APOLO E DAFNE: O AMOR ESQUIVO

apollo_daphne_albani_louvreportada

 

2008040712395766[1] (1)

 

O primeiro amor de Apolo, que non llo deu a cega fortuna senón a violenta cólera de Cupido, foi Dafne, filla de Peneo. O de Delos, farruco por vencer un dragón, vira a Cupido dobrar os extremos do arco tensando a corda e dixéralle: ”Que fas, picariño, con armas de forzudos? Ese esforzo vaille ben ós meus brazos, que podo abater con tino monstros e inimigos, non hai moito matei, inflado a frechazos, a Pitón, que aflixía co seu bafo mortal campos inmensos. Ti, conténtate con excitar co teu facho descoñecidos amores e non te empeñes en emular a miña gloria”.

A el respóndelle o fillo de Venus:” Fira o teu arco a todos, o meu a ti; e en tanto que todos os seres vivos se renden a un deus, desmerece a  túa gloria comparada coa miña”.

Acabou de falar e, cruzando o ceo a golpe de ás, pousou lixeiro no cume sombrío do Parnaso e desde a alxaba cargada lanzou dúas frechas de efecto diverso: unha espanta o amor, a outra atráeo; a que o atrae é de ouro e brilla na afiada punta, a que o espanta é roma e ten chumbo na cana; o deus cravou con esta a ninfa,filla de Peneo, pero coa outra feriu, atravesándolle os ósos, o máis íntimo de Apolo; de repente el ama, evita ela o nome de amante gozando da espesura da selva e dos despoxos das alimarias que cazaba, émula da virxinal Febe; unha fita cingue os seus cabelos desguedellados. Moitos a pretenderon, ela, despectiva cos pretendentes, incapaz de aturar marido, anda por bosques tupidos e non coida que significa Himen, que Amor, que matrimonio. Moitas veces o seu pai lle dixo:”Débesme un xenro, filla”. Moitas veces o seu pai lle dixo: “Débesme, filla, un neto”.

Ela, que odiaba os fachos nupciais como un desdouro, deixaba ver o fermoso rostro acorado de tímido rubor e nos brandos brazos do seu pai, collida do seu colo, dixo: “Concédeme gozar, queridísimo pai, dunha virxindade perpetua; isto concedeulle antes  o seu pai a Diana”.  

Seguir lendo:  APOLO E DAFNE 

XIR81895

 

Anuncios