OS ABRAZOS DA MULLER MADURA

abrazos 4

 

venus  adonis

Adaptación de OVIDIO, Ars amandi, II, 638-696

Se hai alguén nesta terra que  non coñeza as artes do amor, que me lea, e unha vez instruido, ame. Con arte debe Amor ser gobernado. Ovidio, Ars Amandi, I, 1 e ss.

Hoxe proclamamos a bombo e prato a nosas aventuras nocturnas e págase ben só por poder falar delas. Algúns inventan historias que, se fosen verdade, negarían. Pola miña parte vou confesar dunha maneira un tanto velada mesmo os amores non inventados e así quedan a cuberto con inquebrantable lealdade ocultos enganos.

Fai como que non te das de conta dos principais defectos. ¡Que ben lles foi a moitos o disimulalos! Nunca o que tiña alas nos pés lle botou na cara a Andrómeda a cor da súa pel. Andrómaca pareceulles a todos un pouquiño máis gordiña do que era moda, Héctor foi o único que a considerou perfecta. Tes que te habituar ó que non che agrada, acabarás aturándoo. O paso do tempo pole e disimula todos os defectos do corpo, mais o amor que empeza  percíbeo todo. 

Pero os defectos pódense dulcificar con eufemismos: chámalle morena á que ten o sangue negro como o piche, se ten ollo virollo que sexa mellor Venus, se é de ollos amarelos fálalle do seu parecido con Minerva, chámalle esvelta a que de delgada desfalece. Di que a miuda é axil e recha a gorda. Quero dicir, tapa o defecto coa virtude máis relacionada.

Non lle preguntes pola idade nin quen gobernaba cando naceu, especialmente se xa non é unha mociña, e que xa tendo esgotado o mellor da súa vida empeza a recoller canas da almofada. ¡Mozos, esa idade, ou aínda maior, ten o seu proveito!

É un campo que vai dar froitos e un campo que hai que sementar. Mentres a idade e as forzas volo permitan non aforredes esforzos. Xa vos chegará con paso silencioso a  encorvada vellez. Fendede o mar cos remos e a terra co arado, tomade nas vosas mans guerreiras as armas de ferro, consagrade ás mulleres os vosos lombos, as vosas forzas e todas a vosas atencións. Isto é milicia e tamén  fai a un rico.

Pensa tamén que a esa idade as mulleres teñen máis experiencia práctica e a habilidade propia dunha artista. Elas compensan os danos do tempo con arte e fan todo o posible para no parecer vellas;  farán o amor de mil maneiras, según ti  desexes; ningún cadro debuxou tan rica variedade; nelas o pracer non se desperta con excitantes: o que satisface é que home e muller sexan activos por igual. Dame noxo o encontro que non libere ós dous. Dame noxo a muller que se deixa facer porque é necesario deixarse facer, pero está pensando na calceta. Non me gusta nada o pracer que se regala por obrigación. Non quero que ningunha muller cumpra conmigo un deber. A min agrádame escoitar palabras que me falen do seu gozo, e que me pida que me demore e que aguante, e ver os olliños vencidos da amada fóra das órbitas e que se desmaie  e que me prohiba que a volva tocar durante moito tempo. Estas bondades non llas concedeu a natureza á xuventude primeira, senón que chegan pasados os trinta e cinco (ou os cincuenta).

Os que teñan presa que beban mosto novo, para min unha botella de gran reserva que me escancie un viño exquisito. En calquera caso, se buscas unha Venus madura, se es un pouco perseverante gañarás unha magnifica recompensa.

Traducción de José M. Otero