ENTRE MEDUSAS E BASILISCOS

Portada-Medusa-Rubens

Polas últimas fronteiras da Libia, onde a abrasada terra linda co Océano, chamuscada polo sol que afonda nel cada día,  estendíanse amplamente os inaccesibles campos da Medusa, a  filla de Forcis, desprovistos da sombra de arborados bosques, xamais  removidos por ningún arado,  máis ben ourizados de rochas nacidas da mirada letal da súa dona. Daquel pescozo naceron as serpes que emitiron estridentes asubíos coas súas linguas vibrátiles.  As serpes que azoutaban igualmente o colo de Medusa cando aínda podía compracerse con elas. Soltas polo lombo a modo de cabeleira feminina, xorden unhas cobras, encrespadas tamén na fronte, e ó peitear as súas guedellas flúe o veleno viperino. 

Este monstro ousou ameazar o mar cunha paralización insólita e petrificar o universo.  As aves, volvéndose subitamente pesadas, caeron do ceo, as feras confundíronse cos cumios, todas as xentes veciñas dos etíopes semellaban figuras de mármore. 

Ningún ser vivo podía aguantar a súa mirada, e mesmamente as serpes evitaban o rostro da Górgona escapándolle. Ela converteu en rochas a Atlante, o Titán que se erguía ó pé das columnas de Hesperia; e, cando moi lonxe no tempo,  o ceo arripiou cos xigantes con pernas de serpes de Flegreas, tornounos empinadas montañas, e á  guerra implacable dos deuses púxolle fin desde o centro do peito de Palas……. (PARA SEGUIR LENDO POST EN PDF)

Basilisco

O Basilisco, que emite asubíos que aterran a todas as pestes anteriores, mata antes de inocular o seu veleno , escorrenta ó seu paso, ó longo deste inmenso e areoso  territorio, a toda a turbamulta de reptís e impón o seu poder nas areas do deserto. O Basilisco crea o deserto, é o deserto mesmo, onde morren os paxaros e apodrece calquera froito. As augas nas que bebe  quedan infectadas para sempre. A súa mirada quebra as pedras e queima as herbas. Só o cheiro da donicela e o canto do galo teñen o poder de o abater

.rubens.jpg

Tamén a vós, que reptades por todas as terras como divindades inofensivas, Dragóns refulxentes de dourado resplandor, a ardente África convértevos en mortíferos: remontades con alas o ceo  e, perseguindo a rebaños enteiros, quebrantades a golpes de cola, enroscándovos neles, xigantescos touros; nin o elefante está seguro, pese ó seu volume: todo o entregades  á morte e, para os vosos nocivos estragos, nin sequera necesitades veleno. 

SIMBOLOXÍA

MEDUSA:   simboliza o tormento da culpabilidade reprimida. Topar coa Medusa de fronte é dar de cara con espanto coas culpas propias. A peor culpa é a desmesura; a morte da Medusa por Perseo significa o triunfo da harmonía, o equilibrio e o sensato coñecemento de si mesmo.

BASILISCO: é  o emblema do odio, da crueldade e da morte. En Oriente atribuíaselle a forma mesturada de galo, serpe e sapo. Carácter infernal. É un dos garda do tesouro.

DRAGÓN: simboliza o obstáculo definitivo que hai que salvar, antes de acadar o éxito que se persegue. O mal que cómpre aniquilar para que triunfe o ben. O dragón é “o animal”, “o adversario”. 

Anuncios