STAR WARS E O HEROE DAS MIL CARAS

Freud, Jung e os  seus seguidores demostraron irrefutablemente que a lóxica, os heroes e as fazañas do mito sobreviven nos tempos modernos. Como se carece dunha mitoloxía xeral efectiva, cada un de nós ten o seu panteón de soños, privado, inadvertido, rudimentario pero que obra en segredo.

 Joseph Campbell

Conta Joseph Campbell nun libro tan denso como fermoso, En busca de la felicidad, Mitología y transformación personal, que, despois de trinta anos sen ver cine, visionou non só día a triloxía orixinal de Star Wars, Unha nova esperanza, pola mañá, O Imperio contraataca, polo mediodía, e O retorno do Jedi, ó caer a noite. George Lucas confesoulle nun encontro que o segredo do éxito mundial do seu traballo cinematográfico residía no tesouro que descubrira no libro  O heroe das mil caras. O director da saga galáctica invitounos  a el e a súa muller a este pase tan exclusivo na súa casa de Marin County como recoñecemento e pago da débeda intelectual.

A experiencia foi surrealista, pero Campbell saíu  absolutamente fascinado polo que acababa de ver. Alí estaba, armada por man de artista, toda a mitoloxía que el abordara nos seus libros. Convertiuse, a partir de aquí, nun admirador e fan do cineasta que tomara a responsabilidade de transmitir ó público, grazas a unha desbordante creatividade, algo moi valioso. Igual que os antigos poetas gregos, el conta cunha gran espazo branco, como un ignoto Pontos (Mar Negro), para o desenvolvemento da imaxinación, todas as galaxias para traballar nelas.

A triloxía sustentábase no uso sistemático dos arquetipos míticos que Campbell establecía, ou o que é o mesmo, os elementos que dan forma á aventura do heroe. No Imperio contraataca Luke Skywalker enfróntase con quen cre que é Darth Vader, a sombra do pai. Unha  vez que mata a figura, cae na conta de que o rostro do robot humano é o seu propio rostro. Ó final de O retorno do Jedi recoñecemos de maneira moi explícita o motivo da reconciliación co pai, motivo sobre o que xira toda a triloxía.

A obra de Lucas ven sendo como un todo estructurado en tres actos que puntean o camiño vital do heroe. O primeiro sería a chamada á aventura, o destino chama ó heroe e transfire o centro de gravidade espiritual do seo de súa sociedade a una zona descoñecida.

O segundo, o camiño pragado de probas, unha vez que cruza o limiar, o heroe móvese nuha paisaxe de soño poboado de formas curiosamente fluidas e ambiguas, onde debe pasar por unha serie de probas. Ésta é a  fase favorita da aventura mítica.

E o terceiro, a proba final, dominada pola reconciliación co pai e o retorno a través do limiar, un ritual de paso masculino, o fillo viviu separado do pai una vida impropia da súa liñaxe, pero teima na procura do pai e acaba dando con el no abismo que está máis alá da nai.  En O retorno do Jedi, Luke Skywalker arrisca a súa vida para salvar ó pai, Darth Vader. O fillo salva ó pai, e o pai ó fillo, o gran motivo da reconciliación.

Un pequeno libro, pensaba Campbell, estaba conseguindo o que el sempre pretendera, inspirar a un artista que viña de realizar un traballo que estaba obtendo un recoñecemento mundial. Paradoxicamente O heroe das mil caras fora menospreciado por algúns editores co argumento de que o contido non lle interesaba a ninguén..

Os artistas, escritores, cineastas, pintores, son eses axitadores máxicos que iluminan a travesía heroica das nosas vidas evocando símbolos e motivos que conectan co máis fondo de nós. Todos os mitos que lemos ou nos contan, as músicas que escoitamos, as peripecias que desde nenos vivimos configuran a nosa vida. O que convén saber é que teñen para nós de relevantes agora mesmo.

 José M. Otero

Anuncios

POR QUE FACEMOS REGALOS

Regalos

Felix/Felicitas: felix, que produce froitos, fecundo (= Ferax), fértil. Felix especializouse no senso de ‘favorecido polos deuses’ e tamén ‘favorable ou propicio’; felicitas, fecundidade, fertilidade, e, sobre todo, felicidade. (Ernout/Meillet)

“Por que se din palabras de bo agoiro nas túas calendas,

e expresamos  e recibimos desexos recíprocos?”

Entón o deus, apoiándose no bastón que levaba na súa dereita,

di: ”Os agoiros adoitan atoparse nos principios,

escoitades supersticiosos á primeira palabra

e o augur consulta a ave que ve primeiro.”

Ovidio, Fastos I, 175 ss.

Cantas veces nos preguntamos por que razón nos felicitamos por aninovo, por que comemos ata estoupar en reunións familiares ou  de empresa, por que consumimos sen moderación todo tipo de postres doces e viños espumosos e sen espuma, por que nos facemos regalos neste tempo de transición, cando queda atrás o vello e esperamos os beneficios do novo?

O día primeiro de xaneiro, coa toma de posesión dos cargos consulares, os romanos intercambiaban as strenaeStrena: significa bo presaxio, e en particular o regalo que se fai como desexo de bo presaxio, aguinaldo (que resulta da expresión hoc in anno); strenam vocamus quae datur die religioso omnis boni gratia (Fest. 410, 25). Simmaco, (Epist. 10, 35) atribúe  ó rei sabino Tacio a introducción das strenae en Roma:  

O costume das estreas de marzo (este era o primeiro mes do ano no primitivo calendario romano) foi crecendo case desde o comezo, pola autoridade do rei Tacio, que recibiu o primeiro ramas da árbore do mel procedentes do bosque de Strenia como agoiro de ano novo.

Do bosque sagrado da deusa Strenia recibían os primeiros romanos unhas ramas como sinal de bo agoiro. Strenia era un divindade dos antigos sabinos relacionada coa saúde que tiña como fogar un arbusto de romeu? (verbenas melicis arboris/ ramas da árbore do mel) non lonxe de onde hoxe se ergue o Coliseo.

Regalos-Navidad

O mesmo ritual repetíase o primeiro de marzo, o que non debe de sorprender xa que o calendario primitivo romano comezaba co mes de marzo e Xano era o deus protector de todas as calendas por ser estás o primeiro día de cada mes. Pola mesma razón hai coincidencia nas prácticas rituais de fin de ano e o entroido.

As calendas de xaneiro, mes que, sen selo, nun principio acabou como ponte dun ano a para outro, estaban consagradas ó deus Xano, que simbolizaba o tránsito, polas súas dúas caras, contrapostas unha á outra, mirando ó mesmo tempo para adiante e para atrás [Ianus Anceps], e pola forma do seu templo  que ten dúas portas opostas. Está considerado como o deus dos comezos: penes Ianum sunt prima; penes Iovem summa. Varrón ap. Aug. Ciu. D. 7, 9. [ Os comezos correspóndenlle a Xano, os finais a Xúpiter]

Xano sería nun principio unha divindade semellante a Xúpiter, deus pai e deus do ceo, o que non é atranco para que a súa figura sufrise unhas cantas adaptacións, tal como analiza Frazer no seu traballo Les origes magiques de la royauté. Xano era un deus relacionado coa agricultura  a quen desde antigo se invocaba para que os froitos fosen bos. Probablemente sexa a evolución dun deus indoeuropeo con funcións de deus supremo e creador. Asociado a Iuturna, a súa esposa, e a Saturno, a quen el acollera en Roma.


Este texto de Isidoro de Sevilla ilustra como se celebraban as calendas de xaneiro entre os séculos IV-VII, e como a Igrexa se ve na obriga de poñer couto o que desde a súa moral predicada non era outra cousa que turpius nefas [a maldade máis terrible]

Instituiu a Igrexa o xexún nas calendas de xaneiro por mor dun erro propio da xentilidade. Foi Xano certo príncipe dos paganos, polo que se lle deu o nome ó mes de xaneiro e ó que os homes inexpertos, honrándoo como a un Deus, outorgáronlle honores relixiosos e consagráronlle un día con festas suntuosas e rexouba. Así os pobres homes e, o que é peor, os fieles mesmos, durante este día, tomando monstruosas aparencias, disfrázanse á maneira das feras, outros toman aspecto de muller, afeminando o seu masculino. Algúns mánchanse o mesmo día coa consulta dos agoiros, fan rebumbio e danzan,  cometendo unha iniquidade máis torpe, pois únense os de un e outro sexo formando roda e a turba carente de espírito excítase con viño….

De Ecclesiasticis Officiis, I, XLI: “Divi Isidori Hispalensis episcopi opera”

As festas das calendas de xaneiro eran a finais do imperio un ritual globalizado e uniforme, desde Oriente a Occidente, de Grecia a España, de Xermania a Italia: o primeiro de xaneiro facíanse regalos mútuos (strenae) e saían pola rúa comparsas de homes disfrazados. En Galicia consérvase aínda hoxe a tradición das estreas ou cantos de Reis, que coinciden en moitos aspectos coas Janeiras portuguesas:

despedida de ano vello

entradiñas de aninovo,

os señores desta casa

as teñan con grande gozo…

Así cantan os rapaces e os mozos polas casas, acompañados de gaita bombo e tamboril reclamando un aguinaldo, que podía ser unha ducia de ovos frescos, carne, calderilla, mentres desexan, a quen lles dá, que todo lle vaia ben no ano que comeza.

Hai autores que consideran que se trata dunha festa de orixe grega e que os romanos se limitaron a cambiarlle o nome, mantendo o espírito e a forma dunha festa dionisíaca. Todos os pobos de Europa celebraban inicialmente esta festa cheos de espírito relixioso aínda que posteriormente se convertese nunha entroidada só con fins de divertimento.

José M. Otero


ENTRE O DELIRIO E AS COITAS PENOSAS

penasenviño

Adde merum vinoque novos compesce dolores [Sirve un bo viño, afoga en viño as penas recentes] Tib. I, 2

 

¿Quen é  Dioniso?

O fillo do éxtase e do temor, da furia desbordada e da liberación máis doce, o deus tolo que cando aparece provoca o frenesí dos homes, que xa na súa concepción e nacemento anuncia o carácter misterioso e paradóxico da súa natureza.

Dioniso, Walter Otto

1279249169255-copa-de-vino

Acúdeme, lúcido Baco, (xa luzas sempre

a  vide do delirio, xa cingas sereno as sens con hedra).

Libérame da miña dor ti mesmo cunha copa chea de vida:

A cada paso o amor  claudica vencido polo viño.

Amable criatura, reborden de viño xeneroso as copas

e sírvenos  Falernos con man espléndida.

Ide lonxe, penosa estirpe de coitas, ídevos, amarguras:

que brille, montado nos seus cabalos brancos, o sol Apolo.

…….

Nada me preocupas xa, Neera (1),

que sexas feliz, e luminoso o teu destino.

…………..

Chega, despois de moitos días, a calma.

Velázquez_-_El_Triunfo_de_Baco_o_Los_Borrachos_(Museo_del_Prado,_1628-29)

Velázquez - El Triunfo de Baco o Los Borrachos (Museo del Prado, 1628-29) 

(1) ¿Neera= a poetisa Sulpicia? En todo caso, a muller do enigmático Lígdamo, posible autor do poema. Exemplificación do tipo de muller de familia noble: provocativa, amante das riquezas, fermosa e desleal, que pretende dominar o mundo cos seus encantos, pero que a fin só consegue a fama grazas ós versos do poeta.

TIBULO, Carmina, (Corp. Tib.) III, 6, 1-8 , 29-30 e 32

TIBULO (PDF)