MORRER PARA VER

A MEMORIA DOS MORTOS

NA ANTIGA ROMA

José M. Otero

É sinal de respecto aplacar as almas dos nosos pais e levar/ pequenas ofrendas ás tumbas e tamén ás piras que se lles erixen/ Os manes piden pouco. É agradecida a piedade en vez dunha abundante/ ofrenda. A  Estixia sin fondo non ten deuses avaros./ É de abondo unha tella cuberta cunha ofrenda de flores,/ e froitos espallados e un chisco de sal, pan abrandado en viño e pétalos de violeta:/ que os garde unha vasilla de barro deixada no medio do camiño. 

OvidioFastos, 2, 533-540

Columbarios de Vigna Condini. Roma

A antiga Roma reservaba para a memoria dos seus mortos os idus do mes de febreiro (13), o mes no que, para eles, esmorecía o ano antes da chegada da renacente natureza. As Parentalia, iniciaban un ciclo ritual que culminaba coas Feralia o día 23: nas tumbas, despois de colocar coroas, ofrecían pan, viño e un chisco de sal. Un solemne banquete de toda a familia, Caram Cognitionem, era o último acto de homenaxe ós mortos de cada familia do ritual funeraio das Parentalia.

Os Cristianos ó principio  aceptaron as festas en honor dos mortos, respetando estas mesmas datas, pero o proceso de cristianización do mundo celta, obrigou, por sentido práctico e a eficacia da mensaxe doctrinal, a trasladar esta celebración ós primeiros días de novembro.

O triunfo da morte.(1562). Brueghel O Vello

Os druidas, sacerdotes celtas, crían en efecto que esa noite, Saman, o señor da morte, provocaba o exército dos espíritos malignos. Os druidas prendían entón grandes fogueiras, co obxecto de afastar as incomodas Sombras. Entre os antigos celtas, Halloween era a última noite do seu año, noite máxica de pantasmas e bruxas pero tamén de presaxios na que os espíritos da morte visitaban as  moradas dos vivos.

A conquista romana da gran Gran Bretaña, favoreceu que Halloween se enriquecese con elementos da festa da colleita, POMONALIA, celebrada o 1 de novembro en honor de Pomona, deusa dos froitos e das árbores.

 

Vertumno e Pomona. Fot. RMN

Sobreviven vestixios da festa romana da colleita no costume, habitual nos Estados Unidos e Gran Bretaña, de facer xogos utilizando froita, ou mesmo en Galicia na festa dos Magostos.

Os romanos elaboran crenzas particulares arredor dos mortos e da morte, pero non se lles pasaba pola cabeza que os mortos acudisen a ver e cheirar o perfume das flores que deixaban nas súas tumbas.

A cuestión do máis alá, da inmortalidade, era unha preocupación allea, como para o home de hoxe: os epicúreos non crían nela, os estoicos, non demasiado, e a relixión oficial pecaba dun ríxido formalismo como para dar resposta a preguntas esenciais. Para o común da xente a morte era o mesmo que a nada, un soño eterno; o que relataba o imaxinario colectivo sobre a supervivencia das Sombras non máis que un conto de medo.

 

É distinto o sentimento que lles produce a morte, o medo dos moribundos non tanto ós castigos mitolóxicos como ó castigo dos deuses xustos, providentes e vingadores. Así cabe deducir deste texto de Valerio Máximo:

Este malvado morreu pensando nas súas perfidias e na súa ingratitude; a súa alma atópase como despelexada por un verdugo, porque sabía que os deuses do ceo ós que odiaba o ían entregar ós deuses subterráneos que o execrarían.”

Por iso os epitafios, os ritos e a arte funeraria se encargan de espallar ideas consoladoras que calmen a axitación e a angustia da hora da morte, insistindo nas súas representacións da vida como viaxe, a morte como descanso despois dunha longa viaxe, a vida como a carreira de carros no circo, a permanencia no espazo indeciso dos lindeiros entre a vida e o soño. A tumba é a morada eterna na que todo se prolonga despois de que todo remata.


Anuncios

PENAS DE AMOR, ALMA DE OUTONO

 

“Nunha sociedade onde os amores libres adquirían cada vez maior relevancia, e na cal a “cortesana” tendía a consolidar o seu reinado, as mulleres “honorables” non podían deixar de vingarse de algún modo.

  A muller que amaba [Catulo] era o símbolo de toda unha xeneración de amantes atrapadas entre dous mundos. El deulle o nome de Lesbia (por Safo) pero chamábase Clodia, da antiga familia dos Claudii, chea de prexuízos aristocráticos e célebre polo orgullo e impetuosidade dos seus homes e mulleres.

 Catulo contaba vinte anos, ela trinta. “

PIERRE GRIMAL. El AMOR en la ROMA ANTIGUA. Páx 176-19

O veronense Catulo (87-57 a.C.) é o gran descubridor do individuo e os seus valores, iso supón tamén, desde o punto de vista metaliterario da individualidade do poeta, o paso do poeta artesán, imitador, escravo da tradición ó poeta artista, singular, co seu selo persoal.

Catulo, poeta de avangarda, neotérico, novísimo, é a mostra máis clarificadora de como os poetas do seu círculo levan a cabo a fusión entre as dúas poesías gregas: imita a lírica de Safo (análise das distintas manifestacións da paixón amorosa), Anacreonte e, ó mesmo tempo, a dos alexandrinos Calímaco (brevidade do poema e linguaxe nada pretenciosa fronte a tradición épica) e Filodemo.

Os neotéricos son poetas de condición social elevada que non necesitan da literatura para subsistir, que se moven con soltura na esfera do otium e da literatura como divertimento. Non deixa de resultar paradóxico que o oficio de poeta snob e frívolo sexa máis considerado que nunca na Roma deste momento.

As condicións políticas e ideolóxicas de finais da República romana, cambiantes e contradictorias, atopan acomodo no individualismo e na poesía catuliana. O desprezo da épica supón o desprezo dos valores proclamados pola política do momento que se atopaban expresados na literatura oficial tradicional: o vir gravis (home de peso, con autoridade) da tradición vai dar paso ó vir lepidus (vividor, gracioso, agudo). A urbanitas (a elegancia, a finura, a gracia) e a amicitia (relacións sociais en liberdade) son os novos valores.

51: PAIXÓN ENFERMIZA

O afortunado que sentando diante túa

te mira e te escoita rir docemente

paréceme un deus,

se os deuses mo permiten, avantáxaos;

iso a min, coitado, prívame

dos sentidos; pois foi verte,

Lesbia, e quedarme

mudo,

a lingua paralízase, unha chama tenue

avivece polo meu corpo, cun chío agudo

tintinan os oídos, unha dobre noite

anubra os meus ollos.

O ocio, Catulo, non che senta,

co ocio excítaste e desacougas;

o ocio botou a perder antes reis e

cidades ricas.

5: VIVIR O AMOR SEN ATRANCOS

Gozemos, miña Lesbia, fagamos o amor,

as lerias dos vellos severos

que nos importen todas un can.

O sol de cada día pode morrer e renacer,

Pero nós teremos que durmir una noite perpetua

así que a breve luz se apague.

Dáme mil beixos, despois cen,

outros mil despois, de segundas cen,

despois outros mil máis, para rematar, cen.

Por fin, cando sumemos moitos miles,

enguedellarémolos para non saber,

ou para que ningún malvado poida envexarnos

se sabe que houbo tantos beixos.

70: PALABRAS NO VENTO

Con ninguén di a miña amada que querería casar

máis que comigo, aínda que o mesmo Xúpiter llo pida.

Iso di; pero o que unha muller di a un amante namorado

no vento e na auga rápida convén escribilo.

85: MARTIRIO

Odio e amo. Como o consigo, seguro que preguntas,

non o sei, pero sinto que é así e martirízame.

8: TODO ACABA: NON PERSIGAS O QUE FOXE

Pobre Catulo, déixate de parvadas,

e o que ves que se perdeu dáo por perdido.

Brillaron para ti unha vez días serenos,

cando pisabas por onde a túa moza te guiaba,

a quen amei como ningunha será amada,

había alí entón moito gozo

que ti desexabas e ela máis aínda.

Brillaron para ti días espléndidos.

Agora ela xa non te busca; ti, calamidade, tampouco.

Deixa de perseguir o que foxe, non vivas agoniado,

sufre obstinado, aguanta.

!Adeus, amiguiña! Catulo aguanta,

nin te buscará, nin namorará a quen non quere,

xa o sentirás cando non teñas quen te namore.

¡Perfida miserable! ¡Que vida te espera!

¿Quen che fara as beiras? ¿A quen lle parecerás bonita?

¿A quen lle farás o amor agora? ¿De quen se dirá que es?

¿A quen bicarás? ¿ A quen lle comerás a boca?

Pero ti, Catulo, aguanta decidido.

11: RUPTURA FINAL: DESPREZO TOTAL

Furio e Aurelio, compañeiros de Catulo,

xa chegue ata afastada India, onde a costa

é batida polo mar oriental,

que resoa ó lonxe,

ou ata os Hircanos ou os moles árabes

xa ata Sagas ou os saeteiros partos

xa ata as chairas que tingue o Nilo

de sete bocas,

xa cruce os altos Alpes

visitando os triunfos do gran César,

o Rin gálico, os horribles e

afastados britanos,

dispostos a intentar todo isto,

e calquera outra cousa que ofreza a vontade dos deuses,

contádelle á miña amiga

os meus poucos e nada bos desexos:

que viva e lle vaia ben cos seus clientes,

os que domina abrazando a trescentos á vez,

sen amar a ningún de verdade, destripándoos

a todos eles a un tempo,

que non procure como antes o meu amor

que morreu por culpa dela como a flor

do lindeiro dun prado despois de ferida

polo arado que o suca.

LECTURAS: 

CATULO: AMORES

QUE MATAN pdf

 TRES POEMAS PARA

ENTENDER A CATULO pdf

PAPAROTAS DE OUTONO

 

 

Para unha comida de amizade de outono, por se un magosto non fose suficiente, os meus amigos con ganas de paparotas e de parranda, como saben que levo toda a vida  escaravellando nese espazo que pertence os vicios e praceres dos romanos, os da carne e os da boca, convéncenme de que elabore un menú cientificamente respetoso cos gustos dos romanos, prometendo eles que saiba como saiba, están dispostos a dar cabo de todo, pola confianza cega que teñen en min, non tanto nos romanos.

A empresa tampouco é que requira sudores, teño á man  A Arte Culinaria de Apicio, leo en VIII, 7, 14 onde me explica polo miúdo como debo proceder para cociñar un leitón recheo:

1º. Desosar o leitón polo gorxa, como se fose un odre.

2º. Enchelo de carne de polo picada en forma de croquetas, tordo, ouriolo, e dos seus propios miudos tamén picados, de salchichas de Lucania, de dátiles sin oso, de bulbos secos   ó calor do lume, de caracois descunchados, de malvas, acelgas, porros, apios, brócolis fervidos, cilantro, grans de pementa e piñóns.

3º. Engadir a todo o que temos feito quince ovos cocidos e garo  á pementa; os ovos esmagados e ben desfeitos.

4º. Coser o corte  que lle fixemos ó  leitón.

5º. Refogalo no lume e posteriormente asalo.

6º. Abrilo cun coitelo polo lombo e regalo co prebe que de seguido explica como facer: moemos pementa, ruda, garo, viño branco, mel e un pouco de aceite, cando rompa a ferver engadimos fécula.

De paso, xa se se quere con menos arte,  tamén podemos facer, por se algún convidado non quedase ben farto,  un caldiño ó estilo de Catón, autenticamente romano, como era el, o caldo tradicional de toda a vida, sen alardes pero con moito fundamento: poñemos medio kilo de sémola en auga ata que se empape ben, verquemos todo nunha potiña, engadimos queixo fresco, mel e un ovo, e mesturamos ben todo.

Amiguiños, eu cumprín co meu traballo, que ben sei que non é de escravos, ós demais quédavos poñervos ó lume e ver se conseguides garo nalgún tenderete de delicatessen e un bo viño tinto, como un falerno non vai ser posible, suxiro un Terra do Gargalo, Monterrei, que boa falta nos vai facer.