
Corría o setembro casi outonal do ano 1980, conducía o meu coche de A Coruña a Padrón, despois dun ano de opositor anacoreta afastado do mundo e das súas frívolas tentacións. No Instituto de Bacharelato C.J. Cela esperábanme adolescentes bachareles curiosos por ver se os clásicos de Grecia e Roma ían ser como sempre, una natureza morta nun museo tenebroso, ou se levaba comigo algún segredo que lles abrise ventanas a un mundo novo e rico en experiencias.
Viaxaba con esa euforia que anega ós novatos, asubiando boleros; no C. J. Cela traballaban amigos que me acollerían ben, aqueles mesmos, xa é raro, que despois de moitos anos foron aínda mellores amigos e cos que vivín experiencias inolvidables, xente de pensamento libre e corazón desprendido ; a tiro de pedra de Santiago onde deixara pendentes moitas cousas que facer do meu traballo universitario e uns cantos soños; o destino era unha vez máis pródigo comigo, Vigo de camiño no horizonte, a AP -9 e a ponte de Rande so unha liña discontinua no mapa e nos muros mil pintadas que agoiraban que a autopista rachaba Galiza.
Á altura do Mesón do Bento deixei de asubiar, os boleros tiran moito do peito, e acendín a radio para tomar aire e cambiar de estilo, comezou a sonar un son, como un martilleo, inquietante, que me ecoaba moi de lonxe a Pink Floyd. Non puiden entender o título. No último ano a preocupación por resolver o futuro apartárame radicalmente das novidades do presente, nada de música, nada de tertulias, o xusto de literatura, e moito traballo espartano.
Os primeiros compases do helicóptero sobrevoando, o martilleo obsesivo da batería, o punteo da guitarra rítmica sobrecollía e enmeigaba, quedei atrapado. Conseguín reter na memoria o ritmo, tampouco era difícil. Aquela mesma noite busquei con urxencia a un amigo que pinchaba nunha discoteca compostelana e fixen que escoitara mal que ben o que eu recordaba, deu un respingo como quen dá coa pedra filosofal e, con displicente prepotencia, dime: ¿por onde andas neno? Another brick in the wall, Pink Floyd:
https://youtu.be/VZbM_MIz4RM
Souben por él que se viña pinchando desde finais do 1979 polo mundo adiante, pero para min aquel sonido era todo un descubrimento. Non tivera tempo nos pasados meses de enclaustramento para atender Radio 3, nin Los 40 Principales que comezaba, como emisora independente da cadena SER, a regalarnos a última música internacional as 24 horas.
Gustoume de inmediato, encandiloume, e non sabía ben a razón, o que non era normal, sempre fun desesperadamente lento na asimilación das novedades do rock; aquel ritmo obsesivamente forte e contundente golpeaba no máis íntimo, era como un chamada de atención, insistente, firme, como se me dixese: escoita, escoita: Hey! Teachers! Leave them kids alone! O meu inglés era entón moi pobre para entender a letra de oído, so Teachers e alone. Pero aquela letra algo gardaba de misterioso, sonaba a presaxio, a consello celestial, a chamada do destino. Aquí hay un aviso de orde cósmica, dixen para min. Conseguín, non sen esforzos, a letra, non había internet nin Google, leína como quen le un oráculo, sabendo que o que me ía dicir tiña moito de ominoso, e desde ese día fíxena miña cada setembro como guión vital do meu eterno retorno.
Chegou o tempo de comprar o disco, vinilo, que hoxe gardo na miña discoteca como ouro en pano. Cada setembro volve á miña vida, como volve a folla do calendario, Another brick in the wall regalándome a maxia que se garda nos comezos. Cada setembro significaba un ladrillo máis no muro dunha vida renovada para compartir con quen quixese entender que vivir é crear sin cesar, e ben sabe deus que foi moito o que creamos, un muro que veu a dar en plataforma para mirar o mundo desde arriba, para recoñecerse un mesmo e debuxar as liñas do futuro gracias as experiencias do pasado.
Hoxe xa non me sinto obrigado polas badaladas reiteradas dos setembros, pero volvo a escoitar con máxica devoción Another brick in the wall non para levantar o muro, máis ben para encher o cofre da nostalxia :
We don’t need no education
we don’t need no thought control
No dark sarcasm in the classroom
Teachers leave them kids alone
Hey! Teachers! Leave them kids alone!
All in all it’s just another brick in the wall.
All in all you’re just another brick in the wall.