AMOR EN LIBERDADE.

 

“Nunha sociedade onde os amores libres adquirían cada vez maior relevancia, e na cal a “cortesana” tendía a consolidar o seu reinado, as mulleres “honorables” non podían deixar de vingarse de algún modo.

 Sen dúbida, moitas delas continuaron practicando as virtudes ancestrais…. Pero algunhas preferiron conquistar a liberdade, e, xa que ás cortesanas se lles daba tanto aprecio, decidiron comportarse como elas. Naturalmente, moitas pasáronse da raia….

 A correspondencia de Cicerón abonda en perfis de mulleres desenfreadas e violentas que tenden a darnos a impresión dunha sociedade na que os antigos valores morais ían caendo en descrédito…

 A muller que amaba [Catulo] era o símbolo de toda unha xeneración de amantes atrapadas entre dous mundos. El deulle o nome de Lesbia (por Safo) pero chamábase Clodia, da antiga familia dos Claudii, chea de prexuízos aristocráticos e célebre polo orgullo e impetuosidade dos seus homes e mulleres.

 Catulo contaba vinte anos, ela trinta. “

PIERRE GRIMAL. El AMOR en la ROMA ANTIGUA. Páx 176-19

No cambio de actitude cara ós poetas e a poesía, é crucial o movemento neotérico da República tardía; polo menos, estes vangardistas pensan que lle senta ben a un romano da clase alta ser simplemente poeta.

Neotéricos (“modernos”, “epígonos”, “novísimos”) é o término que designa o que se coñece da nova poesía latina a partir de Catulo (84-54 a. C.?) e o grupo de poetas cos que se asocia, fortemente influidos polo grego Calímaco (300-240 a. C.).

Segundo sexa o momento, tómanse en consideración e procésanse aspectos diferentes da obra do lírico grego: nuns casos, o feito de cultivar xéneros diferentes, noutros, a preferencia por formas menores (poema breve e refinado) e o desprezo dos grandes xéneros e temas (épica, traxedia), a ruptura do automatismo  da identificación do metro cun tema concreto, trazo distintivo dos poetas gregos.

Catulo é o gran descubridor do individuo e os seus valores, o cal supón tamén, desde o punto de vista metaliterario da individualidade do poeta, o paso do poeta artesán, imitador, ó poeta artista co seu selo persoal.

Catulo amósanos como os neotéricos levan a cabo a fusión entre as dúas poesías gregas: imita a lírica de Safo, Anacreonte e, ó mesmo tempo, a dos alexandrinos Calímaco e Filodemo.

Os neotéricos son poetas de condición social elevada que non necesitan da literatura para subsistir, que se moven na esfera do otium e da literatura como divertimento. Non deixa de resultar paradóxico que o oficio de poeta snob e frívolo sexa máis considerado que nunca na Roma deste momento.

As condicións políticas e ideolóxicas de finais da República romana, cambiantes e contradictorias, reflíctense no individualismo e na poesía catuliana. O desprezo da épica supón o desprezo dos valores proclamados pola política do momento que se atopaban expresados na literatura oficial tradicional: o vir gravis (home de peso, con autoridade) da tradición vai dar paso ó vir lepidus (vividor, gracioso, agudo). A urbanitas (a elegancia, a finura, a gracia) e a amicitia (relacións sociais en liberdade) son os novos valores.

51: PAIXÓN ENFERMIZA

O afortunado que sentando diante túa

te mira e te escoita rir docemente

paréceme un deus,

se os deuses mo permiten, avantáxaos;

iso a min, coitado, prívame

dos sentidos; pois foi verte,

Lesbia, e quedarme

mudo,

a lingua paralízase, unha chama tenue

avivece polo meu corpo, cun chío agudo

tintinan os oídos, unha dobre noite

anubra os meus ollos.

O ocio, Catulo, non che senta,

co ocio excítaste e desacougas;

o ocio botou a perder antes reis e

cidades ricas.

5: VIVIR O AMOR SEN ATRANCOS

Gozemos, miña Lesbia, fagamos o amor,

as lerias dos vellos severos

que nos importen todas un can.

O sol de cada día pode morrer e renacer,

Pero nós teremos que durmir una noite perpetua

así que a breve luz se apague.

Dáme mil beixos, despois cen,

outros mil despois, de segundas cen,

despois outros mil máis, para rematar, cen.

Por fin, cando sumemos moitos miles,

enguedellarémolos para non saber,

ou para que ningún malvado poida envexarnos

se sabe que houbo tantos beixos.

70: PALABRAS NO VENTO

Con ninguén di a miña amada que querería casar

máis que comigo, aínda que o mesmo Xúpiter llo pida.

Iso di; pero o que unha muller di a un amante namorado

no vento e na auga rápida convén escribilo.

85: MARTIRIO

Odio e amo. Como o consigo, seguro que preguntas,

non o sei, pero sinto que é así e martirízame.

8: TODO ACABA: NON PERSIGAS O QUE FOXE

Pobre Catulo, déixate de parvadas,

e o que ves que se perdeu dáo por perdido.

Brillaron para ti unha vez días serenos,

cando pisabas por onde a túa moza te guiaba,

a quen amei como ningunha será amada,

había alí entón moito gozo

que ti desexabas e ela máis aínda.

Brillaron para ti días espléndidos.

Agora ela xa non te busca; ti, calamidade, tampouco.

Deixa de perseguir o que foxe, non vivas agoniado,

sufre obstinado, aguanta.

!Adeus, amiguiña! Catulo aguanta,

nin te buscará, nin namorará a quen non quere,

xa o sentirás cando non teñas quen te namore.

¡Perfida miserable! ¡Que vida te espera!

¿Quen che fara as beiras? ¿A quen lle parecerás bonita?

¿A quen lle farás o amor agora? ¿De quen se dirá que es?

¿A quen bicarás? ¿ A quen lle comerás a boca?

Pero ti, Catulo, aguanta decidido.

11: RUPTURA FINAL: DESPREZO TOTAL

Furio e Aurelio, compañeiros de Catulo,

xa chegue ata afastada India, onde a costa

é batida polo mar oriental,

que resoa ó lonxe,

ou ata os Hircanos ou os moles árabes

xa ata Sagas ou os saeteiros partos

xa ata as chairas que tingue o Nilo

de sete bocas,

xa cruce os altos Alpes

visitando os triunfos do gran César,

o Rin gálico, os horribles e

afastados britanos,

dispostos a intentar todo isto,

e calquera outra cousa que ofreza a vontade dos deuses,

contádelle á miña amiga

os meus poucos e nada bos desexos:

que viva e lle vaia ben cos seus clientes,

os que domina abrazando a trescentos á vez,

sen amar a ningún de verdade, destripándoos

a todos eles a un tempo,

que non procure como antes o meu amor

que morreu por culpa dela como a flor

do lindeiro dun prado despois de ferida

polo arado que o suca.

UN EXERCICIO DE LÉXICO: COMO AMAR. LEXICO AMARE -AMOR pdf

LECTURAS: CATULO: AMORES QUE MATAN pdf

LER TAMÉN: TRES POEMAS PARA ENTENDER A CATULO pdf