OUTONO OU O RAPTO DE PROSERPINA

“Os antigos relacionan autumnus, con augere (acrecentar); así P.F. 21, 27: autumnum quidam dictum existimant quod tunc maxime augeantur hominum opes, coactis agrorum fructibus[Hai quen pensa que o outono recibe ese nome porque, despois da colleita, os homes se enriquecen]

Esta é a folla

que na fronda da tristura mesta

en terra de Bea proclama en plátanos da triste estrada,

en ouros opulentos dos bacelos,

en carballas cobrizas como arxila tremente

o outono, o outono despacioso como unha cobra

de luz  peneirada.

X.L.MÉNDEZ FERRÍN

O mito, explicación dunha realidade natural 

Cando Orión e Sirio  cheguen á mitade do ceo e a Aurora de rosados dedos poida  ver a  Arturo, entón, Perses, vendima e leva para casa todos os acios de uvas. Déixaos o sol dez día e dez noites e cinco á sombra. Ó sexto verque nas xarras o regalo do ledo Dioniso.

HESÍODO, Os Traballos e os Días

No outono, a seiva das árbores descende ás raíces, baixo terra, e permanece alí durante a metade do ano para ascender na primavera durante un segundo período de seis meses. Para explicar este fenómeno constatable, os antigos gregos recurriron  a un mito segundo o cal unha rapaza, chamada Core, filla de Deméter, fora raptada por Hades, o deus da morte.

“Hai un lugar nun val sombrío, humedecido polas pingas da auga dunha alta fervenza, alí xuntáranse todas as cores  que regala a natureza e a terra resprandecía coas tonalidades de flores variadas. Cando Proserpina descobre o lugar, di:

– Vide, compañeiras, vaiamos a encher o colo de flores e traérnolas.  

Unha enche os canastros de bimbio, outra o regazo, outra os pregues amplos do mandil. Aquela repañaba caléndulas,  aqueloutra preocupábase das violetas, a de maís alá cortaba coa uña o talo das mapoulas. A estas retíñaas o xacinto;  a estoutras demorábaas o amaranto; unhas prefiren o tomiño, outras, o romeu, outras, o meliloto. Recolleron moitísimas rosas e flores sen nome; ela, pola súa parte, escolleu delicados azafráns e lirios brancos. Plutón viuna, e, nada máis vela, raptouna lixeiro, transportándoa ó seu reino, baixo as augas verdemariñas.”                             

(OVIDIO, Fastos, IV, 428 e ss.)

TESMOFORIAS

Anuncios