PRACERES INVERNAIS, OU A FELICIDADE

o

Non houbo poeta que mellor coñecese o prezo da felicidade que Horacio, e ben sabía que non está na man de calquera conseguila, porque só é accesible a unha minoría.  A vida axitada da urbe só lle produce desprezo a quen busca nunha pequena casa de campo da Sabina a tranquila felicidade. Si, ten un obxectivo seguro: a necesidade de gozar cada día que pasa como se fose o último. Unha fórmula que non sempre foi ben comprendida;  moitos pensaron que o obxectivo vital do poeta eran os praceres vulgares da existencia. Pero esta fórmula nace como resultado dunha fonda reflexión moral sobre unha sociedade que vive en constante axitación desde que el era neno: fronte ós incentivos da ambición e o heroismo prefire  a paz e a liberdade de espírito e de corazón, aliados coa amizade, proclamada polo epicureismo, indispensable para o pracer. Horacio atopa este pracer na creación poética.

“O ánimo  orientado ó presente evite a inquedanza polo futuro e atempere os pesares con sorrisos.”

 

Ves como loce branco o Soracte con neve

na cima e como os frondosos xardíns     

perden a exhuberancia e os ríos    

cristalizan conxelados.

Espanta o frío botando  leña  no lume     

en abundancia e  saca,  Taliarco,

amablemente  da cántara sabina ,     

o viño de catro anos.

Deixa o resto nas mans dos deuses, que a  un tempo

acalmaron os ventos embravecidos no mar 

tormentoso, e non bambean  

os cipreses nin  os vellos ulmeiros. 

Déixate de preguntar que pasará mañá 

e calquera día que a fortuna che regale, cóntao

 como ganancia; non despreces, 

 rapaz, os doces amores nin o baile     

mentres  as morosas canas  quedan lonxe

do vigor xuvenil. Agora procura o Campo de Marte, 

as prazas e os suaves suspiros 

da noite na hora convida, 

agora   tamén   as agradables risiñas  

delatoras  da moza que se agacha no íntimo recanto

e  a prenda de amor arrebatada dos seus brazos

 ou do dedo maliciosamente picarón.

HORACIO, Odas, I, 9

Anuncios