TRES PUÑADOS DE TERRA, MARIÑEIRO

trespuñados

Horacio, Oda I, XXVIII: 

(Diálogo entre Arquitas de Tarento e un náufrago)

O espectro dun náufrago pide a un mariñeiro, que está de paso, unha sepultura simbólica. Desenvolve a idea de que todos, grandes e pequenos, sabios e filósofos, van morrer, a pesar das súas pretensións vas; por outra parte os vivos deben ós mortos unha testemuña relixiosa, un recordo melancólico. Horacio imaxina un náufrago que chega á costa e dá coa tumba do sabio de Tarento.

MELIDE1


A ti, Arquitas(1), que soubeches medir  o mar e a terra e a area

incontable, cóbrete agora o agasallo último

dun pequeno túmulo de terra na ribeira

de Matino (2); de pouco che valeu

ter investigado os espazos celestes e  chegar a explicar

o ceo esférico e insondable, se o destino é morrer.

Morreu o pai de Pélope (3), convidado dos deuses,

e Titón (4), arrebatado polos aires,

e Minos (5), cómplice dos segredos de Xúpiter, tamén 

o Tártaro acolle o fillo de Pantoo (6) que descendeu por segunda vez

ó mundo das sombras, e aínda que o seu escudo no altar de Hera

dá fé da caída de Troia, non concedera

á negra morte máis que os seus despoxos mortais,

(7) autoridade honorable, ó teu xuízo, 

da verdade e da natureza;  a todos nos espera una soa noite eterna 

e unha soa vez habemos pisar o sendeiro da morte.

As Furias

As Furias entregan a outros como espectáculo ó torvo Marte,

o mar é tumba avara de mariñeiros;

multiplícanse os funerais sin distinción de mozos e vellos,

ninguén foxe da cruel Proserpina (8).

A min tamén me sepultou no mar Ilírico,

o impetuoso Noto, (9) compañeiro do minguante Orión (10) .

Pero ti, mariñeiro, xa a salvo, non aforres, como un avaro,  

en esparexer un gran de leve area

sobre os restos do meu cadáver insepulto

así que os bosques venusios (11) nos poñan

 ó abeiro do Euro (12) que ameaza ás augas  hespéricas, 

 mentres incontables riquezas, de onde queira que sexa,

 veñan parar a ti das mans do xusto Xúpiter

 e de Neptuno, patrón da sagrada Tarento (13).

¿Ou vas cometer unha falta que poida danar

máis tarde ós teus fillos inocentes? Quizais tamén

te  esperan a ti mesmo dereitos impagados

e infortunios sen piedade: non me abandonarei

a súplicas impunes e ningunha expiación te absolverá.

 Sei que que vas con presa, non é moito esperar; serache lícito

partir despois de botar sobre a miña tumba tres puñados de terra.


Notas.

(1) Arquitas (460-365 a.C.): contemporáneo de Platón, xeneral, home de estado, filósofo, matemático. (2) Matino, localidade do sur de Italia, non lonxe de Tarento. (3) Tántalo rouba os manxares dos deuses e sérvelles a carne do seu propio fillo, co que tenta poñer á proba a onmniscencia divina. Os deuses castígano a sufrir fame e sede  desesperadamente eternas (4) Fillo de Laomedón e irmán de Príamo. Arrebatado polos aires da man da Aurora, que quixo facelo o seu esposo. (5) Minos: a quen o mesmo Xúpiter lle dicta as leis para Creta. (6) O fillo de Pantoo, Euforbio, de quen Pitágoras se consideraba reencarnación, pelexara na guerra de Troia, onde morre a mans de Menelao e Aiax, despois de dar el mesmo morte a Patroclo. Por iso cando Pitagoras morre se considera que descende ó mundo dos mortos por segunda vez, posto que descendera unha primeira co nome de Euforbio. Pitágoras, como proba de que el fora Eufrobio, recoñece como seu o escudo de Euforbio no templo de Hera en Argos.Este escudo ainda se atopába neste  templo na época de Pausania, máis de mil anos depois da Guerra de Troia e seiscentos anos depois da época de Pitágoras  (7) Arquías era pitagórico, polo que que se entende que a auoridade é Pitagoras/Euforbio. (8)Deusa do mundo das sombras, deusa da morte, esposa de Hades. (9) Vento do sul. (10) Cando declinaba Orión, na primeira metade de novembro, o Noto facía despertar o mar treboento. (11) Vento do sudeste, amo do Adriático. (12) Nas terras de Horacio. (13) Taras , o fundador de Tarento, era fillo de Neptuno.

 

Anuncios