DIAS DE RECONTO

HORACIO, Odas, II, 14

¡Ai, como pasa o tempo!

«Eheu (ai!), como oimoi, é máis un suspiro que unha palabra, hai que pronuncialo en voz alta, ei-he-u, para comprender a súa forza, unha expresión visceral de pesar, que agroma do fondo do ser, das entrañas do ser humano, das profundidades da terra á onde todos iremos .» Harry Eyres

¡Ai, Póstumo, meu amigo, que fuxidío

é o tempo! nin a miña piedade me libra

das enrugas da senectude inminente

nin da morte inevitable,

 

non, amigo, por moitos touros 

que sacrifiques, cada día que pasa,

ó terrible Plutón, que mantén confinados

ó xigante Xerión e a Ticio

 

nas  lúgubres augas que todos

os que nos alimentamos dos dons  da terra

xa reis, xa pobres escravos,

estamos condenados a navegar.

 

En van escaparás da guerra cruenta

ou do mar tormentoso de Adria,

en van temerás o vento do sur

que cada outono nos encama arrefriados:

 

Hai que ir ver o negro río do inferno

de lánguido caudal e as infames fillas de Dánao

e a Sísifo, o de Eolo, condenado

a un castigo eterno.

 

Hai que deixar atrás a terra, o fogar e a amante

esposa; non te acompañará, dono efímero,

ningunha árbore das que prantaches,

a non ser  os fúnebres cipreses;

 

un herdeiro quen ben o merece beberá o viño

exquisito gardado con mil chaves

e tinguirá  o chan co reservado

para as ceas de gala.