de Mérida. Fot. José M.Otero

As feridas psicolóxicas de calquera guerra requiren para ser curadas dun tratamento que conxugue  con maestría a partes iguais maxia e realismo. Esa medicina socialmente necesaria elabórase con enxeño na alquimia do laboratorio teatral.

O teatro é un universo encantado, donde a moral cotidiana campa con liberdade, porque non hai regras que a conteñan. Os espectadores vense transportados a un mundo onde non hai nada imposible, nel a natureza renuncia ás leis máis elementais: todo resulta un milagro, unha explosión de xúbilo colectivo, risa liberadora.

O pobo quere deseperadamente que o soño se torne realidade, dá o mesmo como sexa o soño: cruel, indecente, voluptuoso, magnífico, poético. E este desexo ha ser colmado, porque, de non ser así, o maxistrado responsable será víctima dunha sonora e interminable pitada que abrirá a tumba na que durmirán eternamente as aspiracións dunha longa carreira política.


Anuncios