MÁXICAS FRAGANCIAS CÓSMICAS

 

A mesa e o comedor para os romanos eran un espazo sagrado e, en consecuencia, a comida un acto relixioso, cos seus rituais pautados ata no seu mínimo detalle, unha festa coa presenza continuada dos deuses, na que, dun xeito curioso, se mesturaban o relixioso e o profano.

 

 

Para os antigos romanos a mesa simbolizaba a terra portadora de alimentos polo que o comedor resultaba ser a representación do cosmos, onde a mesa, como a terra, ocupa o centro do universo. Nerón, cando constrúe o comedor da domus aurea, concíbeo á imaxe do universo; un inxeñosa tramoia no teito de tablillas móbiles esparexía perfumes e flores que parecían caer teatralmente do ceo. Neste universo miniaturizado todos os rituais tiñan como obxectivo a reconciliación cos deuses. Os deuses só atendían a aqueles fieis limpos fisica e moralmente. Eran inevitables polo tanto rituais de purificación para que este cosmos quedase libre de sortilexios e malos espíritos que puidesen interrumpir a comunicación fluída coas divindades.

 

 

Era crenza xeneralizada entre os antigos que as flores e as fragrancias tiñan este poder purificador, de aí o costume de asperxir polo chan das salas infusión de verbena ou herba de Venus, xa que o seu recendo trasmite alegría ós comensais, trae a paz e afasta as envexas, pero, por enriba de todo, tiña os efectos purificadores que procuraban os que compartían triclinio. Outras veces ciscaban pétalos de flores: das rosas da divindade, da flor de lis, contra os fungos velenosos e as enrugas, de violetas da inmortalidade. Os inmortais, que non coñecen a fame nin a morte, aliméntanse de olores e perfumes, privilexio e sinal da súa condición, pois os mortais han de se repartir as vísceras cocidas no asador e a carne sanguenta do sacrificio.

 

 

Entre todas as flores de calquera xardín había unha especial que non podía faltar en ningún banquete, a flor do azafrán, xa en coroas ou mesturada co viño; o seu cheiro tiña o poder de previr a borracheira e regalar un doce sono a aqueles convidados que se deixaran tentar en exceso polo pracer da bebida. O azafrán é a metamorfose do sangue de Croco, a lembranza da súa cabeleira dourada, un agasallo dun imprudente  Mercurio apenado de lle provocar a morte.

Antes e despois de cada comida todos os convidados realizaban rituais de purificación, tomaban un baño antes de comer e pasaban por auga as mans ó rematar. Os escravos estaban á disposición dos convidados para lavábarlles os pés, limpiárlles a uñas e perfumalos.

Sería fácil pensar no sentido hixiénico destes hábitos, considerados coherentemente, teñen todas as trazas de rituais de purificación física e moral, que acabarán pasando a tradición cristiana e a outras, deixando na actualidade pegadas aínda  moi vivas nas distintas cerimonias sociais.

Bibliografía: Jean-Nöel Robert. Los placeres en Roma. Edaf-. 1992

Anuncios

VENUS, PRACER DE HOMES E DEUSES

pracerdehomesedeuses

citerea 

O crudo inverno esmorece coa agradable chegada da primavera e a brisa do oeste.

Xa a Venus de Cerigo rexe o concerto de danzas á luz da lúa e as Gracias coas Ninfas

bailan cadenciosas. É a hora de  coroar a cabeza de mirto e flores.

A pálida morte pisa co mesmo pé as chozas dos pobres e os palacios dos ricos.

A cisma da vida breve néganos toda esperanza.

(Adaptación de Horacio, Odas, 1,4 )

Pracer de homes e deuses, propicia Venus: debaixo da bóveda do ceo

multiplicas os peixes do mar e fecundas as terras frutíferas; grazas a ti

todo animal é concibido.  Cando ti chegas, foxen os nubrados, dáche

suaves flores a terra, as chairas do mar contigo rin, e brilla con luz

intensa o claro ceo.

Na hora que a galante primavera descobre o seu rostro e o Favonio

desatado robustece o seu fecundo alento, as lixeiras aves cantan

a túa benvida, deusa, porque co amor traspasaches os seus peitos:

polos alegres prados retozan os gandos ardentes, prendidos do feitizo

das túas grazas morren todos os seres por seguirte

 a onde queres guialos, deusa.

Nos mares e nas serras, nos bosques frondosos das aves,

no medio dos ríos desbordados e dos campos que verdecen,

enchendo os seus peitos de brando amor,

fas que as especies se propaguen.  Soberana da natureza,

non hai sen ti contento nin beleza.

LUCRECIO, Da natureza das cousas. 1, 1 e ss.

DOCUMENTO EN PDF

LECTURAS PARA DÍAS MORNOS

CHÁMANME FLORA, PERO FUN CLORIS

eureacloris

MAGNOLIA123

“Eu era Cloris, aínda que agora me chame Flora. Unha letra grega do  meu nome corrompeuse no termo latino. Era Cloris, ninfa das chairas felices, onde sabes que antes homes afortunados tiñan o seu medio de vida; modesta como son resúltame incómodo expor a beleza que me adornaba. Pero esa beleza deulle á miña nai un deus por xenro. Era primavera e ía eu paseando; o Céfiro descubriume,  pero puiden librarme del. Perseguiume, eu fuxín; el era máis forte. E o Bóreas que ousara, soplando do norte, levarse como prea  da casa de Erecteo a súa filla Oritiia, déralle ó seu irmán vía libre para a pillaxe. Non obstante, emendou o seu acto violento, dándome o nome de esposa, e no me queixo do meu matrimonio. Gozo dunha primavera eterna. O ano sorrí sempre, as árbores teñen sempre follas, a terra sempre verde. Teño nos campos da miña herdanza un xardín exuberante , o vento respéctao e unha fonte de auga cristalina régao. O meu marido cubriu este xardín de flores xenerosas e díxome: “Ti, deusa, ostenta a soberanía das flores”. Quixen contar moitas veces  a serie das cores e non puiden; a variedade desbordaba calquera conta. 

explosionfloral

Así que  se esvaeceron das flores a rosada e o orballo, e as follas  recibiron os raios do sol, acudiron as Horas, lucindo roupas de cores vivas, e recolleron os meus regalos en leves canastros. Nese mesmo momento achegáronse as Cárites e teceron coroas e grilandas que servisen para cinguir as tempas dos deuses do ceo.  Fun a primeira en esparexer  as novas sementes  polos campos do mundo.  Antes a terra tiña unha soa cor. Fun a primeira en facer do sangue de Xacinto unha flor, e nas súas follas pode lerse a súa queixa. Tamén ti, Narciso, tes o teu nome nos  xardíns cultivados; pobre, o seu dobre era irreal. ¿Que vou contar de Croco, a flor do azafrán, ou de Atis o das violetas, ou de Adonis, o das anemones?

                                                                                                                Adaptación de Ovidio, FASTOS, V, 195-275

Adaptación: José M. Otero

PARA SEGUIR LENDO picar  CLORIS LECTURA PARA AS TARDES DE PRIMAVERA

¿POR QUE RINCHARÁN OS CABALOS?

“Cando descubran as cinzas de Capys, un descendente de Iulo morrerá a mans duns familiares, pero non tardará en ser vingado polas desgrazas de Italia“.

[Contido dunha prancha de bronce que se atopou na tumba escavada de Capys] Suetonio

 

Relata Suetonio na “Vida dos doce Césares”  un  rumor que corría por toda Roma como unha mensaxe de mal agoiro nos días previos ós Idus de Marzo: que os cabalos consagrados ós deuses por César ó pasar o Rubicón andaban soltos, sen dono, que se negaban a comer e rinchaban como se chorasen. Algún arúspice ousou dirixirse a César aconsellándolle  que se gardase do perigo que o ameazaba para os Idus  de Marzo. Estaba tan convencido César do seu poder que mesmo desprezou o valor dos presaxios e os consellos de augures e arúspices, os que consideraba unha gavela de falapoucos e baralleiros. Non lle tiña medo á morte, pois nin sequera aceptaba a súa propia garda persoal e, o que era peor, mostraba certos acenos tan  autoritarios de desprezo  ós senadores que moitos deles sentiron a súa dignidade ofendida.

 

Desde o seu triunfo en Hispania non deixaba de ser colmado de honores. sacrificios polo seu aniversario (honor divino reservado ós reis no mundo grego), votos anuais polo seu benestar, a inviolabilidade da súa persoa. Nas cidades de oriente xa lle concederan honores iguais ós deuses. Noutra ocasión, aínda que con non disimulada teatralidade, diante do pobo, desprezaba outros honores , como a renuncia a unha diadema real durante as Lupercalia, quizais co propósito de non asustar os defensores das liberdades da República romana. Pero foi a concesión da ditadura vitalicia o que lle  pareceu inaceptable a senadores convencidos por tradición de que a esencia da República residía na liberdade. Este ano eran pretores Casio e Bruto, os cales tiñan na súa liña dinástica verdadeiros defensores da liberdade e contrarios ó poder monárquico,  ó extremo de ter acuñado noutros tempos  moedas coa lenda: “Liberdade”.  PARA SEGUIR LENDOOs idus de marzo (PDF)