ENTROIDO: O RITO E O MITO

lupercalia-e-ouros-entroidos2

O principio do mundo mítico ou da tradición mitolóxica é aquilo que nos arrebata e, trascendendo toda pauta racional, nos leva máis alá de nós. Sobre este tipo de impulsos empeza a construirse toda civilización.

Joseph Campbell

Quen atenda ó Entroido con mirada  crítica e curiosa, buscándo as razóns dese arrebato colectivo que pon o mundo do revés, poderá descubrir rituais, xestos e comportamentos  que nos remiten a formas e moldes moi antigos, ligados co máis fondo e espiritual do ser humano, onde se agacha o verdadeiro sentido do mito. O mito comeza onde comeza a loucura, o pasmo, a fascinación, o misterio.

Desas formas e modelos, uns xiran arredor das comúns preocupacións sociais e son froito da universal aspiración polo retorno á Idade de Ouro que relata Hesíodo  en Os Traballos e os Días. Durante a Idade Dourada a terra producía a man chea, non había guerras, so concordia. Ninguén se afanaba por facerse rico, polo que todo o mundo vivía feliz e contento. A escravitude e a propiedade privada eran conceptos descoñecidos, todos os homes dispoñían en común do que a natureza regalaba.

Lucas Cranach. A Idade de Ouro. Imaxes Google

Saturno, deus da agricultura e a sementeira, viviu na terra como un rei da Italia agreste dos primeiros tempos e conseguíu coa súa bondade que aquelas xentes rudas e disgregadas se agrupasen, e como isto non era pouco, del aprenderon os segredos da agricultura e a lei como garantía de convivencia. Saturno foi o portador da felicidade  da Idade Dourada para as terras italas. Pero chegou o día en que este bo deus desapareceu de forma inesperada, pero non a súa memoria, pois os homes agradecidos contruíron templos, e moitas colinas e sitios elevados de Italia levaron o seu nome e na súa honra celebráronse a festas Saturnais, que tiñan lugar no último mes do ano, ligadas á temporada agrícola: sementeira ou colleita.

Polos testimonios que nos deixaron os escritores antigos, enchentes, borracheiras, libertinaxe, calquera maneira de dar co pracer son as trazas que definen esta celebración.

Durante  sete días, desde o 17 de decembro ata ó 23, en todas as casas, rúas e prazas de Roma lembrábase a liberdade que reinaba nos tempos de Saturno concedendo ós escravos a licencia de sentar á mesa dos amos, inxurialos, emborracharse con eles, sen que o amo puidese facerlles o máis mínimo reproche. Por un tempo quedaba abolida a discriminación social: non hai escravos, todos se comportan como os homes libres. En todo caso eran os señores os que servían ós escravos. Esta inversión de papeis chegaba a tal extremo que cada familia era un escenario burlesco no que lei e moral quedaban agochadas nun recuncho, para non perturbar aquel gozo de efímera liberdade.

Normalmente o estoupido de forzas reprimidas dexenera en orxía ou en rebumbio extravagante, xa que as paixóns máis escuras atopan a saída que se lle nega na tranquila e xuizosa vida ordinaria.

Noutros casos eses modelos tomarán como base elementos da economía pastoril: purificación e fecundidade, tanto da muller como a do gando, e, consecuentemente, de preservación do gando dos animais silvestres hostís (Lupercalia).

Na terceira aurora que seguía ós idus (13) de febreiro (tendo en conta a contabilidade inclusiva, o 15 de febreiro) na cova Lupercal, no outeiro do Palatino, comezaba a festa co sacrificio dun cabrón e un can, ofrecíanse tamén tortas de fariña ( mola salsa, de onde deriva a palabra inmolar) feitas polas Vestais con trigo da última colleita.

https://www.youtube.com/watch?v=EIsOr9UDtac

Seguía a esta cerimonia un ritual que relata Plutarco: “Dous mozos patricios son conducidos ó lugar do sacrificio. Uns mánchanlles a fronte de sangue co  coitelo do sacrificio, mentres outros llo limpan con la mollada en leite, inmediatamente os mozos rompen a rir. Cumprida esta cerimonia, despois de facer tiras coa pel do cabrón sagrado, os lupercos corren espidos, cubrindo minimamente a cintura e azoutando a todo aquel que atopan no seu paso. As mozas non deben escapar ós seus azoutes xa que era crenza que son eles os que propiciarán a concepción e axudarán na hora do parto….”    PARA SEGUIR LENDO: LUPERCALIA

José M. Otero

PELIQUEIROSlaza

LECTURA COMPLEMENTARIA: NORBERT ROULAND. Laureles de ceniza.

Ed. Edhasa 1990. Páx: 41-43.

PARA LER PICA AQUÍ

Laureles de ceniza

Anuncios