MAIO FRIVOLO, LIBERTINO E FESTIVO


A festa en honor da deusa Flora formaba parte, polo menos na Roma primitiva, dun conxunto de prácticas destinadas a convocar a primavera e o favor dos deuses protectores do campo nas recolleitas vindeiras. Xa no tempo dos reis estas festas deberon seguir ás das Robigalia.

A este tempo primitivo debemos referirnos se queremos entender o sentido de certos ritos que se perpetuaron no tempo: alumear coa luz de numerosos fachos os xogos da deusa que se prolongaban na noite, ou aquela outra pola que as mulleres se poñían vestidos cheos de vivo colorido; ou a de botar entre a multitude grans secos de ervellas, fabas, pementos, chícharos bravos, para conseguir da terra os dons que ela regala. Ou tamén a de soltar e perseguir á carreira lebres e cabras, animais de temperamento erótico.
Estas prácticas son simbólicas, expresan mesmo o carácter de Flora que representa a explosión e a variedade da vexetación grazas a puxanza do sol.
Comezaban o 28 de abril aínda que no século IV a. C. celebrábanse desde o 30 de abril o tres de maio. As festas iniciábanse con xogos escénicos e terminaban con xogos de circo e o sacrificio da deusa Flora. Estas festas foron sempre moi ruidosas e licenciosas; no último século da República unas prostitutas atendían a solicitude da xente para se mostrar espidas.

 


 

Este texto de Ovidio en Fastos V, 331-379 pode axudarnos a entender unha parte bastante significativa de todo o que vimos de decir:

” FLORA non  é unha deusa severa, e así os regalos que trae se prestan á frivolidade, por iso nestas festas das Floralia hai  libertinaxe e bromas divertidas.

As tempas dos que beberon cínguense de grilandas tramadas e as mesas relocen cubertas de rosas espalladas; o comensal baila borracho co pelo recollido por unha coroa de tileiro e abusa imprudentemente da graza do viño; canta o borracho diante da porta da súa fermosa amiga, brandas grilandas sosteñen os cabelos perfumados. Nada serio se  fai coa fronte coroada, e os que se cinguen con flores non beben auga pura. Baco é afeccionado ás flores. A Flora vaille ben unha escena sinxela; non é vaidosa.

A deusa non é das que practica actividades lúgubres nin importantes; desexa que os seus ritos estean abertos a todo o mundo e aconsella aproveitarse do esplendor da vida mentres está en flor, pois tiramos as espiñas cando xa murcharon as rosas. Esta é a razón pola que asisten a elas unha multitude de prostitutas.

flora23

Nas festas de Ceres  regalábanse vestidos brancos, porque os campos se poñen brancos cando maduran as espigas. Flora vístese de mil cores  como un prado de florido.

Fogueiras e fachos alumean noite e día. Pois se os campos se visten con flores de púrpura, parece apropiado que o lume enchese de luz os días que se me dedicaban, explica Flora, ou tamén porque as flores como as chamas non teñen cores apagadas e ambos brillos atraen as miradas; ou  ben porque ós nosos praceres venlle ben a libertinaxe nocturna. Esta parece ser a verdadeira razón.

Ó preguntarlle a Flora por que encerraba nas redes pacíficas cabuxas e solícitas lebres, respondeume que a ela correspondíanlle os xardíns e os campos onde non entran feras agresivas, e non as selvas. E foise na brisa sutil.”

Ler tamén: O espírito da árbore

Anuncios

A MAXIA DAS FLORES NOS BANQUETES ROMANOS

 

A mesa e o comedor para os romanos eran un espazo sagrado e, en consecuencia, a comida un acto relixioso, cos seus rituais pautados ata no seu mínimo detalle, unha festa coa presenza continuada dos deuses, na que, dun xeito curioso, se mesturaban o relixioso e o profano.

 

 

Para os antigos romanos a mesa simbolizaba a terra portadora de alimentos, polo que o comedor resultaba ser a representación do cosmos, onde a mesa, como a terra, ocupa o centro do universo. Nerón, cando constrúe o comedor da Domus aurea, concíbeo á imaxe do universo; unha inxeñosa tramoia no teito de láminas móbiles de madeira esparexía perfumes e flores que parecían caer teatralmente do ceo.

Neste universo miniaturizado todos os rituais tiñan como obxectivo a reconciliación cos deuses. Os deuses só atendían a aqueles fieis limpos física e moralmente. Eran inevitables, polo tanto, ritos de purificación para que este cosmos quedase libre de sortilexios e malos espíritos que puidesen interromper a comunicación fluída coas divindades.

 

 

Era crenza xeneralizada entre os antigos que as flores e as fragrancias tiñan este poder purificador, de aí o costume de asperxer polo chan das salas infusión de verbena ou herba de Venus, xa que o seu recendo trasmite alegría ós comensais, trae a paz e afasta as envexas, pero, por enriba de todo, tiña os efectos purificadores que procuraban os que compartían triclinio. Outras veces ciscaban pétalos de flores: das rosas da divindade, da flor de lis, contra os fungos velenosos e as enrugas, de violetas da inmortalidade. Os inmortais, que non coñecen a fame nin a morte, aliméntanse de olores e perfumes, privilexio e sinal da súa condición, pois os mortais han de se repartir as vísceras cocidas no asador e a carne sanguenta do sacrificio.

 

 

Entre todas as flores de calquera xardín había unha especial que non podía faltar en ningún banquete, a flor do azafrán, xa en coroas ou mesturada co viño; o seu cheiro tiña o poder de previr a borracheira e regalar un doce sono a aqueles convidados que se deixaran tentar en exceso polo pracer da bebida. O azafrán é a metamorfose do sangue de Croco, a lembranza da súa cabeleira dourada, un agasallo dun imprudente  Mercurio apenado de lle provocar a morte.

Antes e despois de cada comida todos os convidados realizaban rituais de purificación, tomaban un baño antes de comer e pasaban por auga as mans ó rematar. Os escravos estaban á disposición dos convidados para lavábarlles os pés, limpiárlles a uñas e perfumalos.

Sería fácil pensar no sentido hixiénico destes hábitos, considerados coherentemente, teñen todas as trazas dun cerimonial de purificación, física e moral, que acabará pasando a tradición cristiana e a outras, deixando na actualidade pegadas aínda  moi vivas nas distintas festas e celebracións sociais.

Bibliografía: Jean-Nöel Robert. Los placeres en Roma. Edaf-. 1992