STAR WARS E O HEROE DAS MIL CARAS

Freud, Jung e os  seus seguidores demostraron irrefutablemente que a lóxica, os heroes e as fazañas do mito sobreviven nos tempos modernos. Como se carece dunha mitoloxía xeral efectiva, cada un de nós ten o seu panteón de soños, privado, inadvertido, rudimentario pero que obra en segredo.

 Joseph Campbell

Conta Joseph Campbell nun libro tan denso como fermoso, En busca de la felicidad, Mitología y transformación personal, que, despois de trinta anos sen ver cine, visionou non só día a triloxía orixinal de Star Wars, Unha nova esperanza, pola mañá, O Imperio contraataca, polo mediodía, e O retorno do Jedi, ó caer a noite. George Lucas confesoulle nun encontro que o segredo do éxito mundial do seu traballo cinematográfico residía no tesouro que descubrira no libro  O heroe das mil caras. O director da saga galáctica invitounos  a el e a súa muller a este pase tan exclusivo na súa casa de Marin County como recoñecemento e pago da débeda intelectual.

A experiencia foi surrealista, pero Campbell saíu  absolutamente fascinado polo que acababa de ver. Alí estaba, armada por man de artista, toda a mitoloxía que el abordara nos seus libros. Convertiuse, a partir de aquí, nun admirador e fan do cineasta que tomara a responsabilidade de transmitir ó público, grazas a unha desbordante creatividade, algo moi valioso. Igual que os antigos poetas gregos, el conta cunha gran espazo branco, como un ignoto Pontos (Mar Negro), para o desenvolvemento da imaxinación, todas as galaxias para traballar nelas.

A triloxía sustentábase no uso sistemático dos arquetipos míticos que Campbell establecía, ou o que é o mesmo, os elementos que dan forma á aventura do heroe. No Imperio contraataca Luke Skywalker enfróntase con quen cre que é Darth Vader, a sombra do pai. Unha  vez que mata a figura, cae na conta de que o rostro do robot humano é o seu propio rostro. Ó final de O retorno do Jedi recoñecemos de maneira moi explícita o motivo da reconciliación co pai, motivo sobre o que xira toda a triloxía.

A obra de Lucas ven sendo como un todo estructurado en tres actos que puntean o camiño vital do heroe. O primeiro sería a chamada á aventura, o destino chama ó heroe e transfire o centro de gravidade espiritual do seo de súa sociedade a una zona descoñecida.

O segundo, o camiño pragado de probas, unha vez que cruza o limiar, o heroe móvese nuha paisaxe de soño poboado de formas curiosamente fluidas e ambiguas, onde debe pasar por unha serie de probas. Ésta é a  fase favorita da aventura mítica.

E o terceiro, a proba final, dominada pola reconciliación co pai e o retorno a través do limiar, un ritual de paso masculino, o fillo viviu separado do pai una vida impropia da súa liñaxe, pero teima na procura do pai e acaba dando con el no abismo que está máis alá da nai.  En O retorno do Jedi, Luke Skywalker arrisca a súa vida para salvar ó pai, Darth Vader. O fillo salva ó pai, e o pai ó fillo, o gran motivo da reconciliación.

Un pequeno libro, pensaba Campbell, estaba conseguindo o que el sempre pretendera, inspirar a un artista que viña de realizar un traballo que estaba obtendo un recoñecemento mundial. Paradoxicamente O heroe das mil caras fora menospreciado por algúns editores co argumento de que o contido non lle interesaba a ninguén..

Os artistas, escritores, cineastas, pintores, son eses axitadores máxicos que iluminan a travesía heroica das nosas vidas evocando símbolos e motivos que conectan co máis fondo de nós. Todos os mitos que lemos ou nos contan, as músicas que escoitamos, as peripecias que desde nenos vivimos configuran a nosa vida. O que convén saber é que teñen para nós de relevantes agora mesmo.

 José M. Otero

Anuncios