THE REVENANT: A DIMENSIÓN SIMBÓLICA DO BOSQUE

DIMENSONSIMBOLICA

– ¿Podes oír o vento, pai? ¿Lembras o que dicía miña nai do vento? O vento no pode abater unha árbore por forte que sexa. Aínda respiras… Bótoa moito de menos. Estarei, xusto aquí… Estou xusto aquí. Mentres poidas soster un alento, sigue pelexando. Respira. Sigue respirando. Cando hai unha tormenta… e estás parado fronte a unha árbore… Se ves as ramas, xurarías que van caer… Pero si ves o tronco, notarás a súa estabilidade.

(Subtitulación dos fotogramas iniciais da película)

the_revenant_trailer_grab_h_2015
De onde procede a forza que nos atrapa durante os 156 minutos que dura a película de O RENACIDO? Quizais do espazo do sagrado que hai dentro de nós, como dicía Bergman, onde nacen o soñós e os mitos? Ou neses medos inconscientes que se opoderan de calquera de nós cando nos atopamos perdidos no medio do bosque escuro? Ou é o resultado catártico que nos produce a historia que vemos como reflectida con enganos por un espello máxico?

Os homes e mulleres de hoxe viven, vivimos, angustiados por ameazas terroristas, perigos nucleares, polos problemas derivados da manipulación xenética, inestabilidades económicas, guerras. E se en calquera momento da nosa historia houbese que sair adiante sós, só coa forza do espírito, ¿estariamos capacitados, seríanos posible? Podemos crérnolo?   A función psicolóxica do mito mantense permanentemente actualizada e viva.

Hugh Glass, o heroe renacido, está construído á sombra do heroe clásico, ese heroe que descubrimos en Xasón, ou Ulises, ou Eneas, ou Orestes. O heroe arquetípico comeza a aventuras desde o seu mundo cotiá e secular cara a un escenario de prodixios sobrenaturais onde ha facer fronte a forzas fabulosas,  onde ten que gañar unha victoria decisiva e finalmente retornar á vida para vivila con máis sentido. O regreso é necesario e imprescindible para a circulación continua da enerxía espiritual dentro do mundo.

Esta travesía heroica e mitolóxica, chea de dificultades, é unha travesía interior, e acada unhas fonduras onde reviven forzas que temos esquecidas desde os albores dos tempos e nas que reside a capacidade de transformación do mundo.

O escenario natural, que vai ser un camiño de probas para Hugh Glass, sobrecolle, arrebata, está feito á medida do sobrehumano. Desde sempre o bosque sen camiños repisados, umbroso, hostil, nevado, simboliza o oculto, o mundo escuro, que axexa despois do mundo civilizado, esa zona escura na que proxectar as nosas ansiedades e temores máis fondos. Nunha palabra, o noso inconsciente, que é como falar da perda do coñecemento.

É precisamente nese espazo de proba e iniciación onde hai que afrontar a escuridade interior e, a través dela, actúar para transformarse; o espazo onde a incerterza de quen é un, ha quedar resolta e un comeza a recoñecerse e saber que quere ser. Os bosques son fronteira, son limiar tralo que se extende o descoñecido. As viaxes ós bosques son viaxes iniciáticas, probas, desafíos, a posibilidade de renacer, porque o bosque é símbolo de maternidade e fonte de toda rexeneración.

revenant4

O bosque é o reino da psique, onde se agochan todos os perigos descoñecidos da escuridade. Cando o home entra no bosque está cruzando o limiar máxico, que se converte nun tránsito a unha esfera de renacemento, que na película de The Revenant estaría simbolizada no enfrontamento de Hugh coa osa nai e máis tarde no enterramento do heroe a mans do traidor Fitzgerald. Só así, desde o interior da terra, poderá renacer. O heroe entra nun templo interior; sofre una metamorfose porque unha vez enterrado morre para o tempo e retorna ó ventre do mundo.

A partir de aquí o heroe comeza o camiño de iniciación, a través dunha paixase poboada de ensoñacións e experiencias ambiguas e ata milagrosas, probas imposibles, pero necesarias para a rexeneración personal. Pero o heroe non camiña só, recibe axudas solapadas xa por parte da sombra da muller pawnee, do amuleto de dentes de oso que colga no seu colo, ou mesmo da enerxía que emana do propio bosque.

Cumpridas as mil peripecias desta viaxe inciática o heroe deberá retornar ó reino da humanidade real coa súa bagaxe de sabiduría, o que quere significar a renovación da comunidade, da nación e do planeta. A consumación da vinganza, que parecía  forza movilizadora do heroe contra o traidor Fitzgerald, quedará nas mans de Deus, co que a enerxía vital seguirá fluindo eternamente.

Os dous mundos, sendo distintos como o día e a noite, son o mesmo. O reino dos deuses é a dimensión esquecida do mundo que coñecemos, aquí está a clave para a comprensión do mito e o símbolo. A exploración desa dimensión, voluntaria ou non, encerra todo o sentido da fazaña do heroe.

Entretanto déixome levar pola melancolía da música impresionista de Ryuichi Sakamoto que resoa ominosa como saída das entrañas do bosque, das entrañas da vida, a música eterna do mundo, que convoca a una meditación interminable sobre a esencia do home no mundo de hoxe. https://www.youtube.com/watch?v=5bfr6_Wq–8

José M. Otero

Na noite dos Oscar de 2016

Anuncios