PRACERES EFÉMEROS

praceres

las-parcas

O destino inexorable do home atempérase cos praceres efémeros. Un xogo entre o desánimo e a afirmación. “Aurea mediocritas”, o punto medio entre o éxito e a miseria, o temor e a insolencia. 

Lémbrate, Delio, de manter

o ánimo sereo no infortunio,

na felicidade controlar a insolente ledicia, 

 pois vas  morrer

 xa vivas agoniado cada momento da túa vida ,

xa, deitado nun prado retirado  nos días

 felices, te comprazas saboreando

o máis delicado viño de Falerno.

¿Por que o alto pino e o chopo prateado gustan

trenzar sombra acolledora

coa súa ramaxe? ¿Por que  no río

sinuoso a auga fugaz  flúe rápida?

Ordena servir  viño e ungüentos

e deliciosas rosas de efémera frescura

mentres  o permitan os teus negocios, a túa idade

e os negros fíos  do Destino.

Deixarás os soutos que compraches e a casa

e a túa granxa,  que  rega o rubio Tiber;

deixaralos, e un herdeiro farase dono

das riquezas que ti acumulaches.

Xa foses fillo do mítico Inaco,

xa, coitado de familia pobre,

vivises ó sereo, nada importa,

nada, vítima do inmisericorde Demo da Morte.

Todos acabamos no mesmo lugar, o gobelete

remove os dados,  máis tarde ou máis cedo

vai caer a sorte de todos

e só queda embarcar cara ó exilio eterno.

Horacio, Odas, II, 3

Tradución de José M. Otero

Anuncios

NON DEIXES DE GOZAR CADA DIA

Non houbo poeta que mellor coñecese o prezo da felicidade que Horacio, e ben sabía el  que non está na man de calquera conseguila, porque só é accesible a unha minoría.  A vida louca da urbe só lle produce desprezo a quen busca nunha pequena casa de campo da Sabina a tranquila felicidade e a resposta irrenunciable á necesidade de gozar cada día que pasa como se fose o último. Unha fórmula que non sempre foi ben comprendida; houbo quen chegou a pensar que o obxectivo vital do poeta eran os praceres vulgares da existencia. Pero esta determinación nace como resultado dunha fonda reflexión moral sobre unha sociedade que vive en constante axitación desde que el era neno: fronte ós incentivos da ambición e o heroismo prefire  a paz e a liberdade de espírito e de corazón, aliados coa amizade, proclamada polo epicureismo, indispensables para o pracer. Horacio atopa este pracer na creación poética.

“O ánimo  orientado ó presente evite a inquedanza polo futuro e atempere os pesares con sorrisos.”

 

Ves como loce branco o Soracte con neve

na cima e como os frondosos xardíns     

perden a exuberancia e os ríos    

cristalizan conxelados.

Espanta o frío botando  leña  no lume     

en abundancia e  saca,  Taliarco,

amablemente  da cántara sabina     

o viño de catro anos.

Deixa o resto nas mans dos deuses, que a  un tempo

acalmaron os ventos embravecidos no mar 

tormentoso e xa non bambean  

os cipreses nin  os vellos ulmeiros

Déixate de preguntar que pasará mañá 

e calquera día que a fortuna che regale cóntao

 como ganancia; non despreces, 

 rapaz, os doces amores nin o baile     

mentres  as morosas canas  quedan lonxe

do vigor xuvenil. Agora procura o Campo de Marte, 

as prazas e os suaves suspiros 

da noite na hora convida, 

agora   tamén   as agradables risiñas  

delatoras  da moza que se agacha no íntimo recanto

e  a prenda de amor arrebatada dos seus brazos

 ou do dedo maliciosamente picarón.

HORACIO, Odas, I, 9

           Trad. José M. Otero