LAMPREA CON NÉCORAS


Na sátira II, 8, Fundanio, un poeta cómico, cóntalle casualmente a Horacio os sucesos do convite que na compaña de Mecenas disfrutaran o día anterior na casa do novo rico, e tamén avaro  e cutre, Nasidieno:

– Preséntasenos unha lamprea servida nunha bandexa adornada de  nécoras flotantes nun mar de prebe. Neste momento o patrón explícanos:

“Esta lamprea pescouse antes de que desovase, xa que a carne sería peor se  se collese despois de ter desovado; a galdrumada mestura os seguintes ingredientes: aceite da primeira colleita de Venafro, garo de intestinos de xarda  en salmoira, con viño de cinco anos do país mentres coce, (unha vez cocido deste xeito dálle o seu punto o viño de Quíos mellor que calquera outro), pementa branca cun pouquiño de vinagre da fermentación das uvas de Metimno. Eu fun o primeiro  que ensinei a cocer eirugas verdes e ínulas amargas, e Curtilo os ourizos de mar sen pasalos por auga, porque é máis exquisita a salmoira natural do marisco que a preparada.”

Anuncios