PAXAROS COMO HARPÍAS

Había uns paxaros moi voraces, non son as Harpías, aínda que se sabe que descenden delas que emporcallaban a comida do cego Fineo, . Teñen cabeza grande, uns ollos que te cravan, peteiros apropiados para raspiñar, plumas brancas e uñas como anzoles. Voan de noite e atacan ós nenos  mentres a ama de cría anda noutras labores, maltratando os seus corpos que esgazan no mesmo berce. Din que trituran a peteirazos as vísceras dos que aínda maman, e que teñen a gorxa chea do sangue que beben.

Chámanse estrigas, chuchasangues ou vampiros, a razón deste nome é polo costume de grallar de noite dun xeito que dá arrepío. Sexa como sexa, tanto se estes paxaros nacen, como se son froito dun encantamento, e son vellas meigas que un maléfico feiticeiro marso transforma en paxaros, metéronse no aposento de Procas, o rei de Alba. Era este, que nacera naquel cuarto, con cinco días de vida un botín fresco para as súas voraces linguas; o infeliz bebé choraba como quen pide axuda desesperadamente. Alarmada polos choros do seu pupilo acudíu correndo a aia e viu as meixelas rabuñadas por uñas ben afiadas.
¿Que podía facer ela? A cor de cara da criatura era como a das follas tardías que murcha o inverno cando acaba de chegar. Sen tardanza vai á procura da vidente Carmenta, a ninfa de Xano, para contarlle o que estaba a pasar. Carmenta, que podía ler o futuro, respondeulle: “Non chores máis, o teu pupilo vaise salvar”. Achegouse ó berce, o pai e a nai choraban. Ela díxolles palabras cheas alento: “Deixade de chorar, eu vouno curar”.
Sen máis bateu tres veces nas xambas da porta con follas de albedro; tres veces con follas de albedro sinalou o limiar. Salpicou con auga a entrada (a auga era tamén medicinal) mentres sostiña as entrañas crúas dun leitón femia de dous meses. E pronunciou estas palabras: “Paxaros nocturnos, respetade o corpo do neno; por un neno pequeno sacrificamos unha víctima pequena. Aceptade, por favor, corazón por corazón e entrañas por entrañas. Entregámosvos esta vida por outra mellor”.
Rematado o sacrificio, dispuxo ó aire libre as entrañas partidas e prohibiu ós presentes na ceremonia volver a vista atrás. Depositou  por último unha vara de espiño branco nunha xanela que deixaba pasar a luz ó aposento.
Cóntase que despois de aquel ritual máxico os paxaros non atacaron nunca máis o berce e o neno recobrou a cor que antes tiña.

(Adaptado de Ovidio, Fastos, VI, 131 e ss. José M. Otero)

Anuncios