MAIO FRIVOLO, LIBERTINO E FESTIVO


A festa en honor da deusa Flora formaba parte, polo menos na Roma primitiva, dun conxunto de prácticas destinadas a convocar a primavera e o favor dos deuses protectores do campo nas recolleitas vindeiras. Xa no tempo dos reis estas festas deberon seguir ás das Robigalia.

A este tempo primitivo debemos referirnos se queremos entender o sentido de certos ritos que se perpetuaron no tempo: alumear coa luz de numerosos fachos os xogos da deusa que se prolongaban na noite, ou aquela outra pola que as mulleres se poñían vestidos cheos de vivo colorido; ou a de botar entre a multitude grans secos de ervellas, fabas, pementos, chícharos bravos, para conseguir da terra os dons que ela regala. Ou tamén a de soltar e perseguir á carreira lebres e cabras, animais de temperamento erótico.
Estas prácticas son simbólicas, expresan mesmo o carácter de Flora que representa a explosión e a variedade da vexetación grazas a puxanza do sol.
Comezaban o 28 de abril aínda que no século IV a. C. celebrábanse desde o 30 de abril o tres de maio. As festas iniciábanse con xogos escénicos e terminaban con xogos de circo e o sacrificio da deusa Flora. Estas festas foron sempre moi ruidosas e licenciosas; no último século da República unas prostitutas atendían a solicitude da xente para se mostrar espidas.

 


 

Este texto de Ovidio en Fastos V, 331-379 pode axudarnos a entender unha parte bastante significativa de todo o que vimos de decir:

” FLORA non  é unha deusa severa, e así os regalos que trae se prestan á frivolidade, por iso nestas festas das Floralia hai  libertinaxe e bromas divertidas.

As tempas dos que beberon cínguense de grilandas tramadas e as mesas relocen cubertas de rosas espalladas; o comensal baila borracho co pelo recollido por unha coroa de tileiro e abusa imprudentemente da graza do viño; canta o borracho diante da porta da súa fermosa amiga, brandas grilandas sosteñen os cabelos perfumados. Nada serio se  fai coa fronte coroada, e os que se cinguen con flores non beben auga pura. Baco é afeccionado ás flores. A Flora vaille ben unha escena sinxela; non é vaidosa.

A deusa non é das que practica actividades lúgubres nin importantes; desexa que os seus ritos estean abertos a todo o mundo e aconsella aproveitarse do esplendor da vida mentres está en flor, pois tiramos as espiñas cando xa murcharon as rosas. Esta é a razón pola que asisten a elas unha multitude de prostitutas.

flora23

Nas festas de Ceres  regalábanse vestidos brancos, porque os campos se poñen brancos cando maduran as espigas. Flora vístese de mil cores  como un prado de florido.

Fogueiras e fachos alumean noite e día. Pois se os campos se visten con flores de púrpura, parece apropiado que o lume enchese de luz os días que se me dedicaban, explica Flora, ou tamén porque as flores como as chamas non teñen cores apagadas e ambos brillos atraen as miradas; ou  ben porque ós nosos praceres venlle ben a libertinaxe nocturna. Esta parece ser a verdadeira razón.

Ó preguntarlle a Flora por que encerraba nas redes pacíficas cabuxas e solícitas lebres, respondeume que a ela correspondíanlle os xardíns e os campos onde non entran feras agresivas, e non as selvas. E foise na brisa sutil.”

Ler tamén: O espírito da árbore