ORFEO E EURÍDICE: O AMOR FRUSTRADO

portblog

amorc

Polo ceo inmenso, cuberto cunha capa cor azafrán, voa Himeneo, que se encamíña ó territorio dos Cicóns. En van o chama a voz de Orfeo. Presidiu a cerimonia nupcial de Orfeo e Eurídice, pero non trouxo palabras solemnes, nin cara de ledicia, nin bos presaxios; mesmo o facho, que tiña na man, foi só faíscas de fume lacrimoso e non houbo xeito, nin por moito abanalo, de que a chama prendese.

O desenlace foi máis grave có augurio. Pois, mentres a noiva corría polo prado seguida dun séquito de náiades, unha serpe pícalle no nocello, e morre. Despois de chorala o poeta tracio no mundo dos vivos, para probar tamén el mesmo o das sombras, ousou descender pola porta do Ténaro ata a Estixia, e, polo medio dos ingrávidos espíritos e espectros xa sepultados, chegou diante de Perséfone e do señor que domina o inhóspito imperio das sombras, alí acompañado da música da lira, canta:

Óu, divindades do mundo escuro
onde vimos caer todos os que nacemos mortais,
se é lícito, e vós me permitides que diga a verdade
deixándome de  ambigua palabrería,
non baixei aquí para coñecer o escuro Tártaro,
nin para amarrar as tres cabezas de serpes do monstro Cérvero.
A razón da viaxe é a miña esposa, a quen unha víbora,
ó ser pisada, envelenou e privou dunha vida futura.
Quixen aguantar, non vou dicir que non o tentei, pero gañou Amor.
É este un deus ben coñecido no mundo dos vivos.
Non sei se o é aquí, pero presinto que aquí tamén o é;
se non é falsa a lenda do antigo rapto, a vós tamén vos xuntou Amor.

Por estes espazos cheos de temor,
por este Caos inmenso e o silencio deste reino interminable,
pídovolo, tecede de novo o destino precipitado de Eurídice.
Todo é voso cumprido o prazo e, tarde ou cedo,
todos acabamos aquí; esta é a última morada, e vós
sodes os amos dos máis vastos territorios do xénero humano.
Ela tamén será da vosa propiedade cando, adulta, teña cumprido
os anos xustos: pídovos como recompensa que ma deixedes levar.
E se os fados non dan consentimento para que a miña esposa me acompañe,
estou decidido a non retornar eu tampouco: gozade así coa morte dos dous”

Para seguir lendo: orfeopdf

Anuncios

UNHA COPA CHEA DE VIDA

penasenviño

Adde merum vinoque novos compesce dolores [Sirve un bo viño, afoga en viño as penas recentes] Tib. I, 2

1279249169255-copa-de-vino

Acúdeme, lúcido Baco, (xa teñas sempre

a  vide do delirio, xa leves  as sens cinguidas de hedra).

Libérame da miña dor ti mesmo cunha copa chea de vida:

A cada paso o amor  claudica vencido polo viño.

Amable criatura, reborden de viño xeneroso as copas

e sírvenos  Falernos con man espléndida.

Ide lonxe, penosa estirpe de coitas, ídevos amarguras:

que brille, montado nos seus cabalos brancos, o sol Apolo.

…….

Nada me preocupas xa, Neera (1),

que sexas feliz, e luminoso o teu destino.

…………..

Chega, despois de moitos días, a calma.

Velázquez_-_El_Triunfo_de_Baco_o_Los_Borrachos_(Museo_del_Prado,_1628-29)

Velázquez - El Triunfo de Baco o Los Borrachos (Museo del Prado, 1628-29) 

(1) ¿Neera= a poetisa Sulpicia? En todo caso, a muller do enigmático Lígdamo, posible autor do poema. Exemplificación do tipo de muller de familia noble: provocativa, amante das riquezas, fermosa e desleal, que pretende dominar o mundo cos seus encantos, pero que a fin só consegue a fama grazas ós versos do poeta.

TIBULO, Carmina, (Corp. Tib.) III, 6, 1-8 , 29-30 e 32

TIBULO (PDF)

O DESTINO E OS PRACERES EFÍMEROS

IMG_1247

sodoma--die-drei-parzen-793851

O destino inexorable do home atemperase cos praceres efímeros. Un xogo entre o desánimo e a afirmación. “Aurea mediocritas”, o punto medio entre o éxito e a miseria, o temor e a insolencia.

Lémbrate de manter o ánimo sereo

no infortunio, na felicidade,

controlar a insolente ledicia, 

Delio, pois vas  morrer,

 xa vivas agoniado cada momento da túa vida ,

xa, deitado nun prado retirado  nos días

 felices, te comprazas saboreando

o máis delicado viño de Falerno.

¿Por que o alto pino e o chopo prateado gustan

trenzar sombra acolledora

coa súa ramaxe? ¿Por que  no río

sinuoso a auga fugaz  flúe rápida?

Ordena servir  viño e ungüentos

e deliciosas rosas de efímera frescura

mentres  o permitan os teus negocios, a túa idade

e os negros fíos  do Destino.

Deixarás os soutos que compraches e a casa

e a túa granxa,  que  rega o rubio Tiber;

deixaralos, e un herdeiro farase dono

das riquezas que ti acumulaches.

Xa foses fillo do mítico Inaco,

xa, coitado de familia pobre,

vivises ó sereo, nada importa,

nada, vítima do inmisericorde Demo da Morte.

Todos acabamos no mesmo lugar, o gobelete

remove os dados,  máis tarde ou máis cedo

vai caer a sorte de todos

e só queda embarcar cara ó exilio eterno.

Horacio, Oda II, 3. Trad. José M. Otero

A LUXURIA BURLADA

a luxuria

Lectura para as LUPERCALIA

hercules leon

Certo día á caída da tarde un louzán Hércules acompañaba a súa dona Onfalia. Fauno, que axexaba desde o cumio dun outeiro, viunos, e ó velos a paixón inflamouno como un facho, e entón falou: “ Espíritos femininos do monte non teño nada contra vos, pero esta muller si que me fai arder”. Ía Onfalia co pelo perfumado solto sobre os ombreiros e digna de admirar polo ouro do seu seo. Un rico parasol, que Hércules lle sostiña, defendíaa dos tépedos raios do sol. Pisaba xa os bosques de Baco e os viñedos de Tmolo cando a estrela da tarde montaba no seu cabalo mouro. Entra nunha cova que a natureza decoraba con tobas e árida pedra pómez. Á entrada había un regato cantarín.

E mentres o servizo preparaba as copas e o viño que se ía beber, ela viste a Hércules coa súa propia roupa. Ponlle a túnica transparente coloreada con múrice do norte de África, un cinturón torneado, que ata ben pouco a cinguía, demasiado corto para o contorno de Hércules. Afrouxa el os nós da túnica para poder librar as súas grandes mans. Rebentaba as pulseiras que non foran feitas para aqueles brazos. Os seus descomunais pes crevaban as febles correas das sandalias. Ela, pola súa parte, aprópiase da pesada maza e da pel do león e doutras armas máis pequenas gardadas na funda. Así que remataron a cea entregaron os seus corpos ó sono e, colocando os seus leitos a carón, deitáronse por separado, porque preparaban a cerimonia sagrada do descubremento da vide, que purificados celebrarían ó nacer o día.

francois-boucher-hercules-and-omphale

Era media noite, ¿que non ousa o amor malvado? Fauno chega no medio da escuridade á cova refrescada polo rosada e, cando ve a servidume profundamente dormida polo viño, non perde a esperanza de que ese mesmo sopor se apoderase da raíña e o seu escolta. Entra Fauno cargado de luxuria, anda ás apalpadas dun lado para outro, adianta por precaución as súas mans e camiña, e xa chegara á estancia que ocupaban os leitos; a piques estaba de disfrutar da felicidade no primeiro intento, cando inesperadamente toca o pelo áspero do amárelo león, asústase e retira a man e bótase atrás, empurrado polo medo, como a miúdo o camiñante retira o pé sorprendido pola visión dunha serpe.

Despois as súas mans notaron roupa delicada na outra cama, unha falsa apreciación fíxolle perder o tino, subíu á cama e deitouse moi acoradiño, o seu pene inchou duro como un corno; entretanto con certo disimulo arremángalle a túnica pernas arriba, dábanlle noxo as pernas poboadas de pelos. Cando Fauno tentaba pasar a máis, de repente, Hércules, o héroe Tirinto, sóltalle tal moquetazo que o guinda da cama a baixo. Móntase un balbordo, Onfalia chama o servizo e pide luz. Iluminada a estancia queda a descuberto a trasnada. Fauno, que saíu polo aire desde o alto da cama, xeme e a duras penas pode levantar o seu corpo moído do chan. Pártese de risa Hércules que o ve estomballado, pártese de risa Onfalia de quen pretendía ser o seu amante. O deus enganado polos vestidos despreza agora as roupas que confunden e convoca espidos ós ritos a todos os seus fieis .

(Adaptación de José M. Otero de OVIDIO, Fastos II, 305-359)

TEXTO EN PDF PARA IMPRIMIR: 

FAUNO E ONFALE

AMARGA SEDUCCIÓN

solpor

PETOPICO
E VOZMELODIOSA

(Adaptación de OVIDIO. METAMORFOSIS, XIV, vv. 320 e ss.)

PETO (Picus viridis), ave insectívora da familia dos pícidos, de cor amarela verdosa, voo ondulante e peteiro dereito e grande co que peta no toro das árbores vellas para facer o furado onde contruir o niño; paxaro carpinteiro, picapau, piquelo, pito verdeal, pito verdello…

PETOPICO, herdeiro do rico Saturno, era o rei das terras e bosques que regaban o Tíber, o Anio e o Almón. Espertaban a súa curiosidade os cabalos que eran útiles para a guerra, e a eles lles dedicaba un bo tempo da súa vida, pero era o atractivo da súa figura, a xentileza e a bravura de ánimo o que engaiolaba a mozas e deusas.
Non tería máis alá de vinte anos, as Dríades dos montes de Italia suspiraban por Petopico; as Náiades dos ríos, dos lagos e das fontes procuraban sen pudor a ocasión de atoparse con el e gañar a súa atención; pero el só tiña ollos para a filla de Iano e Venilia, a ninfa de doce voz que nacera no outeiro do Palatino.

Concedéronlla a Petopico, preferido entre todos os pretendentes latinos, cando chegou o tempo de casar; a ninfa era dunha beleza resplandecente, pero moito máis o era o seu talento para o canto, tanto que todos lle chamaban “Vozmelodiosa”: co seu canto estremecíanse os bosques, as pedras, acalmaba as feras, detiña os caudalosos ríos, e facía calar os chíos dos paxaros.
Mentres ela maduraba o seu talento afinando a súa voz cristalina, Petopico saía cos criados polos campos do Lacio por ver de cazar algún xabaril; montaba un cabalo moi vivo e veloz, brandindo na man esquerda dúas lanzas; un mantón de púrpura prendido cun broche dourado cubríalle o corpo xentil.



Polo espeso arboredo andaba tamén Circe, a filla do Sol, repañando as herbas das fértiles montañas para feitizos, porque escaseaban xa nos campos da súa propiedade. Ó ver o mozo Petopico, fascinada por tanta fermosura, escóndese entre os matos para velo ás agachadas; coa a excitación e o desasosego cáenlle das mans as herbas que recollera, e sente como un chama lle arde no máis íntimo do seu ser. SEGUIR LENDO